Jesús Calleja Sanz: “Hai que facerlles comprender aos nosos compañeiros que veñen de graduarse que a imaxe da profesión non mellora cos 2×1”
O pasado 6 de xuño, o Colexio Oficial de Podólogos de Galicia festexou o seu vixésimo quinto aniversario cun acto conmemorativo ao que asistiron máis dun centenar de invitados. No marco desta celebración, o COPOGA entregou as insignias da institución aos colexiados e colexiadas que contan con máis de 25 anos de exercicio profesional, como homenaxe por abrir camiño no desempeño da profesión e pola súa dedicación á saúde e benestar dos pacientes.
Con motivo deste recoñecemento, quixemos repasar a traxectoria profesional como podólogo dun dos homenaxeados no 25 aniversario do COPOGA, Jesús Calleja Sanz, que abriu a súa clínica en Carballo no ano 1997.
Como descubriu que quería dedicarse á podoloxía?
Tiña claro que quería dedicarme a unha profesión sociosanitaria mais non sabía exactamente a que rama. A podoloxía xurdiu como alternativa, despois de facer Anatomía Patolóxica. Enganchoume sobremaneira e aquí sigo.
Como foron os seus inicios na profesión tras acabar a carreira?
Complicados, mesmo durante a carreira. Abriran unha escola extraordinaria na Complutense, en Madrid, mais non había dispensario, é dicir, non tiñan cartos abondo para material funxible, polo que as prácticas eran sumamente reducidas e os pacientes sempre os mesmos: os funcionarios que traballaban na universidade. Entón, tiñamos que buscarnos a vida.
Os meus inicios na profesión empezaron cando aínda era estudante, en clínicas de compañeiros que nos abrían as portas porque sabían que non tiñamos as prácticas adecuadas. Tamén traballaba nun dispensario en San Bernardo, que estaba xestionado por unhas monxas. Alí podiamos atender a persoas que tiñan poucos recursos e que nos daban a vontade. Se che daban 500 pesetas, eras capitán xeral.
Despois, cando abrín a clínica en Carballo, tampouco foi fácil. Viñera desde moi lonxe e tiña que pagar o investimento feito na clínica. Ademais, estou nunha praza algo complicada. Tiven a sorte de que a miña primeira paciente, que veu o mesmo día que abrín, era a irmá do propietario dunha farmacia moi coñecida en Carballo. Quedou moi contenta e axudoume moitísimo. Grazas ao boca a boca foron chegando máis pacientes. A verdade que o comezo foi difícil.
Desde que ano exerce como podólogo?
Cando empecei a traballar nin sequera rematara a carreira. Hoxe en día iso é algo impensable. Nós tivemos que buscarnos a vida se queriamos dedicarnos a isto. Eu descubrín que me gustaba e se non me podían formar de forma práctica na universidade, tería que buscarme a vida. A miña promoción empezou no ano 1993 e en 1994 xa estaba traballando. Despois, no 1996, en canto rematei os estudos, empecei a exercer, primeiro en Madrid e logo en Galicia. A clínica abrina en 1997.
Cales son os principais cambios que sufriu a profesión desde que comezou a exercela?
En 25 anos a profesión cambiou totalmente. En primeiro lugar, cambiou a mentalidade dos pacientes, que xa non van ao callista, senón que van ao podólogo. Isto forma parte da docencia que moitos profesionais levamos facendo desde que empezamos, porque coas primeiras persoas coas que temos que facer docencia é cos nosos pacientes. Hai que ensinarlles que se teñen unha dureza é por algo, que non é algo que salga porque si.
Nos inicios, os podólogos dedicábanse a solucionar as consecuencias do problema no canto de atallalo de raíz. Empezaba a haber algúns podólogos que buscaban a orixe dos problemas, mais eran os menos, a inmensa maioría facían o outro. Afortunadamente, hoxe en día iso mudou por completo. Para atopar o que ocasiona a doenza tes que ter unha boa formación e coñecer técnicas avanzadas.
Ese é o gran cambio que houbo na podoloxía e o que aínda queda por haber. O callista ao uso teríase que extinguir. Non se pode ir á clínica só a que che quiten un callo ou unha dureza que che produciu un zapato. Se che están saíndo unha serie de durezas na planta do pé hai que solucionar o problema de orixe, é dicir, o que xera esas durezas. Temos que facelo todos, non só a maioría. Iso é o que vai marcar a diferenza na profesión.
Evolucionaron moito as técnicas empregadas nos tratamentos podolóxicos desde que comezou na profesión?
O mundo da informática evolucionou. Desde que empecei vinme influído por esas novas técnicas, que daquelas eran pioneiras. Por exemplo, as plataformas de agora non teñen nada que ver coas que había antes. Recordo a primeira que utilicei cando cheguei aquí, unha das primeiras que había en Galicia, que era un programa que non tiña absolutamente nada que ver co que traballamos hoxe en día. Este tipo de medios cambiaron tremendamente.
No ámbito cirúrxico, por desgraza, a maioría das intervencións baséanse en transformar ou cambiar os problemas que dan outras técnicas. Cando para unha mesma patoloxía temos máis de 50 técnicas cirúrxicas diferentes significa que algo non funciona ben. Neste sentido, fomos mellorando, mais non o suficiente. Aínda queda moito campo de investigación e de acción para seguir avanzando. Desde que empecei apareceron numerosas técnicas cirúrxicas, mais son avances que foron xurdindo na cirurxía en xeral, non na podoloxía en particular. Obviamente adaptámolos e fixémolos nosos, porque se tes medios é para utilizalos, mais non vexo que isto sexa algo tan transcendente como o avance que sufriu a podoloxía como profesión.
Medrou considerablemente a cantidade de especialistas podólogos desde os seus inicios?
Desde logo. Cando cheguei a Carballo o único podólogo que había era Joaquín Caamaño, que xa está xubilado. A día de hoxe, xa só en Carballo non sei cantos hai, mais é que os arredores están infestados de podólogos. Cando empecei tiña pacientes de Finisterre ou de Cee que viñan ata Carballo. En Arteixo, por exemplo, só había un podólogo. Afortunadamente, agora hai moitísimos compañeiros. Ten que habelos. Se eu despois de 25 anos, con todos eses compañeiros que abriron as súas clínicas, sigo funcionando, é que hai cabida para todos.
Notou un incremento do número de pacientes que deciden acudir á consulta do podólogo desde que comezou a exercer a profesión ata a actualidade?
Totalmente. Cada vez máis pacientes van ao podólogo e hai unha maior demanda social deste profesional. Isto tamén se debe a que os nosos compañeiros doutras especialidades están a derivar directamente aos pacientes á consulta do podólogo. Non é o mesmo o resultado das soletas que che facía o ortopedista que as que che fai o podólogo. Os resultados son totalmente diferentes. Nós temos coñecementos de biomecánica e sabemos o que lle estamos facendo ao paciente porque previamente fixémoslle un bo estudo.
Cre que a visibilidade da podoloxía e a súa valoración por parte da sociedade melloraron nos últimos anos?
Claro, por suposto. En parte grazas a todo o que dixen anteriormente, en especial ao aumento do coñecemento sobre a profesión.
Cal é o principal reto ao que se enfronta a profesión na actualidade?
O principal reto que ten agora mesmo a profesión é ser recoñecida no Sistema Nacional de Saúde. Un reto fundamental que nalgunhas comunidades xa se logrou. É obvio que implantar unha especialidade presenta uns custos elevados, mais o que temos que ter en conta é que a podoloxía vai xerar uns aforros infinitamente superiores aos custos que ocasiona.
Para rematar, que consello lle daría a aqueles rapaces que están estudando a carreira de Podoloxía, ou iniciándose na profesión, para desenvolver unha carreira de éxito?
A min foime ben sendo honesto. Penso que un ten que coñecer os seus límites e facer o que sabe, e se non sabe, mandar a quen o saiba facer. Hai que ser honesto nesta vida e cando fagas as cousas, facelas pensando que o que estás a facer é o mellor para o paciente. Obviamente, podes cometer un erro, mais se che equivocaches pensando que o que estabas a facer era o correcto e o mellor para esa persoa, xa está. Agora ben, se tes dúbidas de que sexa o mellor para esa persoa e pensas que hai outro que o sabe facer mellor que ti, derívao. Dedícate ao que sabes facer realmente ben.
Á hora de montar unha clínica, se non tes outra saída profesional, non che queda máis remedio. Nese caso, o que tes que facer son estudos de mercado. Se estás nun municipio pequeno onde hai 30 podólogos, igual non hai capacidade para 35. Hai que facer valoracións de onde compensa abrir unha clínica ou non, porque a ti tócache empezar e non se pode empezar con operacións bikini. Non podes comezar ofrecendo o mesmo servizo que outra clínica mais moito máis barato. Hai que facerlles comprender aos nosos compañeiros que veñen de graduarse que teñen que valorar o seu traballo e a súa propia profesionalidade. A imaxe da profesión non mellora cos 2×1.
Nesta profesión aínda quedan moitas cousas boas por vir, moito que ofrecer e moito que educar. Hai que educar en saúde á cidadanía. Igual que se educa en saúde en xeral, temos que educar aos nosos pacientes en saúde podolóxica, non só formarnos nós como profesionais, que obviamente é estritamente necesario para poder ofrecer os servizos axeitados para o paciente.
*O Colexio Oficial de Podólogos de Galicia non se responsabiliza da opinión dos entrevistados.