Os teus pés, o mellor apoio para realizar o Camiño de Santiago

Con motivo da pandemia por Covid-19, o Ano Santo Xacobeo estenderase ata o 31 de decembro de 2022.
Realizar o camiño pode significar moitas cousas para cada peregrino pero, para todos -e especialmente para os que realizan grandes traxectos-, sempre é un reto físico. Emprender esta viaxe conleva, polo xeral, realizar varias etapas de decenas de quilómetros. Por exemplo, se empezamos desde Sarria, Tui ou Ferrol, a distancia ata o Obradoiro non é inferior a 100 km. Os pés adoitan ser os que máis sofren este tipo de aventuras, polo que che presentamos unha serie de recomendacións para facer desta experiencia algo inesquecible.
O maior reto durante o camiño: os pés
As lesións máis comúns no Camiño de Santiago son a deshidratación ou os golpes de calor, froito de realizar esta actividade en períodos estivais. Moi frecuentes son, tamén, as rozaduras e as feridas nos pés.
É recomendable acudir a unha clínica podolóxica para realizar un estudo biomecánico completo da pisada. Así se podería coñecer, antes de realizar tantos quilómetros, se estamos en condicións óptimas de facelo ou se se necesita o apoio de persoais personalizados.
Dependendo da época do ano na que nos atopemos, é clave vestirse acorde ao clima que nos imos a atopar, pero tendo en conta que a comodidade debe primar sobre o demais.
O calzado de trekking (deseñado para actividades de sendeirismo ou camiñadas en xeral) é o óptimo para realizar este tipo de traxectos. Entre as súas características destacan a robustez da súa sola e a súa comodidade, factores crave para os viais que se suceden ao longo do camiño. Podemos atoparnos con terreos rochosos ou de terra, asfalto ou mesmo algún bulleiral. Outro elemento de axuda son os bastóns, que incrementan a nosa estabilidade.
É recomendable realizar os descensos pronunciados realizando un movemento de zig zag, para que non se traumaticen as uñas contra o calzado, e non danar os xeonllos. Para facer a viaxe moito máis confortable e seguro, os podólogos aconsellan que a mochila non exceda o 10 % do peso da persoa que a leva.
Debemos usar as nosas zapatillas con anterioridade antes de iniciar o camiño, e non estrealas na primeira etapa. Ao facelas máis folgadas, non provocan rozamentos, permiten a circulación correcta do sangue, e evitan unha excesiva sudoración. Sería ideal que presentasen maior altura no talón que no antepé, para non sobrecargar -por exemplo- os xemelgos, pero isto depende da pisada que teñamos. Por iso, a revisión podolóxica é moi importante.
Ao longo do traxecto, o pé sofre e a sudoración fai acto de presenza. É clave contar con máis pares de calcetíns a man -de algodón e de fibras sintéticas-, para así evitar a proliferación de microbios, que poden chegar -mesmo- a infectar feridas ou bochas xa presentes. Deben estar feitos de algodón e non ter costuras, para así achegar maior comodidade e seguridade.
Cabe resaltar que a mellor opción é descalzarse e ventilar só ao final de cada etapa. Ás veces, algúns peregrinos e peregrinas quítanse o calzado, pero logo non son capaces de volver poñerllo, especialmente en días de moita calor.ç
O descanso tamén é outro elemento clave. Para iso, convén deterse en canto notemos pesadez nas pernas. Non convén esforzarse máis do debido, se é posible. É ideal contar cunha rutina de estiramentos, así como sentar e elevar as pernas, unha vez termine a etapa.
Logo, o mellor é descalzarse e deixar que o pé respire e ventilar, así, os zapatos. Neses momentos, é de boa axuda contar con zapatillas ou chanclas abertas -con suxeición-. Neste artigo relacionado no blogue do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia, falamos máis detalladamente dos factores para ter en conta sobre a sudoración nos pés.
Prevención e tratamento de lesións
Camiñar por terreos moi técnicos, con calzado pouco adecuado e/ou con sudoración excesiva, pode derivar na aparición de bochas ou outro tipo de feridas, que causan moitas molestias e limitan a actividade física. Son frecuentes as alerxias nos membros inferiores por sudoración ou polo rozamento con diferentes especies vexetais, e que normalmente provocan ronchas ou manchas.
As bochas tamén son moi comúns durante o Camiño. Provocan dor na zona no momento de contacto coa superficie, e poden chegar a complicarse se non se aplica un tratamento axeitado.
Para evitalas, é moi importante que non haxa humidade entre os dedos o sobre as prominencias óseas como o talón. Se a bocha aparece, os antisépticos cutáneos axudan a previr infeccións, e os apósitos serven para cubrir a zona e evitar rozamentos que poderían empeorar a situación.
As bochas non poden ser manipuladas se non se ten experiencia ou coñecementos óptimos para iso. Recoméndase visitar un/a podólogo/a, que procederá a drenar o líquido do interior, e receitaralle os produtos medicamentosos oportunos. Se falamos do ‘pé de atleta’, a hixiene é igual de importante. Ademais de asegurarse de que os pés, os calcetíns e os zapatos están secos para evitar a proliferación de fungos, os produtos antifúnxicos ou antimicóticos poden ser necesarios.
O procedemento nas feridas leves, como pequenos cortes, é similar. Podería ser suficiente con aplicar produtos antisépticos e algún apósito; pero, para non correr riscos, a revisión en clínica sempre é a mellor decisión.
Na web do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia tes á túa disposición unha ferramenta coa que poderás atopar o teu podólogo máis próximo, dependendo da túa localización.
Bibliografía:
Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia. (2010). Fisioterapia en el Camino [Pdf]. Recuperado de: https://www.fisioterapiaronda.com/images/peregrinos/guiaparaperegrinos.pdf
Vive el camino (2021). Enfermedades habituales en el Camino de Santiago: ¿Cómo debe actuar el peregrino? [Blog]. Recuperado de: https://vivecamino.com/enfermedades-habituales-en-el-camino-de-santiago:-como-debe-actuar-el-peregrino-no-734/#esguinces-y-lesiones-musculares