Día Mundial das Enfermidades Neuromusculares

O 15 de novembro é o Día Mundial das Enfermidades Neuromusculares, unha serie de doenzas que afectan ó funcionamento muscular, con preto de 60.000 pacientes en España. Non teñen cura, son de carácter progresivo e conlevan unha perda importante de calidade de vida debido á redución da mobilidade, polo que tamén gardan relación coa podoloxía.

Complicacións no pé

As  distrofias musculares ou a Esclerose Lateral  Amiotrófica ( ELA) son algunha das enfermidades  neuromusculares máis comúns. A perda de masa e forza muscular conleva un déficit na mobilidade e repercuten, como consecuencia, na calidade de vida destes pacientes.

As enfermidades neuromusculares poden ser xenéticas ou adquiridas, e non existe un momento definido no que adoitan amosar os primeiros síntomas. Na infancia, os principais signos de alerta dende a pisada son as caídas frecuentes, a dor muscular non relacionada co exercicio, dificultades para poñerse en pé, cambras, debilidade muscular, pé cavo-varo,  retracción do tendón de Aquiles ou dedos en garra, entre outros. Na idade adulta os síntomas son semellantes. É clave acudir a un especialista se se detectan indicios de enfermidade neuromuscular.

Como pode axudar o/a podólogo/a?

Débese ter en conta que non todas as enfermidades neuromusculares son iguais. Se a mobilidade do tren inferior aínda é posible, nunha clínica podolóxica poden deseñar un tratamento. Convén lembrar que pode ser un podólogo ou un técnico ortopédico  -neste último caso, con receita  podolóxica e se fose necesario- o que realice  férulas ou outros dispositivos de mantemento da posición.

O seu podólogo de confianza realizará un estudo biomecánico completo para determinar unha serie de actuacións a levar a cabo. Recomendará, ademais, o uso de calzado cómodo (non moi estreito), calcetíns folgados e que non limiten a circulación, ou o uso oportuno e axeitado dos dispositivos de mobilidade persoal (como muletas ou cadeiras de rodas).

BIBLIOGRAFÍA

Claudia Castiglioni, Jorge A. Bevilacqua, KLGA. Cecilia Hervias, Enfermedades neuromusculares en el adolescente. síntomas y signos clínicos orientadores al diagnóstico, Revista Médica Clínica Las Condes, Volume 26, Issue 1, 2015, (pp. 66-73), ISSN 0716-8640, https://doi.org/10.1016/j.rmclc.2015.02.007