O campionato mundial de Orientación Deportiva celebrarase este ano en Galicia durante o mes de Outubro.

Raid Gallaecia será o encargo da organización deste campionato mundial, que se trata da modalidade de maior distancia e tempo dentro da disciplina de Orientación Deportiva.
A Orientación Deportiva é unha disciplina deportiva que ten a súa orixe nos países escandinavos e que na actualidade practícase en múltiples países.
Existen distintas modalidades de competición en función de se se realiza de modo individual ou por equipos, camiñando, correndo e mesmo en bicicleta ou esquiando.
Estas competicións poden durar desde unhas horas ata varios días.
Aproveitando que este ano se celebra o Campionato Mundial na nosa comunidade, imos coñecer un pouco máis a fondo as reviravoltas desta modalidade deportiva.
Martín Veiga Jalda é Podólogo de profesión e “Orientador” de afección.
Exerce na súa clínica privada de Moaña e nos últimos anos dedica algo dos seus intres libres a adestrar e competir nesta disciplina. No ano 2019 foi o Campión Galego de Orientación a pé na categoría 21 B.
Ola Martin, cóntanos que che levou a elixir este deporte e cantos anos o levas practicando.
Coñecín esta modalidade a través duns pacientes que a practicaban, cada vez que viñan a consulta falábanme das probas e as competicións.
O feito de ser un deporte no que cada un marca o seu propio ritmo, que leva a cabo en plena natureza e non só implica traballo físico, senón que ten unha parte de traballo mental de lóxica, concentración e a propia orientación cativoume, e fai aproximadamente uns 5 anos que me metín de cheo nela e empecei a adestrar nos meus intres libres e a competir.
En que consiste exactamente esta disciplina?
Unha proba de orientación consiste basicamente en realizar un percorrido preestablecido (que os participantes descoñecen) no que hai que pasar por unha serie de controis ata chegar a meta no menor tempo posible.
O único material necesario son un mapa, que se nos entrega ao comezo da proba onde está marcado o inicio ou saída, os puntos exactos onde están situadas as balizas (controis) polas que hai que pasar e a meta, e un compás para axudarnos na navegación polos distintos terreos.
Dentro deste deporte, existen diferentes categorías. Cales son as diferenzas entre elas?
Existen varias modalidades.
A máis antiga e máis practicada é a carreira a pé, pode realizarse de forma individual ou por equipos e en función de onde se desenvolva ou a dureza da proba por percorrido ou tempo clasifícase en media ou longa distancia, sprint se se realiza en zonas urbanas e substitucións cando participan polo menos 3 corredores, habitualmente do mesmo sexo e pertencentes á mesma categoría deportiva.
Ademais de correr esta modalidade practícase en bicicleta, kaiak ou sobre a neve facendo esquí de fondo.
A modalidade máis completa é a que se coñece como Raid de aventura, leva a cabo por equipos e os participantes teñen que completar un percorrido de orientación bastante longo no menor tempo posible, sorteando as distintas dificultades da natureza que poidan xurdir sen axudas externas nin medios motorizados. Nunha soa proba pode chegar a combinarse a carreira, bicicleta, kaiak e esquí. As competicións de raids poden chegar a durar varios días.
Martín, cal é a modalidade na que ti compites?
Pola miña dispoñibilidade de tempo, soamente compito en carreiras de orientación a pé, tanto urbanas como en monte, e raids de aventuras curtos dun día de duración, que duran entre 6 e 8 horas de competición.
O campionato do mundo que se celebra este mes de Outubro, en que consiste?
É un campionato de Raid de aventura de longa distancia, cun total de 605 km repartidos en 205 km en trekking, 209 en BTT , 105 km en kaiak e 5 probas especiais a realizar nun máximo de 7 días.
Se falamos de podoloxía, que implicación tería, os pés na práctica deste deporte?
Unha implicación total desde o momento que é un deporte que se practica correndo por diversos terreos. Desde carreiras urbanas en asfalto, ata carreiras polo monte con desniveis e terreos irregulares.
