O Colexio de Podólogos de Galicia recomenda o gateo nos máis pequenos polos numerosos beneficios que reporta para o seu desenvolvemento
A influencia do gateo no desenvolvemento psicomotor dos máis pequenos convérteo nunha etapa clave á hora de garantir a aprendizaxe de habilidades básicas para o crecemento do bebé. A maioría dos especialistas coinciden en recomendar aos pais que permitan aos seus fillos gatear con total liberdade antes de comezar a dar os seus primeiros pasos en posición vertical. A supresión desta fase, animando aos nenos a pasar directamente ao bipedismo, pode traer consigo graves consecuencias sobre o seu desenvolvemento físico e psicolóxico.
O principal beneficio do gateo para o crecemento do bebé, unha etapa que normalmente se inicia entre os 8 e os 11 meses de vida, aproximadamente, é a autonomía que é capaz de desenvolver a través deste proceso. O feito de poder desprazarse con liberdade e seguridade no espazo dota de confianza aos máis pequenos, que aprenden a valerse por si mesmos sen necesidade de recorrer aos seus pais ou aos seus educadores para executar calquera movemento.
Máis aló do plano emocional, o desprazamento sobre as catro extremidades tamén fomenta a mellora de numerosas habilidades físicas e cognitivas nos máis pequenos. O descubrimento autónomo de novos espazos potencia o sentido da vista. Desta forma, os bebés son capaces de enfocar e distinguir obstáculos a media e larga distancia, así como de calcular a distancia á que se atopan as súas mans destes obxectos.
A exploración do espazo mediante o gateo tamén mellora a tactilidade das mans do bebé. Conforme este comeza a tocar e a agarrar diferentes obxectos, con superficies de características variadas, vólvese capaz de distinguir texturas e cores, o que facilitará o desenvolvemento da súa motricidade fina e a aprendizaxe da información relacionada co medio que o rodea.
A alternancia de mans e pernas á hora de desprazarse desenvolve o patrón cruzado, a función neurolóxica que permite o desprazamento corporal dunha forma equilibrada e organizada. Ademais, os movementos levados a cabo polo bebé permítenlle tonificar a musculatura, mellorar a coordinación visual coa motora dos membros superiores e inferiores e desenvolver a súa columna vertebral, o que lle servirá de axuda para manterse ergueito cando comece a dar os seus primeiros pasos.
No momento do seu nacemento, a columna vertebral do bebé presenta forma de “C”. Polo tanto, un neno que acaba de nacer no posúe a forza nin o equilibrio necesarios para manter a súa cabeza ergueita. Conforme os seus músculos comezan a fortalecerse, o bebé desenvolve a capacidade de soster a súa cabeza e de mover o pescozo, curvándose lixeiramente a súa columna vertebral. Durante a etapa do gateo, o bebé desenvolve a curva inferior das súas costas, así como os músculos que lle permitirán poñerse de pé, momento no que a súa columna vertebral estará completamente formada.
A maiores de mellorar a estabilidade e o equilibrio do bebé, esta fase do desprazamento dos máis pequenos tamén potencia a súa coordinación. O gateo conecta os hemisferios cerebrais e axuda a fixar a futura lateralización do cerebro, é dicir, a división do traballo entre ambos para non ter que poñer en funcionamento os dous á vez. A maduración das diversas funcións cognitivas do cerebro facilita o futuro desenvolvemento persoal do bebé.
Todos estes beneficios, e moitos máis, converten o gateo nunha etapa fundamental no desenvolvemento físico, cognitivo, emocional e social do bebé. Este proceso supón un impulso á formación da súa conciencia individual, xa que lle permite potenciar a súa autonomía, seguridade e autoestima, ao mesmo tempo que reporta numerosos beneficios para o seu crecemento, tanto a nivel físico como psicolóxico. Porén, é importante permitir que o bebé gatee, se sente ou camiñe cando se sinta preparado. O papel dos pais consiste en estimular ao seu fillo sen exercer presión, xa que a aceleración forzada destes procesos podería interferir negativamente no seu desenvolvemento.
Durante a primeira etapa do desenvolvemento da columna vertebral dun bebé, a etapa da curva C, é importante apoiar unha man detrás do seu pescozo e outra detrás da parte baixa das costas á hora de levantalo, en lugar de agarralo por debaixo dos brazos, o que podería resultar prexudicial para o correcto desenvolvemento da súa columna vertebral.
A medida que o bebé comeza a desenvolver a curva vertical polo pescozo, é recomendable poñelo boca arriba para que aprenda a levantar de forma autónoma a cabeza e o peito. Aínda que o neno poida tratar de sentarse só nesta etapa é recomendable non colocalo en cadeiras ou randeeiras durante un largo período de tempo ata que non sexa capaz de manter totalmente o equilibrio, xa que pode que aínda non estea preparado para manterse nesa posición.
A etapa final coincide co momento no que o bebé desenvolve a curva na columna lumbar e comeza a gatear para, pouco a pouco, aprender a camiñar ergueito. Nesta etapa é importante prestar especial atención ao uso de certos accesorios que, aínda que poida parecer que potencian o desenvolvemento e o crecemento do bebé, poden debilitar a súa columna e as súas articulacións.
Á hora de elixir unha mochila portabebés, o principal aspecto a ter en conta é que as cadeiras do bebé estean ben apoiadas. Polo tanto, debe evitarse o uso de aquelas mochilas nas que as súas pernas colguen rectas cara a abaixo, xa que esta posición exerce unha excesiva presión sobre as articulacións da cadeira e na parte baixa das costas.
En canto aos andadores, o seu uso non é recomendable nin reporta beneficios para o crecemento do bebé. O principal perigo que entraña o uso destes aparatos é a alta probabilidade de sufrir accidentes que poidan provocar fracturas nos nenos como, por exemplo, caerse polas escaleiras. Ademais, o seu uso non contribúe a mellorar o desenvolvemento psicomotor dos bebés, ao contrario, retarda o inicio da marcha autónoma.
Porén, se o teu fillo non gatea e comeza a dar os seus primeiros pasos ergueito, non debes preocuparte, xa que non todos os bebés teñen por que atravesar esta etapa. Aínda que os beneficios do gateo son múltiples, a ausencia desta fase non implica a existencia de problemas no desenvolvemento dos nenos. A maiores, existen algunhas técnicas para animar ao teu fillo a gatear, que poden comezar, por exemplo, por colocalo boca a abaixo mentres xoga.