O mellor para os máis pequenos, o mellor para os seus pés

Este 20 de novembro celébrase o Día Universal da Infancia, que cada ano lembra a firma da Convención sobre os Dereitos do Neno (1989). É unha data importante para sinalar que os máis pequenos necesitan unha revisión podolóxica temperá, co ánimo de detectar patoloxías e aplicar tratamento o máis axiña posible, e evitar futuras complicacións.

É importante que os pais e as nais leven aos seus fillos/as ao podólogo antes dos 4 ou 5 anos, aínda que non se teña constancia previa da existencia de problemas. Cabe destacar que as revisións pediátricas en atención primaria poden non ser suficientes, xa que non se realizan -polo xeral- estudos completos da pisada. As clínicas podolóxicas non están só para tratar lesións ou patoloxías, tamén están para previlas.

Os pais deben fixarse na marcha e a pisada dos seus fillos, atendendo a se os seus pés miran cara a dentro ou cara a fóra, se andan nas puntas dos pés, se caen con frecuencia, se manifestan dor nas extremidades inferiores, ou mesmo en cadeira e costas. Ante calquera dúbida, o mellor é acudir á súa clínica de podoloxía.

A ter en conta

Na infancia, o coñecemento das distintas etapas do crecemento é clave para realizar un bo diagnóstico. Ademais de aplicar todas as técnicas para un correcto estudo biomecánico da pisada e a marcha, o feito de que as extremidades se atopen en desenvolvemento achega algo de complexidade á hora de diagnosticar patoloxías. Desde o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Podólogos (2010) sinalan o seguinte:

Hay que tener en cuenta los periodos de cambios que están presentes durante el crecimiento para diferenciar los procesos fisiológicos de los patológicos. También será importante diferenciar si la morfología del pie se corresponde a una alteración estructurada o flexible, y en este caso valorar si se debe a una laxitud patológica o a un proceso de maduración de las estructuras.

Así, un/a podólogo/a terá en conta que existen diferenzas entre o pé adulto e o pé infantil que non teñen porqué ser unha patoloxía, xa que poden entrar dentro das fases de desenvolvemento normal nas etapas de crecemento.

Así mesmo, Riera Campillo (2019), sinala que unha exploración básica “permitiranos diagnosticar a maioría dos trastornos do pé, diferenciando o fisiolóxico do patolóxico, evitando así a realización de probas innecesarias -como radiografías, por exemplo- e permitindo instaurar un tratamento de forma precoz, se iso fose necesario”.

Son, por tanto, etapas de crecemento nas que acudir periódicamente ao podólogo pode axudar a previr complicacións severas no futuro, pero os cambios estruturais débense ter en conta para non prescribir un tratamento incorrecto.

Patoloxías nestas idades

Nunha entrevista realizada polo COPOGA sobre a tese Estudio epidemiológico de la patología podológica en la edad escolar, da Doutora en Ciencias da Saúde Ana María Requeijo Constenla, esta sinalou que as patoloxías máis comúns en nenos e nenas son a clinodactilia (dedos torcidos ou desviados), seguida polos pés planos, e en menor porcentaxe outras alteracións como o primeiro metatarso varo (desviación do antepé), hallux limitus (limitación do movemento do primeiro dedo) ou o pé aducto (mala rotación da extremidade). Nas patoloxías asociadas á pel sinalou que a máis frecuente son as verrugas plantares e que, na zona ungueal, destaca a presenza de onicolisis (separación da uña e a pel) e onicocriptosis (uña encarnada).

Bibliografía

Consejo General de Colegios Oficiales de Podólogos. (2010). GUÍA PRÁCTICA DE GUÍA PRÁCTICA DE PROTOCOLOS DE PROTOCOLOS DE EXPLORACIÓN EXPLORACIÓN Y BIOMECÁNICA. Recuperado de: https://cgcop.es/wp-content/uploads/2018/07/GUIA-PRACTICA-PROTOCOLOS-EXPLORACION-Y-BIOMECANICA.pdf

Requeijo Constenla, A. (2019). ESTUDIO EPIDEMIOLÓGICO DE LA PATOLOGÍA PODOLÓGICA EN LA EDAD ESCOLAR [Entrevista]. Recuperado de: https://blog.copoga.com/es/2019/03/25/estudio-epidemiologico-de-la-patologia-podologica-en-la-edad-escolar/

Riera Campillo, M. (2019). El pie normal y su patología. In Pediatría Integral 2019, (pp. 203 – 211). Recuperado de: https://www.pediatriaintegral.es/wp-content/uploads/2019/xxiii04/04/n4-203-211_ManoliRiera.pdf