Cristina Martínez Boix, podóloga: “A ortonixia é a alternativa para aqueles pacientes de unlla incarnada que non queren operarse”

O sábado 21 de maio, a doutora Cristina Martínez Boix, podóloga, impartiu un taller formativo titulado “Ortonixia e reconstrución ungueal” na sede do Colexio de Podólogos de Galicia (COPOGA). O curso, no que participaron arredor de 25 colexiadas e colexiados, estivo centrado no tratamento da onicocriptosis, tamén coñecida como unlla incarnada, así como na técnica da ortonixia, que consiste na aplicación de correctores para modificar a curvatura da unlla.

Co obxectivo de explicar con detalle en que consiste esta técnica e de coñecer as principais particularidades que a caracterizan, a doutora podóloga Cristina Martínez Boix —especialista en patomecánica do pé, tratamentos ortopodolóxicos, podoloxía clínica e podoloxía médico-cirúrxica do antepé— responde ás principais cuestións existentes acerca da ortonixia como técnica alternativa á cirurxía no tratamento da unlla incarnada.

En que consiste a ortonixia?

É unha técnica de corrección ungueal, é dicir, relativa ás unllas, que está pensada para aquelas unllas que se atopan nun estadio non moi avanzado de onicocriptosis ou, o que é o mesmo, para unllas incarnadas. Simplemente, consiste en aplicar uns correctores sobre a unlla, que van traccionando dela pouco a pouco, facéndoa pasar dunha posición curva a outra máis plana e favorable.

Que é unha unlla incarnada?

É unha afección que se produce cando os laterais da unlla penetran na pel do dedo e xeran dor, inflamación e tensión. Ás veces, estes procesos incluso requiren de cirurxía. A ortonixia situaríase un punto antes da cirurxía.

Que vantaxes presenta a ortonixia como tratamento alternativo á cirurxía na corrección de uñas incarnadas?

A principal vantaxe dos correctores dáse naqueles casos nos que o paciente non quere operarse de ningunha maneira. Ademais, como a ortonixia é apta para nenos, tamén podemos evitar que eles pasen polo quirófano.

Hai casos nos que é necesario operar a unlla, pero se o paciente non quere, podemos ofrecerlle esta alternativa, sempre informando de que a unlla pode recidivar, é dicir, pode volver a deformarse, e de que incluso podemos fracasar no tratamento. A unlla é un tecido que ten memoria e medra. Co paso dos anos, moitas das unllas incarnadas corrixidas reaparecen e temos que aplicar de novo os correctores.

A ortonixia sempre pode empregarse como alternativa á cirurxía ou depende do estado de gravidade no que se atope a unlla do paciente?

Hai casos nos que o paciente decide, xa que de ningunha maneira quere operarse. Entón, podemos propoñerlle a ortonixia como alternativa antes de pensar na cirurxía. Temos casos de pacientes que deixaron de utilizar correctores hai anos e non volveron sufrir molestias, pero temos que ir controlándoos para evitar que isto poida chegar a suceder.

Existen diversos tipos de ortonixia, en que se diferencian? Son algúns correctores máis efectivos que outros?

Si, hai algúns tratamentos máis efectivos que outros. Algúns teñen menos potencia á hora de corrixir, pero todo vai depender do momento no que se atope a unlla. Moitas veces os compañeiros pregúntanme: “Con que corrector empezo?”. Non é cuestión de con cal empezar. Dependendo do paciente aplicaráselle un corrector ou outro.

De que depende a elección do tratamento axeitado para cada paciente?

Do estadio no que se atope a unlla. Cando queremos corrixir unha unlla, temos que valorar como está esa unlla. Todo dependerá de se temos uns bordes accesibles ou non. Hai correctores que van ancorados ao borde da unlla e se estes non son accesibles, non poderíamos colocalos. Nese caso, optaríamos por iniciar o tratamento cun corrector pegado á lámina e, conforme fose evolucionando a unlla, iríamos vendo se necesitamos aplicar outro tipo de corrector para modificala como queremos. O importante é como evolucione a unlla, porque non todas o fan da mesma forma.

Este tratamento é apto para persoas de calquera idade?

Totalmente. No caso dos nenos, deben saber que levan un dispositivo no pé que non poden meterse na boca e que pode desprenderse por calquera traumatismo. Esta sería a única excepción na que o tratamento dependería da idade do paciente. Se o neno xa é consciente do que leva no pé, se lle podería aplicar.

Existe algunha contraindicación á hora de aplicar a ortonixia en pacientes de risco?

Cando temos un paciente diabético estable, que podemos falar del como un paciente normal, con sensibilidade no pé e unha boa circulación sanguínea no membro inferior, tratarémolo como a un paciente san. No caso daqueles pacientes diabéticos que, sobre todo, sofren unha perda importante de sensibilidade no pé, correríamos o risco de que o corrector puidera desprenderse por accidente e non notara que o leva solto dentro do zapato. Neste caso, os correctores estarían contraindicados.

Nos casos de onicomicosis —cando se produce unha infección das unllas por fungos—, se a unlla está moi despegada e supón unha molestia (aínda que normalmente non acostuma molestar), os correctores tamén estarían contraindicados. Isto débese a que a unlla está solta e, ao aplicar o corrector que vai traccionar da lámina, podemos acabar provocando unha onicolisis total da unlla, é dicir, que esta se desprenda do dedo. Estes serían os casos nos que deberíamos valorar se poñer ou non o corrector.

A ortonixia é dolorosa ou lle permite ao paciente facer vida normal durante a duración do tratamento?

Nun principio, os pacientes fan vida normal. Hai que informarlles de que durante os dous primeiros días acostuman notar, sobre todo á hora de deitarse, o que eles reciben como “se o corazón lles bombease no pé”. Na maioría dos casos, isto é algo normal que acostuma durar un ou dous días, como moito. Se se prolonga, é importante que o paciente acuda a consulta para ver se o corrector está colocado con demasiada tensión e está tirando moito da unlla. Nese caso, o paciente realmente tería unha dor que non se vai ir e que pode chegar a provocar un desprendemento da unlla.

Outro suposto no que podería haber dor, que debe valorarse antes de que o paciente saia da consulta, é á hora de colocar correctores ancorados. Con ese corrector temos que facer o xesto de despegar o pé do chan e facer presión do corrector contra a unlla para asegurarnos de que o ancoraxe non se lle clava ao paciente e non lle molesta. Se o paciente non nota dor na consulta e o nota cando chega a casa, é importante que acuda a consulta para valorar se o corrector está ben posto ou se temos que retiralo, revisar o ancoraxe e volver a colocalo.

É un tratamento compatible coa práctica de calquera deporte?

Por suposto. Para previr que o corrector poida desprenderse se o paciente sofre un traumatismo forte ou un pisotón —por exemplo, xogando ao fútbol—, o que facemos é reforzalo co mesmo xel que utilizamos para a reconstrución. Con este xel simplemente reforzamos as zonas críticas do corrector, que acostuman ser as que van pegadas, e así evitamos que se poida despegar.

Cales son as indicacións que os pacientes deben seguir, unha vez estanse sometendo ao tratamento, para asegurar a súa efectividade?

O paciente pode realizar movementos bruscos, aínda que a maioría acostuman ser accidentais, pero aínda así, en principio, pode facelos. O paciente fai vida normal. Pode correr, montar en bicicleta, bailar, nadar, xogar ao fútbol…

Canto tempo tardan os pacientes en notar os resultados da ortonixia?

O paciente nota melloría desde o momento en que lle colocamos o corrector, porque xa só o pouco que tracciona da unlla é suficiente para liberar presión. Porén, notar a melloría a nivel visual é unha cuestión de meses. Cando queremos corrixir unha unlla completa, esta caese e tarda en crecer un ano enteiro, máis ou menos, dependendo do paciente e a velocidade de crecemento. O que realmente interésanos corrixir non é a unlla que estamos vendo cando aplicamos o corrector, é a que empeza a crecer desde o momento no que colocamos o corrector. Hai uñas que crecen moi rápido, máis finas e delgadas, que nun ano xa están totalmente corrixidas. Aquelas unllas máis grosas, que teñen un crecemento máis lento, poden tardar ata 18 meses en crecer por completo, aproximadamente.

Cales son os índices de efectividade do tratamento?

Temos casos que recidivaron, nos que a unlla incarnada volveu xerar molestias no paciente, pero é o que chamamos unha recidiva controlada. Son pacientes aos que lles colocamos unha especie de gasa debaixo da unlla para que esta volva ter a súa forma e, aínda que se deforme outra vez, non xere dor nos pacientes.

Na maioría dos casos, o tratamento funciona. Hai que ter claro que o paciente de ortonixia é un paciente para toda a vida, que hai que ir vendo cada certo tempo. No caso dos pacientes nos que non é moi evidente que a unlla volva a deformarse, verémolos dúas ou tres veces ao ano, e aqueles nos que vemos que é máis evidente, cada dous ou tres meses.

Actualmente, son moitas as clínicas que empregan esta técnica en España?

Si, son moitísimas as clínicas que están aplicando os correctores, sobre todo os que non precisan certificación. Desde que empecei a formar podólogos, hai 8 anos, foron moitas as clínicas que empezaron a aplicar este tratamento. Ás veces, o podólogo enfróntase a ver o sistema no catálogo da marca que comercializa os correctores e non se atreve a poñelo en práctica, pero os cursos que organizamos son o que necesitan para dar ese paso e poder dicir: “Veña, vou empezar”.

É un tratamento que presenta un coste elevado ou, pola contra, é accesible para todos os pacientes, independentemente do seu nivel económico?

Nos cursos formativos acostumo dar un prezo orientador pero cada podólogo é libre de aplicar o que queira. Normalmente, o prezo de cada corrector abónase cada vez que se aplica e cada paciente acostuma necesitar, de media, entre 6 e 8 correctores. O prezo final suporía unha cirurxía, máis ou menos, pero depende do paciente e do que lle propoñamos.