Principais problemas podolóxicos en pacientes con Síndrome de Down

Hoxe 21 de marzo, celébrase o Día Mundial do Síndrome de Down (SD). Utilízase este nome para referirse á alteración do xenoma humano, na que aparecen 3 cromosomas 21 en lugar de 2. Este cromosoma é o principal responsable de que se sintetice o coláxeno, compoñente fundamental de ligamentos e tendóns, estruturas encargadas do control da mobilidade articular.

Ao padecer unha trisomía dese cromosoma, estes pacientes caracterízanse pola laxitude ou carencia de rixidez ou tensión, así como pola hipotonía muscular, é dicir, posúen moito menos ton muscular que o resto de persoas. Por iso, os individuos que padecen esta alteración posúen unha flexibilidade excesiva.

Alteracións pedolóxicas

Entre os e as pacientes con SD dáse unha gran prevalecía de pé plano, polo que é recomendable que acudan ao podólogo na infancia, unha vez adquirida unha forma de camiñar madura. Ademais desta afección, é importante coñecer se poden sufrir algún outro tipo de patoloxía do pé, dada a natureza da síndrome e as posibles disfuncións que causarían na biomecánica persoal e polo tanto na súa vida cotiá.

Nestes pacientes, a lonxitude do ciclo da marcha, é dicir, a distancia que percorre desde que un pé contacta co chan, despega e volve contactar, vese diminuído. Non obstante, a velocidade e cadencia dos pasos aumentan, e ademais son asimétricos en lonxitude e ángulo. Iso provoca unha marcha menos funcional.

PÉ PLANO

É a afección máis común, xa que hai estudos que afirman que ata o 80 % destas persoas padecen un aplanamento da ponte do pé. Isto sucede, no caso do SD, pola latitude dos ligamentos así como pola hipotonía muscular que xunto co sobrepeso que adoitan sufrir os pacientes, dá lugar a un descenso do arco lonxitudinal na parte do mediopé. De feito, o mediopé é a área de maior contacto coa superficie, e é  menor no antepé e normal no retropé.

METATARSO ADUCTO

Trátase dunha deformidade que afecta a articulación de lisfranc, unha liña imaxinaria resultado da unión das liñas articulares das articulacións na parte media do pé. Desta forma, observamos que o antepé se encontra aducido con respecto do retropé, isto é coa parte anterior desviada cara ao lado do dedo gordo .

METATARSUS PRIMUS VARUS

É outra das alteracións máis habituais -de feito, a segunda máis frecuente en SD-, e refírese á rotación e separación do primeiro metatarsiano con respecto dos outros. Adoita estar relacionado co Hallux Abductus Valgus.

HALLUX ABDUCTUS VALGUS

Popularmente coñecido como ‘xoanete’, é unha desviación do primeiro dedo do pé, o dedo gordo, que se produce porque se disloca progresivamente da súa articulación. Este desvíase cara a dentro, de forma que observamos unha protuberancia que comeza na base do dedo, no bordo interno do pé, que pode deberse tanto á deformación do óso como á inflamación dos tecidos brandos que o cobren.

HALLUX VARUS

É a alteración dixital máis frecuente no SD, e refírese á deformidade producida pola desviación ou “apertura” do hallux (dedo gordo) cara ao pé contrario. Os seus síntomas poden ir acompañados de dor, calosidades e durezas ademais da apreciación da deformidade.

SINDACTILIAS E CLINODACTILIAS DO 5.º DEDO

A sindactilia, por unha banda, refírese á fusión ou unión de dous ou máis dedos do pé, e a máis frecuente é a que compromete o segundo e o terceiro. Pode afectar, á súa vez, as uñas. A clinodactilia, doutra banda, refírese ás desviacións dos dedos cara á esquerda ou á dereita, sendo o quinto dedo o máis afectado. Ademais da patoloxía biomecánica, as persoas con síndrome de Down teñen unha gran prevalencia de patoloxía de pel e uñas, que poden ser por causa de alteracións biomecánicas ou outros factores. Entre estas destacan unha maior propensión a padecer onicocriptose ou uñas cravadas na carne, durezas e calosidades. Por todo isto e dada a alta prevalencia de determinadas patoloxías podolóxicas nas persoas con síndrome de Down, recoméndaselles acudir periodicamente a un podólogo que vixíe a evolución da saúde dos seus pés para previr, diagnosticar e tratar calquera problema que poida condicionar a calidade de vida destas persoas.

BIBLIOGRAFÍA:

  • López Andrés, Cristina. Patología podológica en el paciente con Síndrome de Down. Revisión bibliográfica. Universitat de Barcelona (2017).
  • Arza López, G, Navarro Peña, C, Novel i Martí, V. El pie en el síndrome de Down. El peu. 2001 ISSN 0212-7709, Vol 21, Nº1, 2001, págs 8-13.