METATARSALXIA, CAUSAS E TRATAMENTO

En que consiste?

A metatarsalxia é a dor que se produce na planta dos pés, concretamente preto do inicio dos dedos. As molestias aumentan ao camiñar, ao correr ou a consecuencia de utilizar  zapatos demasiado axustados ou ao contrario, demasiado grandes. A metatarsalxia mecánica por sobrecarga é un problema moi común no pé, e o metatarsiano do segundo dedo é o máis afectado, aínda que pode darse a situación en que se vexan prexudicados máis dun á vez do mesmo pé.

Como se orixina?

Os metatarsianos son os cinco ósos longos da parte anterior do pé aos que se unen as falanxes para formar os dedos. Estes ósos son os responsables de soportar o peso do corpo no momento de levantar o pé do chan, realizando, por tanto, moita presión e forza durante a execución deste.

O aumento constante da presión na zona metatarsal produce inflamación, dor e sensación punzante ao camiñar. O máis habitual é que en zonas de máxima presión aparezan durezas ou calosidades. Noutras ocasións o exceso de presión produce un desprazamento da articulación co que se xeran os chamados dedos en martelo e aumentando a presión nos metatarsianos.

Para diagnosticalo é suficiente con observar un conxunto de síntomas e o posterior exame físico por parte do podólogo.

Causas máis correntes

  • Presión constante e repetitiva na zona metatarsal
  • Forma de pisar incorrecta e deformidades no pé. Tamén debemos ter en conta que un arco plantar alto pode facer presión adicional sobre o metatarso, do mesmo xeito que se se ten un segundo dedo máis longo que o dedo gordo
  • Calzado inadecuado (exceso de tacón, punta estreita, sola estreita etc). Os zapatos de tacón alto transfiren peso adicional á parte dianteira do pé. Por outra banda os zapatos de pouca anchura ou o calzado deportivo que non ofrece soporte e amortecemento tamén poden contribuír ao problema
  • Sobrepeso. O exceso de peso fai que exista unha maior presión sobre os ósos metatarsianos
  • Fracturas por fatiga. Trátase de pequenas fracturas nos ósos metatarsianos ou dos dedos do pé que provocan dor e poden modificar a maneira na que apoias o peso no pé
  • Neuroma de Morton. Trátase dun tumor benigno que crece ao redor dun nervio que se forma entre o terceiro e o cuarto óso metatarsiano. Pode xerar tensión no metatarso
  • Actividade ou adestramento intensos. Os corredores de longa distancia e os ciclistas están en risco de padecer metatarsalxia. En xeral, calquera persoa que participe nun deporte de alto impacto está en risco, en especial se o calzado que usa non cumpre coas características necesarias.

Recomendacións e tratamento

  • Usar un calzado adecuado: tacón baixo, sola ancha e sen comprimir a zona
  • Realizar un estudo biomecánico da pisada nunha clínica podolóxica para localizar a orixe do problema
  • Uso de soletas personalizadas que permiten eliminar aqueles puntos de maior presión
  • Realizar unha quiropodia para eliminar durezas e calosidades
  • Controlar o peso xa que os metatarsianos soportan o peso do corpo en cada paso que damos

 Os tratamentos caseiros, como aplicar xeo e descansar, con frecuencia alivian os síntomas. O tratamento adoita ser conservador e pouco agresivo, aínda que en ocasións poden ser necesarias infiltracións locais con corticoides.

O fortalecemento do metatarso adoita levar de tres a trece semanas, aínda que pode ser superior en pacientes anciáns ou debilitados. Nos casos máis graves pode requirir unha intervención cirúrxica.

Posibles complicacións

Aqueles casos de metatarsalxia que non se traten poderían causar dor noutras partes do pé, así como molestias en calquera outra parte do corpo. Na maioría dos casos trátase de dor na zona lumbar ou a cadeira debido a unha alteración da marcha a consecuencia da dor do pé.