TEÑO UNS PÉS PERFECTOS

Dende o pasado 2015, todos os 17 de agosto celébrase o Día de Amor aos Pés, grazas ó labor de  Carolyn D. Jenkins quen propuxo dita celebración trala publicación do seu libro My feet: An Ode. Neste libro iníciase o movemento “good foot care movement” (bo coidado dos pés).

Esta celebración ten coma obxectivo revindicar os pés, ese piar fundamental do noso organismo que, desafortunadamente, pasa a miúdo desapercibido. Grazas ós pés somos quen de desprazarnos dun sitio a outro e levar a cabo actividades do máis variado dende andar e correr ata bailar ou escalar. Nosos pés soportan todo aquelo que facemos a diario e moitas veces só percatámonos da súa existencia cando sentimos dor.

Por isto mesmo é importante aproveitar un día coma este para amosar o fácil que e coidar os nosos pés e todos os beneficios que nos poden aportar. Ademais, un bo coidado dos nosos pés servirá para previr problemas tanto a curto coma a longo prazo. Unha falta de coidados sumado ós anos de desgaste poden ser moi duros para os nosos pés, al igual que as enfermidades, unha mala circulación, as unllas mal cortadas ou uns zapatos inapropiados.

Malia o fácil que é ter uns pés sanos, hai un descoido cara eles bastante xeralizado. O 75% da poboación adulta ten ou tivo algún problema podolóxico -sendo a elección dun calzado inadecuado a causa principal deses problemas. Deste xeito, levar un calzado adecuado para a biomecánica e características morfolóxicas dos nosos pés pode reducir os problemas nos mesmos. Se ten unha dor de pés persistente, consultar a un podólogo pode axudarlle. 

Seguindo a liña do traballo de  Carolyn D. Jenkins, atópamos no noso propio territorio con María Solar, autora de Teño uns pés perfectos. Un libro no que amosa dun modo moi sinxelo, orientado ós máis pequenos, o moito que adoitamos pasar por alto esa parte de noso organismo.

ENTREVISTA MARIA SOLAR 

1. Qué che levou a facer este libro?

Teño de sempre unha querencia polas cousas cercanas que non vemos ou que non apreciamos, desde non valorar o patrimonio que nos rodea, ata descoñecer o noso corpo e o seu funcionamento, pasando por fobias ou filias que temos a animais (e mesmo persoas) polo seu aspecto sen saber máis deles. Creo que a falta de coñecementos sobre algunhas cousas impídenos valoralas. E así, un día pensei en canto descoñecemos dos pés e a mala vida que lles damos. Curiosamente, os nenos gozan moitisimo deles, desde tocalos, a movelos ou andar descalzos. É algo que cos anos perdemos. Quixen reafirmar o valor dos pés desde o seu coñecemento. É un libro para lelo en familia, pequenos e maiores, e para lelo, como se di nel, cos pés descalzos.

2. Como foi o proceso de escritura? E de adaptar este contido informativo para os máis pequenos da casa?

A escritura do libro foi reunir dúas das miñas paixóns, a bioloxía, que estudei antes de xornalismo, e escribir para todos os públicos que practico hai anos. Foi unha escrita moi divertida e natural.

3. A que cres que se debe esa falta de concienciación/atención cara ós pés por parte da nosa sociedade?

Non valoramos o que non vemos e tampouco valoramos o que non ten bo aspecto. Os pés viven pechados en zapatos. Moitas veces en todo o día só nos decatamos deles para encerralos no calzados nun xesto case mecánico ao levantarnos. Pero cando nos descalzamos, despois dun día de traballo, ás veces cheiran, ou están feos, sécanse, sáenlle durezas, están suados… non os coidamos ata que chega o verán e todos lembramos que temos pés e queremos que luzan fermosos despois de todo un ano de maltrato.. 

4. Cres que en inculcarlle estes valores ós máis pequenos está a solución?

Por suposto. Os pés estructural e funcionalmente son uns mecanismos perfectos, complexos e froito dunha evolución moi singular na nosa especie. Os pés permítenos ser bípedos, liberar as mans, cargar cun peso que varia inmensamente ao longo da nosa vida, andar, correr, saltar. A nada que se afonda neles decatámonos do marabillosos que son.

5. Ademais da lectura, como podemos inculcarlles a importancia dos pés?

Eliminándolles algúns tabús. Son diversos na forma e aspecto, hai que normalizar ter pés, e falar deles ou amosalos.

6. E cos adultos?

Cos adultos exactamente igual. Este non é un libro para nenos, é un libro para todas as idades. Ten niveis de lectura que permite afondar máis ou menos. Pode servir para unha lectura axudada e compartida cos máis pequenos a unha lectura adulta. Estou segura de que calquera adulto vai descoñecer, ou nunca reflexionara, sobre moitas cuestións que se contan nel.

7. Acudiches algunha vez ó podólogo?

Algunha vez, sempre por algún problema puntual que me resolveron. Eu intento coidalos a diario, son importantes!

8. Que consello ou recomendación lle darías a alguén que quere empezar a coidar a saúde dos seus pés?

Que non se lembren deles só no verán. Os pés teñen que durarnos toda a vida. Desde pequenos hai que vixiar a pisada, e evitar malos costumes, coidar a hixiene, hidratalos, e compensar tantas horas de “peche forzoso”, darlles algunha alegría e, sobre todo, valoralos sexa cal sexa o seu aspecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *