Os pés na danza: principais lesións e a súa prevención

Malia que a danza é unha rama da escena artística,  tamén é preciso que o bailarín conte cunhas determinadas condicións físicas para ser quen de soportar o esforzo que supón bailar. Ademais, a danza adoita supoñer un esforzo físico moi grande que implica lesións no profesional, sendo os pés unha das zonas máis afectadas. As lesións máis habituais na danza acontecen no membro inferior. Por orde de frecuencia, no nocello (co 39%) e pé (23%), seguidos da cadeira (20%) e xeonllo (18%).

A tendinite é unha das lesións máis frecuentes, localizándose con maior frecuencia na zona do tendón de Aquiles. Sen embargo, a lesión máis repetida entre bailaríns adoita ser o hallux valgus, seguido dos dedos en garra (41%), hiperqueratoses (31%) e problemas nas uña,  encabezados polos hematomas (1.5%). De feito, tense demostrado que canto máis temperá é a idade de iniciación nesta rama da arte, maior é a probabilidade de padecer deformidades dixitais como o hallux valgus ou xoanete. O mesmo acontece cos profesionais da danza clásica fronte a outras modalidades. Por outra banda, aínda que na maioría dos casos os seus pés contan cunha anatomía normal (65%), é relativamente frecuente a presenza do pé cavo (17%), seguido do cavo-valgo (9%) e o pé plano (9%).

Os bailaríns e bailarinas profesionais rematan por adquirir unha maior mobilidade e flexibilidade. É así que se ten demostrado un aumento do rango de mobilidade en zonas como o nocello. Neste sentido, os esforzos reiterados na zona conlevan, case de forma inevitable a distintas condicións e lesións que afectan aos pés. Estas pódense dividir en varias categorías, sendo unha delas a variación morfolóxica do pé relacionada coa súa práctica:

  • Hallux valgus. É unha desviación do primeiro dedo do pé e a consecuente deformación e inflamación da articulación, o que se coñece como xoanete. No profesional da danza inflúe o traballo sobre a punta do dedo, polo efecto da posición e da forma da zapatilla. Así mesmo, neste caso adoita ser bilateral e con relación entre o baile clásico e a idade de inicio no mesmo.
  • Dedos en garra. Está motivado pola sobrecarga que produce a posición de punta sobre o primeiro e o segundo dedo. O pé adaptouse á posición habitual de danza, para soportar mellor a carga, o que implica que o segundo dedo adoita gañar densidade de tecido óseo para resistir mellor o esforzo. Outros factores inflúen na formación de dedos en garra como a existencia previa dun xoanete, condicións xenéticas, o calzado empregado, o ton muscular, a morfoloxía ósea e articular, etc.

Como xa se dixo, as lesións musculares máis habituais implican o tendón de Aquiles, pero tamén os ligamentos do nocello.

  • Escordadura de nocello. É unha das lesións máis comúns, xa que é unha das zonas que máis traballa e, xeralmente, afecta ao ligamento peroneoastragalino anterior. Os factores que predispoñen a esta lesións son pés débiles, un mal control do nocello, unha técnica defectuosa que pode levar a un mal salto ou unha superficie inadecuada para traballar, entre outros.
  • Tendinite de Aquiles. Prodúcese a inflamación do tendón de Aquiles. Para evitar esta lesión débese evitar bailar sobre superficies pouco axeitadas, empregar o calzado correcto e sen apertalo excesivamente. É tamén moi importante ter unha carga de traballo axeitada a condidión física da persoa.
  • Tendinite e tenosinovite do flexor longo do dedo gordo. Considérase unha lesión propia dos bailaríns, xa que a súa aparición fóra da profesión é rara. É unha inflamación do tendón ou da vaina que o rodea, provocada por un soporte incorrecto do peso, por un golpe directo, pola presenza de presión por parte das zapatillas ou, máis frecuentemente, pola debilidade do músculo do antepé.
  • Fascite plantar. É a dor na rexión do talón provocada pola irritación da inserción do tecido que recobre os músculos da zona (fascia plantar), no óso do talón (calcáneo). É unha lesión habitual en deportistas.
  • Síndrome da cola do astrágalo. Aparece dor na zona posterior do nocello ao realizar flexións repetitivas, como acontece co traballo de puntas nos bailaríns. A súa aparición pode estar motivada polo traballo con peso colocado atrás ou ao volver a bailar tras un longo período de inactividade.

Por outra banda, os continuados esforzos e o uso de calzado, pode levar a lesións e afeccións cutáneas dos pés. Entre esta categoría poderíase destacar:

  • Hiperqueratose e calosidades. Fai referencia ao engrosamento da capa máis superficial da pel do pé a causa dun aumento de células mortas e descamadas. Mentres que a hiperqueratose plantar se dá na maioría dos profesionais, arredor do 80%, no dorso dos dedos afecta nun 40%. 
  • Uña encarnada. Aínda que se pode deber a compoñentes xenéticos, na maioría dos bailaríns débese ao uso dun calzado estreito ou moi apertado. Para a súa prevención deberíanse cortar as uñas rectas e evitar o calzado estreito.
  • Outras lesións. Van dende ampolas, verrugas plantares e fisuras na pel até paroniquia (infección da pel arredor das uñas).

Así mesmo, os esforzos continuados e un mal exercicio poden levar a lesións máis graves como poden ser as fracturas de estres dos metatarsianos, sendo o segundo e o terceiro os máis afectados.

Algunhas das medidas preventivas que se poden tomar en podoloxía para mellorar a situación dos pés dun bailarín son sesións de quiropodia de maneira regular, para previr a formación de durezas e calosidades e a uña encarnada. Ademais, para coñecer en maior profundidade a saúde dos pés, está indicado realizar un estudo biomecánico da pisada dos bailaríns, co que se pode pautar, non só un tratamento correcto cando existe un problema músculo-esquelético de pé ou nocello, se non tamén plantexar a estratexia de prevención individualizada mais axeitada .

Bibliografía:

  • Cubero, E. Esparza, F. (2005). Fisioterapia de la danza clásica. Revista de fisioterapia UCAM, v. 4, nº 2, pp. 3-15.
  • Massó, N. (2001). Pie en danza: enfermedades profesionales, Revista del Centro de Investigación Flamenco Telethusa, v. 3, nº 3, pp. 20-25.
  • Pérez, E.; Massó, N. El pie en la danza. Revista de Medicina y Cirugía del Pie, v. 12, n. 2, pp. 57-61.
  • Pozo, M. C. (2003). Perfil antropométrico, biomecánico y clínico del bailarín de danza española. Universidad Complutense de Madrid.