É moi importante ter unha boa propiocepción a nivel pé- nocello e tamén que haxa traballo de fortalecemento do sistema músculo- ligamentoso.
Entendo que como podólogo, nas túas rutinas de adestramento haberá un tempo dedicado a coidar e protexer os teus pés.
Por suposto que o hai. Antes de cada adestramento dedico un tempo para quentar e mobilizar ben as articulacións pé- nocellos. A vantaxe de ser podólogo, neste caso, é que coñezo perfectamente os rangos articulares de cada articulación, e como é o seu traballo biomecánico en dinámica. Iso permíteme adaptar as rutinas de exercicios e facelas máis específicas.
Os adestramentos fágoos en distintos tipos de terreo, vou alternando. Non tería moito sentido que adestrase sempre en asfalto ou en pista por exemplo que é todo chan e coa mesma dureza se a maior parte das competicións son en terreos irregulares, con pendentes, con distintas durezas de terreo e mesmo con obstáculos no chan.
Centrémonos agora no calzado. Que características debería reunir o calzado ideal para practicar este deporte?
O máis importante sempre, é ter claro para que se vai a utilizar a zapatilla.
Hai que ter en conta distintos parámetros como a superficie na que se van a utilizar, se van ser terreos húmidos ou non, a distancia que van soportar de media e as características propias da persoa como pode ser o peso, o tipo de pisada que ten, se existe algunha patoloxía de base…
En termos xerais as zapatillas de raid deben ter:
Un contraforte ríxido que achegue soporte e estabilidade, con material interior confortable e amortecido. A sola do zapato debe ser flexible a nivel metatarsal e con debuxo para asegurar un bo agarre. As zapatillas non deben ser moi pesadas e recoméndase que sexan de materiais tipo goretex se se van a utilizar en probas húmidas.
Algún consello específico?
- Elixir a talla adecuada de calzado: Como xa falamos, as carreiras realízanse por terreos totalmente irregulares e con desniveis, por tanto é moi importante que o calzado non aperte e quede xusto na zona dos dedos para evitar erosións, bochas e hematomas subungueales, pero tampouco pode quedar moi folgado xa que non suxeitaría ben o nocello.
- Utilizar todos os ollais da zapatilla: O último ollal, “o eterno esquecido” é o que refire maior control e estabilización da articulación do nocello.
- Utilizar calcetíns técnicos e específicos: Que se axusten ben ao pé e de materiais que permitan transpirar sen fomentar a concentración de suor dentro da zapatilla.
- En carreiras de longa distancia como os Raids de Aventura: Cambiarse os calcetíns polo menos despois das probas húmidas, para evitar a maceración da pel e as infeccións por fungos e bacterias.
Se falamos de lesións deportivas, cales son as máis características na práctica deste deporte?
A nivel xeral, o máis habitual son os traumatismos en calquera parte do corpo derivados das caídas.
Se falamos dos pés, a nivel dérmico bochas, rozaduras, hematomas subungueais, a nivel músculo- ligamentoso escordaduras e torceduras e a nivel óseo fracturas ben por traumatismos ou fracturas por tensións.
Teño que recalcar que unha porcentaxe alta destas lesións son consecuencia directa do uso de zapatillas inadecuadas para os terreos nos que se compite e tamén por non traballar e potenciar a musculatura e elasticidade dos membros inferiores.
Algunha recomendación para os que debuten neste deporte?
As mesmas que lle dou a calquera dos meus doentes que deciden comezar a practicar un deporte.
A nivel calzado, que sempre sexa específico para a actividade deportiva que van realizar e para o terreo no cal se vai a levar a cabo.
E, a nivel preparación, é recomendable acudir a un podólogo especialista en podoloxía deportiva para facer un estudo biomecánico e valorar se existe algunha patoloxía previa, ou algo que ter en conta antes de empezar a adestrar, e poder facelo con todas as garantías.
Nunha exploración un podólogo pode sacar á luz desde problemas directos nos pés, ou na pisada, ata problemas de dismetrías de membros inferiores, malposicións….
E como sempre recalcamos aos nosos doentes, a medicina máis eficaz é sempre a medicina preventiva.