O calzado máis axeitado: cada idade ten as súas propias esixencias

A saúde dos nosos pés comeza e mantense con pequenos xestos que, a pesar da súa sinxeleza, marcan unha gran diferenza. Malia que moitas veces mercamos calzado só considerando aspectos estéticos e descoidamos os biomecánicos, é dicir, sobre como este pode afectar á nosa pisada, debemos ter presente que algo tan elemental como a súa elección é determinante para as boas condicións tanto dos nosos pés como do noso corpo en xeral.

Para que un calzado sexa catalogado como óptimo, debe cumprir unha serie de requisitos, independentemente da idade ou das condicións da persoa. Por unha banda, debe protexer ás nosas extremidades de ambientes urbanos agresivos, proporcionar confort térmico e mecánico, ademais de complementar ao pé na súa función sen provocar lesións ou danos. Así mesmo, a isto hai que sumarlle que dende entidades, como o Instituto de Biomecánica de Valencia (2002), sinálase que as propiedades positivas destes elementos dependerán de factores como:

  • Factores intrínsecos. Dentro destes atópanse aspectos como a adaptación á forma do pé e aos seus movementos para que non dificulte a marcha; capacidade de amortecemento dos impactos que se xeran ao camiñar; e distribución axeitada das presións para evitar puntos dolorosos ou presións continuadas.
  • Factores extrínsecos. Interior ben rematado para previr problemas na pel, boa capacidade de transpiración e confort térmico e capacidade de agarre ao chan para evitar esvarar ou caer.

Cando nos diriximos a mercar un par de zapatos novos, hai que analizar aspectos como a talla, o corte e a sola. En primeiro lugar, débese comprobar o longo e o ancho da peza. No primeiro caso, débese deixar un espazo entre o dedo mais longo (que non ten por que ser o gordo) e a punteira de aproximadamente un centímetro. No segundo, non pode quedar nin moi apertado, pois pode ocasionar rozaduras ou molestias, nin moi frouxo, xa que isto provoca que se intente suxeitar o calzado co pé, flexionando os dedos e agravando certas patoloxías dos díxitos. Outros factores que se deben ter presentes son, por exemplo, que a zona máis ancha do pé debe coincidir coa do zapato, ou que dedo mainiño non debe quedar oprimido e o talón debe quedar ben situado, evitando que esvare cara adiante. Para valorar a talla que necesitamos de calzado, o mellor e probalo a última hora da tarde, xa que o pé está mais distendido e hinchado, de levar todo o día deambulando.

Sen embargo, non só se debe ter en conta o tamaño, senón que o corte e a sola terán a súa influencia. Así pois, asegurarase de que é flexible na zona dos dedos, xa que así facilitarase a impulsión durante a marcha e diminuirá a fatiga. Ademais, deberá ir fechado sobre o empeine e por detrás.

Malia que o dito anteriormente é aplicable a calquera franxa de idade, os pés de nenos e anciáns teñen as súas propias particularidades. Neste sentido, o calzado chega a ser de vital importancia para favorecer o correcto desenvolvemento dos pés dos nenos e as súas habilidades motoras, polo que saber descartar o calzado inadecuado é esencial.

O pé dun neno é distinto fronte a un pé adulto, posto que se está formando, por isto hai que prestar especial atención ao crecemento do pé e variar de maneira acorde á talla, xa que un zapato pequeno pode favorecer a aparición de deformidades. Así, por exemplo, nos primeiros meses de vida (ata os 18 meses), aínda non comezou a andar e o seu pé serve para explorar o entorno, polo que neste período o calzado só está destinado á protección fronte a factores térmicos e golpes. Débese utilizar un calzado moi brando, sen sola, ou incluso calcetíns específicos ou, se o tempo o permite, deixar o descalzo.  Na etapa de adquisición de marcha, que vai dende o ano e medio até os tres, o neno comeza a andar de forma irregular, polo que as caídas son habituais. Neste período o calzado debe garantir que o neno é quen de sentir o terreo para favorecer o bo desenvolvemento do sistema nervioso e mellorar o equilibrio. Os materiais do calzado teñen que continuar sendo brandos, pero contar xa cunha sola fina e algún sistema de suxección ao pé. Dos 4 aos 7 anos, comeza a andar de modo independente até que alcanza o patrón de marcha adulta, polo que se debe contar con zapatos que protexan ao pé fronte posibles lesións. A partir de aquí, o zapato xa é máis parecido ao dun adulto, tendo en conta que a forza que un neno fai é moito menor, polo que o zapato debe permitir fácilmente a flexión na zona dos dedos, para favorecer a marcha correcta. Por último, dos 7 aos 14 intensifícase a actividade deportiva e comeza a ter sentido o emprego do calzado deportivo.

De feito, debido a estas variacións no pé, a frecuencia recomendada de cambio e/ou revisión de calzado é cada poucos meses. Ate o ano e medio será cada dous meses; do ano e medio ata os dous anos e medio, cada tres; ata os catro, cada catro meses; dos catro aos seis, cada seis meses; dos seis aos nove, cada 3-4 meses, pois é a etapa na que máis rápido medran; e xa, dos 10 aos 20, dependerá do neno, pero estímase que entre 4 e 6 meses.

Á hora de escollelo, no caso dos nenos, o aspecto máis importante vai ser a talla e, para escollela, débese ter en conta tanto a lonxitude como a anchura da extremidade. Por iso, o rapaz deberá probar o calzado con calcetíns que empregue habitualmente e nos dous pés, xa que non son exactamente iguais. Outra maneira de comprobar a súa adecuación é debuxar sobre un papel a silueta do pé do neno (cargando o peso nel), recortar a forma e introducila no zapato ou, cando menos, comprobar que a forma coincide co tamaño da sola. Agora ben, hai que ter en conta que para saber se a talla escollida é a correcta, no caso dos bebés debe quedar unha distancia de 10 milímetros entre o dedo gordo e a punteira do zapato. No caso dos nenos máis maiores, esta distancia aumentará en 5 milímetros, até 15 (coma nos adultos). Así mesmo, se o talón se sae ao andar ou os dedos tocan a parte de arriba da punteira, son indicadores de que o calzado non é o correcto.

A selección do calzado en anciáns irá orientado a manter a función do pé e a protexer aos maiores de posibles accidentes, polo que un zapato seguro, que non provoque caídas con facilidade, é un dos principais obxectivos. Sen embargo, esta seguridade non se relaciona só con caídas, senón tamén fronte a lesións na pel ou úlceras por exceso de presión na planta do pé ou roces nos laterais ou na parte superior dos dedos, sobre todo si están deformados en garra ou martelo.

Neste período vital a persoa diminúe a lonxitude do paso e faina máis variable. Diminúe tamén a súa velocidade e cadencia, aumentando a anchura de apoio e o tempo no que ambos pés están apoiados sobre o chan. Todos estes cambios teñen como fin manter o equilibrio, xa que coa idade tamén se produce unha perda da estabilidade. A isto, hai que sumarlle que tamén se adoitan atopar afeccións na pel e deformidades ou alteracións na estrutura do pé como poden ser os xoanetes. Buscarase, pois, un calzado que evite esvarar e as caídas, e que ademais teña amortecemento,  polo que a sola deberá ser o suficientemente grosa (entre os 7 e os 15 milímetros) para, deste xeito, contar cunha base estable. Por outra banda, os materiais lixeiramente elásticos, na zona dos dedos, adaptaranse mellor a posibles deformidades dos smesmos.

Por outra banda, á hora de falar do corte e sola en anciáns, estes deben ser máis flexible que para un adulto, por exemplo. Isto débese a que teñen unha menor capacidade muscular, polo que tamén debe ser lixeiro para evitar a fatiga. Ademais das indicacións que se seguen para seleccionar o calzado en calquera outro tipo de pé, débense ter en conta factores como a capacidade para calzarse, as posibles deformacións nos pés e a existencia de puntos dolorosos. 

Seguindo estes puntos pódese elexir un calzado correcto de forma xeral, pero se ainda tes dúbidas ou queres consellos mais específicos pola forma do teu pé ou a túa actividade, consulta co teu podólogo.

Bibliografía:

  • El pie calzado. Guía para el asesoramiento en la selección del calzado infantil (2002). Instituto de Biomecánica de Valencia. 
  • El pie calzado. Guía para el asesoramiento en la selección del calzado para personas mayores (2002). Instituto de Biomecánica de Valencia. 
  • El pie calzado. Guía para el asesoramiento en la selección del calzado saludable (2002). Instituto de Biomecánica de Valencia.
  • La importancia de la elección de la talla correcta en el calzado infantil. Instituto Valenciano del Pie.