HELOMAS (“CALLOS”): QUE SON E COMO SE TRATAN

Se de algo oímos falar no que a patoloxías do pé se refire, é dos “calos” ou, como se denominan tecnicamente, helomas. Esta afección é das máis frecuentes nos pés e pode chegar a ocasionar cadros importantes con dor moi incapacitante, ulceración e/ou infección.

O primeiro que hai que ter claro é que se forman por un crecemento anormal da pel en zonas que están sometidas a unha presión excesiva ou á fricción ou rozamento por contacto con algunha superficie. Isto dá lugar a unha produción anormalmente rápida da pel, formándose tecido hiperqueratósico (durezas e/ou calos), o que pode chegar a causar dor por inflamación e irritación das terminacións nerviosas.

Non existe, por tanto, ningunha “raíz” que se poida extraer para que o heloma non se volva formar, e esta é unha idea errónea amplamente estendida entre a poboación xeral e mesmo entre moitos sanitarios que non son podólogos/as. O tratamento correcto desta afección debe estar dirixido a diminuír o rozamento e a presión sobre a pel, como se explica máis adiante.

Esta afección preséntase de diferentes formas en función da localización que ten no pé.

CARACTERÍSTICAS DOS HELOMAS

  1. Causan dor na zona e pode chegar a provocar coxeo e dificultade para camiñar.
  2. Están formados por células mortas da pel.
  3. Presentan unha forma redonda, normalmente con bordos ben definidos e unha capa superficial que a recobre.
  4. O núcleo pode chegar a ter varios milímetros de profundidade e presenta unha cor escura. Na súa superficie podemos observar tons amarelados.

CAUSAS

  1. A forma en que distribuímos o peso do noso corpo e apoiamos o pé para pisar inflúe na aparición desta patoloxía, que se produce por facelo de forma incorrecta. Ante iso, o máis recomendable é acudir ao/á podólogo/a para que valore a saúde dos nosos pés a través dun estudo biomecánico da marcha individual.
  2. O uso de calzado de punteira estreita e pouco flexible fai que aumente a presión e o rozamento nos dedos e, por tanto, poden producirse helomas.
  3. Padecer outras patoloxías tales como hallux valgus, deformidades dixitais en garra ou en martelo, etc.

TIPOS DE HELOMAS

Este tipo de lesión cutánea pode clasificarse segundo a localización que teñen no pé e o rozamento ou presión que se orixina:

  1. O heloma plantar, o máis coñecido, atopámolo na planta do noso pé e provoca dor cando camiñamos ou cando se roza con outra superficie ou material. Débese a un apoio incorrecto cando pisamos. Popularmente recibe o nome de “cravo plantar” pola sensación que se sente de pisar un cravo ao andar. Recoñécense polos seus bordos ben definidos e a acumulación de queratina, o que provoca a cor amarelada.
  2. O heloma interdixital, popularmente coñecido como “ollo de galo”, correspóndese a aquel heloma que se forma polo rozamento e/ou a presión que xeran os ósos dos dedos na pel das caras laterais dos mesmos, sobre todo entre o cuarto e os quinto dedo. Este adoita orixinarse pola presión excesiva que exerce o calzado sobre o propio pé, pola presenza de picos óseos nas articulacións dos dedos, ou ben por que estas son moi voluminosas, como na artrose.
  3. O heloma dorsal é aquel que atopariamos por encima do dedo, e este nace polo continuo rozamento do calzado sobre a pel do dedo, que adoita oprimilo. É moi común no quinto dedo (maimiño) e no segundo. Dáse polo uso dun calzado moi estreito para o pé, xa sexa por unha mala selección deste ou pola existencia dalgunha deformidade como dedos en garra ou en martelo ou a presenza de picos óseos nas articulacións.
  4. O heloma de fondo de saco podemos localizalo no oco que existe no espazo que hai entre cada dedo. É a parte branda que une os dedos do pé, polo que pode chegar a carrexar unha dor irritante. Entre o 4.º e 5.º dedo é o lugar onde aparecen con maior frecuencia.

PREVENCIÓN

Como consello principal para previr este tipo de doenza hai que realizar unha selección correcta do calzado, para que se adecúe o máis posible á anatomía e función particulares dos nosos pés, así como ao uso que teñan destinado. Hai que estudar o confortable que resulta o calzado ao pé e que conte unha forma ancha para que non sufra presión interna.

