CALICIDAS: NON TE AUTODIAGNOSTIQUES, VISITA AO TEU PODÓLOGO

O heloma ou calo é unha das patoloxías máis habituais nos nosos pés. Este é unha lesión xeralmente asociada a un roce ou presión excesiva e que deriva no endurecemento da pel afectada. Pode deberse a un calzado incorrecto ou pequeno, a alteracións da biomecánica (forma de camiñar), óseas ou outras patoloxías da pel. E, moitas veces, por falta de coñecemento, as persoas afectadas por helomas rematan usando un produto que promete a eliminación definitiva destas lesións coñecido como calicida. Os podólogos desaconsellan o uso deste polas repercusións negativas que pode traerlle á saúde dos nosos pés.

Existen varios tipos de calos. O duro, clavo ou heloma acostuma aparecer no dorso dos dedos ou baixo os metatarsianos debido a deformidades dixitais. O brando sitúase entre os dedos e ten a súa orixe en molestias continuas ao calzarse. E, por último, o heloma neurovascular, dos máis dolorosos, xa que o núcleo do mesmo comprime ou estrangula a un nervio superficial da pel e, en ocasións, a un capilar sanguíneo.

Aínda que hai que ter moitas precaucións para o seu uso, entre os tratamentos máis sonados entre a poboación xeral atópanse os calicidas. A súa aplicación está desaconsellada por que non tratan a causa do heloma. Son axentes químicos, normalmente ácidos ou queratolíticos(o máis común e o ácido salicílico), que poden queimar e incluso destruír os tecidos orgánicos, polo que hai un alto risco de queimadura e infección derivada. Ademais a queimadura non queda delimitada a zona do heloma, afectando tamén á pel sa sen que se poida asegurar a eliminación do núcleo do calo e moitas veces empeora a situación e complica o tratamiento podolóxico.

Por outra banda, o perigo deste produto radica en que moitas veces aplícase sen consultar previamente a un especialista polo que pódese chegar a confundir o calo con outra lesión como poden ser durezas, verruga… Así mesmo, trátase dun produto contraindicado para diabéticos, xa que un contacto prolongado pódelles provocar úlceras nos pés, e para persoas con problemas de circulación en xeral  ou alérxicas ao ácido salicílico.

Os helomas poderán eliminarse definitivamente se se compensa a alteración que os provoca mediante un estudo da pisada ou con diferentes produtos ortésicos como poden ser os separadores ou protectores de silicona a medida para os dedos ou solas para a planta do pé. Así mesmo, de ser necesario, tamén se pode recorrer a tratamentos paliativos, sendo a técnica máis frecuente a quiropodia ou tratamento con bisturí, fresas e outros dispositivos. Por último, tamén se pode recorrer a ciruxía podolóxica, que avanzou moito nos últimos anos, conseguindo grandes resultados con postoperatorios non dolorosos.

En conclusión, a mellor decisión que pode tomar unha persoa ante a sospeita de helomas nos seus pés é acudir a un especialista en podoloxía para que este decida cal será o tratamento máis efectivo para cada caso, así como determinar a que se debe a súa aparición. Como doentes, debemos concienciarnos da importancia de visitar ao noso podólogo para tratar as patoloxías que poidan afectar aos nosos pés, así como de desbotar o autodiagnóstico e aplicación de calicidas ou mesmo de remedios caseiros.

Bibliografía:

  • Pérez, B. (2012). Las callosidades de los pies. Consultorio de La Región.
  • Recomendaciones para un buen uso de los callicidas (2015). Ilustre Colegio Oficial de Podólogos de la Comunidad Valenciana.
  • Uso de callicidas: ¿recomendable o no? (2019). Clínica Teknos.