Problemas dos tacóns altos
Os tacóns, ese elemento inconfundible do estilismo. Hainos con maior ou menor altura -e anchura-, aínda que o seu son ao tocar o chan é único. Pero é dabondo coñecido que non son moi cómodos e, por tanto, non son a mellor opción para o pé. As súas características supoñen un aumento do risco en varias frontes, polo que é importante ter en conta unha serie de recomendacións.
Os riscos do tacón alto
Os zapatos de tacóns supoñen problemas en diferentes ámbitos
O primeiro pode ser o da superficie de contacto co chan ou a ineficaz repartición de pesos. Se o tacón é de agulla, moi fino, as súas características fano de maior risco para a saúde do pé. O Consejo General de Colegios Oficiales de Podólogos (2016), nunha comparativa encargada ao podólogo Roberto Pascual, expón nesta táboa os datos de superficie de contacto e repartición de presións deste tipo de calzado, comparado co deportivo:
Pódese observar unha menor superficie de contacto total e un desprazamento das presións dende o talón cara á parte anterior do pé, elementos negativos para a comodidade e a saúde. Estas presións van ser maiores ou menores en virtude do ancho do tacón, pero sobre todo da súa altura.
Os podólogos recomendan non usar tacóns de maneira habitual e, de facelo, non deben superar os catro centímetros. A maior tamaño, máis grande será o ángulo de inclinación do pé, e maior peso soportará este na súa zona anterior, o que pode carrexar numerosas complicacións ( Fustero, 2007):
Os tacóns moi altos non só deforman a bóveda da planta do pé, senón que tamén poden dar lugar a un acortamento dos xemelgos, así como sobrecargar os dedos dos pés. Os dedos quedan esmagados contra a punta do zapato, co que se poden causar dedos en garra.
Esa posición tan pouco natural do pé, coa zona anterior máis baixa que o talón, sobrecarga o antepé e provoca un desequilibrio na función dos tendóns do dorso e da planta que controlan a posición dos dedos, favorecendo a aparición de deformidades nos mesmos (garra, martelo…). Ademais o feito de que este tipo de calzado presenta unha punta moi afiada, conleva tamén o risco de aparición de helomas (calosidades), motivadas polo rozamento entre os dedos, ou mesmo entre estes e as paredes internas do zapato, correndo ademais o risco de que aparezan bochas.
Outras patoloxías moi frecuentes son as metatarsalxias, que provocan dor e inflamación na zona que une os dedos coa planta do pé (cabezas metatarsais). Se o tacón é alto, o dedo gordo desvíase da súa posición natural podendo deformar a articulación e producir os coñecidos “xuanetes” ou hallux valgus, o que pode provocar rozamentos e dores na zona.
Separar o tacón do chan conleva, tamén, maior inestabilidade. Se o tacón é moi fino, é moito máis fráxil que outro calzado e pódese romper con facilidade, causando caídas ou lesións non só nos pés. As presións desiguais e a falta de firmeza con este tipo de calzado aumentan o risco de escordadura de nocello.
Complicaciones que non só afecta ao pé
Villarroya e Coloma Villacampa (1997) apuntan á experiencia no uso de tacóns como un factor mitigador ou potenciador das complicacións físicas que producen, e que:
A máxima flexión de cadeira, que se produce na fase de oscilación, diminúe conforme aumenta a altura do tacón nas persoas afeitas ao mesmo, mentres que aumenta nas non afeitas. A extensión máxima do xeonllo diminúe conforme aumenta o tacón tanto nas mulleres que teñen experiencia como as que non a teñen, mentres que a flexión máxima mantense igual. A nivel do nocello, a adaptación ao tacón prodúcese de forma moi dispar, aínda que chama a atención a esaxeración da flexión dorsal cando persoas afeitas a levar tacón camiñan descalzas.
Como vemos, os tacóns producen cambios en nocellos, xeonllos, cadeira e mesmo nas costas. O efecto de alzar uns centímetros o tacón produce unha postura corporal moi distinta e os efectos para a saúde persoal poden ser moi negativos.
Noutro estudo (Ruiz- Ibán et al., 2007) mídese a fatiga que os tacóns producen no corpo e as súas consecuencias, como un incremento no abalo postural. Neste estudo engádese que “o cansazo ten efecto tamén sobre a marcha, cun aumento da frecuencia dos pasos con menor lonxitude da zancada e un incremento no custo enerxético da marcha”. E conclúe que, unha vez se quita o zapato de tacón e recupérase unha postura normal, os niveis de cansazo en pés e cadeira redúcense.
Por todo isto, o calzado de tacón debería usarse con criterio e en ocasións contadas ao longo do ano.
Bibliografía:
Villarroya A., Coloma Villacampa S., Loiti Loidi J. (1997) Influencia de las diferentes alturas de tacón en la marcha. Estudio goniométrico. Biomec 66-73.
Isabel Fusteroa (2007) Cuidado de los pies. Vol. 26. Núm. 2. Páginas 66-72. Recuperado de: https://www.elsevier.es/es-revista-offarm-4-articulo-cuidado-pies-13099399
Ruíz Ibán, M., Elías Marín, M., González Lizán, F., Heredia, J., & Ruíz Fernández, J. (2007). Efecto del uso prolongado de zapatos de tacón alto sobre la alineación sagital de la pelvis. In Revista Mexicana de Medicina Física y Rehabilitación , 19 (pp. 69-74). Recuperado de: https://www.medigraphic.com/pdfs/fisica/mf-2007/mf074d.pdf
Bombi Arrieta, M. (2015). Características de los zapatos de tacón. Trabajo de Fin de Grado. Recuperado de: http://diposit.ub.edu/dspace/bitstream/2445/96278/1/96278.pdf
CGCOP. “Las podólogas «se descalzan» contra la imposición de los tacones”, 2016. Recuperado de: https://cgcop.es/las-podologas-se-descalzan-contra-la-imposicion-de-los-tacones/