Tamén é destacable a correcta hidratación dos nosos pés mediante o uso dunha crema e/ou pomada que estimule a rexeneración e relaxación destes e que diminúa a fricción. Así mesmo, non podemos esquecernos da adecuación da nosa hixiene co fin de precaverse de infeccións cutáneas ou ungulares (sen deixar atrás nunca o feito de secar correctamente os nosos pés).

TRATAMENTO

Ante todo, hai que ter claro que é recomendable acudir ao podólogo/a para que un profesional valore a saúde dos nosos pés e aconséllenos e/ou diagnostique calquera tipo de afección, xa que canto máis evolucione unha patoloxía, máis complicada será de tratar.

As terapias máis comúns para esta doenza son:

  1. Quiropodias periódicas, que consiste, en eliminar mediante bisturí a hiperqueratose (“dureza”) que recobre o heloma, é dicir, a capa máis superficial da pel que está formada por células mortas, polo que non é un proceso doloroso. Unha vez feito isto, o podólogo/a debe retirar da capa máis profunda: o núcleo do heloma. Este proceso hai que repetilo periodicamente, unha vez que a capa córnea se volveu formar. A frecuencia máis común para acudir ao podólogo/a por esta patoloxía varía entre un e seis meses, dependendo de factores individuais.  É fundamental destacar a importancia de que sexa un/unha podólogo/a quen realice este proceso, xa que a incorrecta manipulación dos helomas, pode empeorar a patoloxía. É demasiado habitual que á consulta de podoloxía cheguen cadros de difícil resolución debido á manipulación, xa sexa puntual ou prolongada no tempo, por parte de persoal non sanitario ou mesmo sanitarios doutras especialidades que non teñen a formación adecuada para o tratamento destas patoloxías que, erroneamente, se consideran de pouca importancia. Aínda que, nun principio os síntomas son, en xeral, leves, sen unha correcta prevención e tratamento chegan a ocasionar, en moitos casos, auténticos problemas para calzarse e camiñar con normalidade, coa deterioración que isto supón para a saúde xeral.
  2. Soletas a medida, prescritaspolo podólogo/a partir do estudo biomecánico da pisada, que determinará en que zonas sofre maior presión o pé do paciente. Trátase dun tratamento encamiñado a compensar este tipo de presións co fin de previr a formación da hiperqueratose.
  3. Calzadoterapia, unha correcta selección de calzado, dependendo da morfoloxía, afeccións do pé do paciente e do uso previsto é fundamental para mellorar a patoloxía. Se a patoloxía está moi avanzada o podólogo prescribirá calzado específico, como o ortopédico con pa elástica, formas anchas, etc.
  4. Protectores de silicona a medida, confecciónaos o podólogo/a para recoller a morfoloxía exacta dos dedos e así diminuír as presións excesivas e os rozamentos nestes. En xeral, as órteses a medida, para protexer os dedos son preferibles aos protectores estándar de venda en farmacia ou ortopedia, pero estes tamén poden ser útiles nalgúns casos.
  5. A cirurxía podolóxica resérvase para os casos nos que os tratamentos anteriores non obteñen o resultado desexado e para as persoas que prefiren unha solución definitiva, sen ter que depender de produtos ortopédicos e visitas periódicas frecuentes ao/á podólogo/a. As técnicas de cirurxía podolóxica para a resolución destas afeccións son moi numerosas e van encamiñadas a resolver a alteración morfolóxica ou biomecánica (p. ex.: dedos en garra, xoanetes…) que producen o problema. Mediante as técnicas cirúrxicas podolóxicas actuais, conséguense moi bos resultados, cun postoperatorio breve e indoloro, aínda que, canto máis evolucionada estea a patoloxía, o proceso cirúrxico tamén o será, polo que, ao contrario do que se pensaba anteriormente, é preferible non deixar evolucionar demasiado a patoloxía.

En definitiva, e dado os problemas de saúde que poden provocar os helomas, é importante lembrar a importancia de acudir con regularidade ao/á podólogo/a para valorar periodicamente a saúde dos nosos pés.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *