A Enfermidade de Müller-Weiss: un dos maiores desafíos de Rafa Nadal

Rafa Nadal ten previsto volver xogar no torneo de exhibición de Abu Dhabi (16-18 de decembro), logo de afrontar un proceso de recuperación que empezou en agosto e que lle deixou no dique seco por varias semanas. O tenista de Manacor arrastra dende o comezo da súa carreira deportiva unha lesión rara no seu pé esquerdo: a Enfermidade de Müller- Weiss.

Que é a Enfermidade de Müller- Weiss?

Esta patoloxía pouco frecuente pódese definir como unha enfermidade dexenerativa que afecta ao escafoides do tarso medio do pé do adulto, na zona máis alta do pé. Múltiples causas poden motivar a súa aparición pero, segundo Maceira (1996), débese a un atraso na osificación do escafoides na infancia, sumado a unha distribución non uniforme das forzas de compresión, que se adoita manifestar a partir da cuarta ou quinta década de vida

Radiografía

Fotografía cedida polo Dr. Álvaro Iborra, podólogo.

Pero a Rafa Nadal, debido á gran carga de partidos e ao estrito seguimento médico, diagnosticáronlle esta patoloxía en 2005, con tan só 19 anos. Dende ese momento, tivo que convivir cunha enfermidade que provoca deformidade no óso e dores importantes, os mesmos que lle obrigaron a parar fai tan só uns meses.

Diagnóstico e tratamento

As probas radiolóxicas ou de resonancia magnética en clínica son fundamentais para analizar a situación actual do óso.

Nas primeiras fases da enfermidade prodúcense alteracións e deformidades, pero a medida que aumenta a súa gravidade, o escafoides pode sufrir roturas por tensións, aparecendo aplanado e derivando nunha artrose ( Narváez, 2006).

O tratamento podolóxico inicial adoita ser conservador: normalmente prescríbense soportes plantares a medida que reparten e descargan a presión, ademais de inmobilizar a zona se o grao de dor é alto. Tamén se poden prescribir analxésicos ou antiinflamatorios, tratamentos de terapia física e/ou infiltracións. Este foi o plan seguido por Nadal durante boa parte da súa carreira.

Pero foi este ano cando os síntomas se fixeron tan intensos que o de Manacor someteuse a unha cirurxía co ánimo de reducir a dor e corrixir a deformidade. Cabe sinalar que estes tratamentos máis invasivos aplícanse só cando a deformidade é grave e os soportes plantares xa non son suficientes para realizar a actividade que se desexa.

Bibliografía

Maceira Suárez E. Aspectos clínicos y biomecánicos de la enfermedad de Müller-Weiss. Revista de Medicina y Cirugía del Pie. 1996;10(1):53-65. 

Javier Narváez, José Antonio Narváez, Osteonecrosis del escafoides tarsiano, Seminarios de la Fundación Española de Reumatología, Volumen 7, 2006, pp. 109-116, DOI: https://doi.org/10.1016/S1577-3566(06)75088-6