Jorge Posse Jueguen: “A formación é moi importante para un podólogo mais, sobre todo, o bo trato ao paciente”

O pasado 6 de xuño, o Colexio Oficial de Podólogos de Galicia celebrou o seu 25 aniversario, en Santiago de Compostela, cun acto conmemorativo e unha cea de gala aos que asistiron máis dun centenar de invitados. No marco dos festexos, o COPOGA entregou as insignias da institución aos colexiados e colexiadas que levan máis de 25 anos desempeñando a profesión, como homenaxe por abrir camiño na especialidade da podoloxía e pola súa dedicación á saúde e benestar dos pacientes.

Con motivo deste recoñecemento, quixemos repasar a traxectoria profesional como podólogo dun dos homenaxeados no 25 aniversario do COPOGA, Jorge Posse Jueguen, que se iniciou como enfermeiro militar e, máis tarde, interesouse polos estudos de podoloxía, especialidade que exerce desde fai máis de tres décadas.

Como descubriu que quería dedicarse á podoloxía?

Son enfermeiro militar. Fixen unha oposición á Mariña e despois tiven experiencias como enfermeiro en barcos, coma no “Juan Sebastián Elcano”. Máis tarde destináronme ao hospital da Mariña de Madrid, no servizo de cirurxía xeral. Daquelas xa facía cousiñas: que se unha unlla, que se un callo… Sempre me gustou a vía cirúrxica. Tiña un compañeiro enfermeiro militar e podólogo que me animou a estudar podoloxía, así que me matriculei na Complutense. Así foi como empezou a miña vida como podólogo.

Como foron os seus inicios na profesión tras acabar a carreira?

Coma os militares en xeral, polas botas que utilizan, adoitan ter moitos problemas de pés, montaron un gabinete de podoloxía no hospital militar onde eu traballaba en servizos de cirurxía. Unha vez finalizados os estudos, comecei a traballar alí polas mañás, atendendo a persoal militar e familiares. Polas tardes traballaba nunha clínica privada en Serrano, onde facía cousas, principalmente de cirurxía.

Desde que ano exerce como podólogo?

Comecei a traballar no gabinete ao redor do ano 90.

Cales son os principais cambios que sufriu a profesión desde que comezou a exercela?

Os cambios son asombrosos, evidentemente. O principal foi a formación dos alumnos de podoloxía en canto a teoría e, sobre todo, na práctica. Antes a teoría era unha cousa moi sinxela. Como a maioría de nós procediamos da enfermería, daban por sentado que sabiamos moitas cousas, o cal era mentira. Se eras enfermeiro militar e estabas en cirurxía tiñas idea de que ía a cirurxía, igual que o que estaba en raios sabía manexar os raios. Tiñamos unha base, unha pequena formación, mais a teoría en canto a podoloxía non ten nada que ver coa de hoxe en día. Outra cousa que cambiou por completo foron as clínicas. Agora son moi completas, con moito máis instrumental. Antes tiñamos o básico: a cadeira de brazos, o motor, catro instrumentos e un podoscopio.

Evolucionaron moito as técnicas empregadas nos tratamentos podolóxicos desde que comezou na profesión?

Hoxe en día fanse moitas cousas nas clínicas que antes non faciamos, como é o caso das probas complementarias. Antes, se querías facer unha radiografía para ver como estaba un pé, mandábanche a outro especialista que tiña o seu propio equipo de raios. En canto ás técnicas, tamén mudaron moito, por suposto. As de hoxe en día non teñen nada que ver coas que utilizabamos antes.

Medrou considerablemente a cantidade de especialistas podólogos desde os seus inicios?

Agora hai moitísimos máis. Cando comecei, polo ano 80, a maioría das persoas que viviamos en provincias tiñamos que desprazarnos a Madrid ou a Barcelona para estudar podoloxía, xa que eran as únicas cidades onde se podía facer a carreira. Eu tiven a sorte de que xa traballaba no hospital militar e vivía en Madrid, mais moita xente tiña que desprazarse, polo que había menos podólogos.

Notou un incremento do número de pacientes que deciden acudir á consulta do podólogo desde que comezou a exercer a profesión ata a actualidade?

A xente ten moita máis información e máis conciencia do traballo dos podólogos, xa sexa polo boca a boca, polo que ven na televisión, porque se aconsellan os uns aos outros… A demanda aumentou moitísimo.

Cre que a visibilidade da podoloxía e a súa valoración por parte da sociedade melloraron nos últimos anos?

A información aumentou moitísimo. Agora, grazas aos medios de comunicación, a xente sabe de que vai a podoloxía, o que é un podólogo e ao que se dedica. Hoxe en día, a podoloxía ten moita visibilidade. O Colexio tamén lle dá moita publicidade en medios, o que axuda a que a xente valore o noso traballo. Aínda hai moitas persoas que teñen a idea do callista, mais pouco a pouco vanse informando do que fai un podólogo.

Cal é o principal reto ao que se enfronta a profesión na actualidade?

Desde o meu punto de vista, son dous. O primeiro é que os profesionais sanitarios, basicamente médicos e especialistas, saiban o que é un podólogo e a que se dedica. Hai moitos compañeiros que non saben exactamente a que nos dedicamos. Ese é un dos retos: que o persoal sanitario saiba moi ben o que facemos. O segundo, e o máis importante, é incorporarse ao Sistema Público de Saúde. A presenza dun profesional do pé sería moi necesaria en varios servizos: endocrino, reuma, trauma…

Para rematar, que consello lle daría a aqueles rapaces que están estudando a carreira de Podoloxía, ou iniciándose na profesión, para desenvolver unha carreira de éxito?

A formación é moi importante e, sobre todo, o bo trato ao paciente. O paciente necesita mimo, que se lle escoite, sexa cal sexa a patoloxía que teña. Se un podólogo é un bo profesional e coida o trato co paciente, non vai ter ningún problema para traballar e vivir disto, que se se sabe facer vívese bastante ben. Pero claro, hai que traballar.

*O Colexio Oficial de Podólogos de Galicia non se responsabiliza da opinión dos entrevistados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *