OS PÉS NO DEPORTE: PRINCIPAIS PATOLOXÍAS E COIDADOS A SEGUIR

Non hai lugar a dúbidas de que o pé é un elemento chave da nosa estrutura anatómica á hora de falar de calquera rama do deporte. É por isto polo que é tan importante coidalo e tomar todas as medidas de prevención necesarias para evitar calquera tipo de lesión ou patoloxías. Estas medidas van dende a elección dun correcto calzado até a visita regular ao podólogo.

Os mecanismos lesionais máis habituais no deporte en xeral son os traumatismos agudos ou por impactos repetidos e as patoloxías por sobreuso. Estes vense favorecidos por factores de risco como un calzado inadecuado para o deportista ou para a actividade, o terreo de xogo, un mal xesto deportivo e a condición física do xogador. Por isto, a supervisión para garantir o bo estado dos pés é fundamental e, para asegurarse da saúde destes, débense aplicar uns coidados mínimos que oscilan entre factores como unha elección axeitada de calzado ou un estudo podolóxico previo até a realización dun correcto quentamento para entrenar ou xogar, así como un adecuado enfriamento.

A través do pé transmítense tanto as forzas do corpo, como as forzas reactivas do chan, polo que é importante a elección dun calzado idóneo. Un primeiro cribado que debe cumprir o calzado é a adaptación a catro factores: o pé do deportista, ás esixencias de cada deporte, a superficie na que se practique e o nivel de entrenamento. Neste sentido, e de forma xeral, debe ter unha boa adaptación, non comprimir, bo amortecemento e acordoado para unha mellor adaptación e suxección á anatomía do pé.

O quecemento ao comezo do entrenamento ou do xogo e os estiramentos ao final de cada actividade son a base dunha boa práctica deportiva. Un bo quentamento (e enfriamento) prepara aos músculos, ligamentos e articulacións ante posibles lesións, polo que é importante realizalo antes e despois de cada actividade deportiva.

Un estudo biomecánico da pisada do deportista pode ser útil para coñecer as posibles alteracións na estrutura do pé ou na súa maneira de pisar, pois á hora de facer deporte pode producir lesións como rozaduras, ampolas ou durezas. Sen embargo, tamén pode levar a sufrir dores musculares, ligamentosos e osteoarticulares provocados por diversas patoloxías como, por exemplo, a fascite plantar ou diferentes tendinopatías. Deste xeito, cun estudo podolóxico previo pódense previr ou tratar estas afeccións a través da prescrición de soletas personalizadas que mellorarán distintos aspectos da pisada como pode ser a distribución de presión, e a distribución das forzas, a través do cal se poderán evitar as sobrecargas musculares e patoloxías varias.

Algunhas das patoloxías máis habituais en deportistas son a fasciopatía (fascite) plantar, a tendinopatía aquílea, as escordaduras ou a inestabilidade crónica do nocello. A fasciopatía plantar refire á dor na rexión do talón provocada pola irritación da inserción do tecido que recobre os músculos da zona (fascia plantar), no óso do talón (calcáneo). É unha das lesións máis habituais en deportistas, normalmente corredores. Outra das máis habituais e a tendinopatía aquílea, que e a lesión do tendón de Aquiles que normalmente se da por sobre uso en deportistas que corren ou saltán de maneira repetida. Nas dúas patoloxías anteriores a biomecánica do deportista e un factor de risco importantísimo. Pola súa banda, as escordaduras son unha das patoloxías que afectan aos pés máis habituais na poboación en xeral, e nos deportistas en específico, representando para estes últimos o 30% das lesións deportivas. Esta é unha patoloxía músculo-esquelética causada polo estiramento ou rotura das fibras dos ligamentos do nocello debido a unha torcedura que, dependendo da gravedade da lesión, poden estar parcial ou totalmente afectadas. Por último, a inestabilidade crónica de nocello chega a ser frecuente en deportistas que sufriron escordaduras repetitivas ou que non chegaron a curar, dando lugar a inestabilidade da zona e dor crónica.

Ademais, a visita regular ao podólogo será fundamental para manter a saúde dos deportistas, en especial, se sofren roces e ampolas con frecuencia, se sofre dor a miúdo nas plantas, nocellos e xeonllos ou se gasta moi rápido as súas deportivas.

Bibliografía:

  • Consejos podológicos para el deportista (2014), Clínica Leven.
  • García, A.; Mondéjar, F.; Gómez, D.; Agull´lo, A. (2012) El pie en el deporte. Sociedad Valenciana de Medicina Física y Rehabilitación.