Impacto da altura do arco do pé na calidade de vida en adultos

Gonzalo Barros García

Doutor en Ciencias da Saúde e Diplomado en Podoloxía pola Universidade da Coruña (UDC)

Ficheiro da tese: http://hdl.handle.net/2183/22761

Hai unhas semanas Gonzalo Barros presentou a súa tese, titulada ‘Impacto da altura do arco do pé na calidade de vida en adultos’. Sobre este traballo, o propio Barros explica que “consistiu en obter información da mostra a analizar, mediante un formulario validado, para valorar a calidade de vida en relación á saúde podolóxica e comprobar se existen diferencias entre os resultados de persoas adultas con arcos normais, aumentados ou diminuídos dos pés, e que non teñan ningunha outra alteración morfolóxica neles. Tamén se valorou a existencia de diferencias entre os distintos tipos de pé, nas dimensión específicas da calidade de vida vinculadas a saúde do mesmo (dor do pé, saúde do pé, calzado e función do pé) ou nas vinculadas á saúde en xeral (saúde, vitalidade, función social e función física)”.

Ademais de explicarnos como se fraguou o estudo, o xa doutor respondeunos a varias cuestións básicas sobre o mesmo.   

Cales son as causas principais da aparición de arcos aumentados e diminuídos?

En xeral, a configuración da estrutura músculo-esquelética está principalmente determinada pola xenética, pero pódese ver afectada por diversos factores. No caso dos pés cavos, a etioloxía principal é unha alteración neurolóxica, como poden ser as lesións dos nervios periféricos do membro inferior, as distrofias musculares ou a afección de neuronas motoras superiores, entre outros. O pé cavo tamén pode ser idiopático, no que non se atopa un factor etiolóxico asociado.

Os pés planos, pola súa banda, poden ser fisiolóxicos ou adquiridos, e a etioloxía é moi variada. Algunhas causas comúns son a hiperlaxitude, tanto xeneralizada como localizada nos complexos ligamentosos do pé, a redución dos grupos musculares posteriores da perna, a insuficiencia na musculatura encargada de manter a estrutura do arco, a configuración das articulacións do pé e, incluso, a súa fusión. A artrite e certos procesos neurolóxicos tamén poden ser causa de pés planos.

Como afecta o arco do pé a outros problemas de saúde xeral? E a afeccións do propio pé?

O impacto que ten a saúde do pé na saúde xeral é hoxe en día recoñecida como de vital importancia, xa que está directamente relacionada coa posibilidade de desprazarse e de manter a autonomía persoal ao longo da vida. Así, a saúde do pé pode influír na incidencia e prevalencia de moitas das enfermidades que actualmente se dan con maior frecuencia nas sociedades desenvoltas (cardiovasculares, metabólicas ou neurolóxicas, por exemplo). Numerosos estudos asocian os distintos tipos de pé segundo a altura do arco cunha maior presencza de diferentes patoloxías, tanto do propio pé como do resto do membro inferior, principalmente do nocello e o xeonllo, podendo afectar tamén a outras estruturas que soportan carga, como a cadeira ou a columna.

Que recomendaría para paliar os efectos dos pés planos e dos pés cavos?

A mellor recomendación é sempre a prevención, polo que é importante revisar o estado da saúde dos pés periodicamente, aínda que non percibamos ningún problema neles. O podólogo, xa que é o especialista na saúde dos pés, informaranos do estado real dos nosos pes, e de se é necesario facer algunha actuación preventiva, tanto con pés planos como cavos. Quero recalcar aquí que, aínda que se nota un cambio na tendencia, o habitual que encontramos na consulta é que acudan persoas maiores, cun estado avanzado de deterioro da saúde dos pés, o que supón unha grande afectación para a súa saúde xeral, xa que se ven limitadas para camiñar e realizar as actividades da vida diaria, ou incluso para algo tan sinxelo como elixir calzado. O ideal, non obstante, é xustamente o contrario, xa os nenos deberían acudir ao podólogo para valorar o estado de saúde dos pés, e determinar se precisan un estudo biomecánico da marcha ou outras actuacións de modo preventivo, e levar un control periódico correcto do estado de saúde dos pés ao longo de toda a vida.

Tendo en conta a altura do arco, por que non inflúe o tipo de pé na calidade de vida, respecto dos pés, dunha persoa adulta?

No noso estudo obtivemos diferencias nos resultados no cuestionario empregado para valorar a calidade de vida relacionada coa saúde podolóxica segundo a altura do arco en persoas adultas, pero estas non chegaron a alcanzar a significación estatística en ningunha das dimensión específicas que valora a ferramenta.

Na análise dos datos advertimos que o grupo de persoas con arco diminuído tiñan respostas moi similares ás persoas con arco normal, polo que podería ser mais indicado buscar diferencias entre o grupo normal e o de arco aumentado. Unha vez realizada a análise estatística dos datos, valoramos o tamaño da mostra que se necesitaría para atopar diferencias significativas, sempre e cando as obtidas no noso estudo se mantivesen, e as cifras mínimas superan os mil suxeitos, dependendo dos diferentes supostos estatísticos estudados, o que supón un tamaño mostral moi difícil de alcanzar nun estudo de iniciativa privada.

Por outra banda, puideron influír nos nosos resultados as características da mostra (orixe, porcentaxe de xénero…) e que a presencia de alteracións morfolóxicas fose un criterio de exclusión, entre outros.

One comment