Problemas podolóxicos no verán

A chegada do verán e, por ende, do bo tempo pasa factura nos nosos pés. E moito máis do que poidamos pensar a primeiras. Nesta época do ano, adoitamos estar fóra da casa máis que nunca, incluso, chegando a facer actividades non practicadas nos restantes meses do ano. Este punto de inflexión nas nosas vidas cotidianas, pode chegar a xerar diversos problemas nos nosos piares fundamentais: os pés. 

Este sobreuso de pés e pernas, a miúdo vese complementado cun calzado pouco axeitado, como ben poden ser unhas chanclas ou sandalias que non suxeiten ben o noso pé. Isto pode chegar a xerar unha serie de patoloxías, como é o caso da fascite plantar -unha inflamación do tecido da planta do pé, normalmente, debido a unha sobrecarga. A aparición deste tipo de problemas tamén se ve incrementado nas persoas que deixan de lado o seu tratamento con soletas ou por un cambio demasiado brusco dun zapato pechado de inverno ás sandalias ou chanclas -ás veces incluso chegando a sobreusar este tipo de zapato.

O calzado neste período do ano xoga un papel fundamental. Tanto un zapato que non protexa o pé o suficiente, como ó contrario, un calzado que aprete en demasía chegando a oprimir, poden xerar feridas nos nosos pés, ademais das ben coñecidas ampolas. Por outra banda, as altas temperaturas lévanos a optar por andar descalzos, ás veces, incluso en superficies inestables ou perigosas -como é o caso das rocas das praias por exemplo- que tamén acabarían por lastrar os nosos pés.

Todo isto convírtese en algo de vital importancia entre todos aqueles con ‘pé de risco’ -como ben poden ser os diabéticos ou todas aquelas persoas cunha mala circulación. Para eles, un pequeno roce pode derivar en problemas graves, chegando incluso a peligrar a extremidade. Por este motivo, estas persoas non debe camiñar descalzas e moito menos, por superficies como rocas ou abrasivas. De feito, non deberían usar nunca o calzado sen calcetíns e no caso da praia é recomendable o uso de escarpíns para protexer o pé en todo momento. Non obstante, este tipo de pacientes debería empregar sempre, sen excepcións, un calzado transpirable que suxeite, permitindo evitar os roces. En calqueira caso, a mellor opción e acudir ó podológo para que aconselle o calzado máis adecuado seguindo as necesidades particulares de cada un, apostando sempre por un calzado pechado de tela elástica ou canto menos branda, para que se adapte ás características do pé.

Tamén destacan a aparición dos molestos helomas interdixitais, coñecidos popularmente como ollo de galo. Estas incómodas deformidades adoitan aparecer nos primeiros días do verán. Neses días nos que hai unha forte variación de temperatura que, de seguro, acaba por pillarnos cun calzado demasiado abrigoso. Isto provoca que o pé se dilate ó estar tan comprimido, isto, sumado a un aumento da humidade -pola sudación- fai que aparezan ou se agraven rápidamente estes helomas. A medida que o verán avanza, e pasamos a un zapato moito máis aberto e ‘fresco’ estas doenzas poden mellorar. Pero isto, non é máis ca un mero espellismo. Ó tratarse dun problema óseo -resaltes nos ósos dos dedos e a presión entre eles-, por ende, reaparecerá en canto se volva a un calzado pechado. Deste xeito, a única solución definitiva é a ciruxía.

Estas molestas deformidades, tamén poden aparecer nas plantas dos nosos pés. Isto explícase a partires dunha sinxela razón: unha mala mecánica do pé. Unha mala pegada que non sexa capaz de distribuir correctamente o peso do corpo, o que fai que aparezan durezas ou helomas nas áreas nas que nos apoiamos. Todo isto, vese incrementado polo: 

  1. Uso dun calzado con sola fina
  2. Abandono do tratamento de soletas.
  3. Aumento da nosa actividade: camiñamos máis do que estamos acostumados.

Nesta época do ano tamén entra na ecuación a importancia dunha boa hidratación. Os pés non son máis que un reflexo do nivel de hidratación do noso organismo. Por iso, é moi importante beber auga diariamente e se aínda así, persiste as gretas nos nosos pés -ocasionada polo incremento de temperatura e un calzado aberto- pódese optar polo uso dunha crema hidratante. Pero, compre recordar que unha crema hidratante habitual, que usaríamos, por exemplo, para a cara sería insuficiente. A pel do talón é cincuenta veces máis grosa que a da cara polo que unha crema dese estilo pode ser absolutamente insuficiente para o pé. Habitualmente as cremas  hidratantes para o pé adoitan incorporar  urea ao 20% ademais doutros compoñentes. En ocasións, esta hidratación superficial non é suficiente, é as gretas seguen a ser bastante profundas ou dolorosas, polo que é aconsellable acudir ó podólogo, especialmente, se se trata de pacientes con diabetes, mala circulación ou inmunodeprimidos.

Co incremento das temperaturas vemos un incremento na aparición de certas infeccións como ben poden ser os papilomas, o pé de atleta ou a onicomicose.  Estas infeccións adquírense por contaxio, por contacto con superficies (chan, calzado…) contaminadas. Favorécese a transmisión e desenrolo coa presenza de humidade, principalmente no verán, cando os pés poden permanecer húmidos durante un tempo e, tamén si se frecuentan áreas coma piscinas e vestiarios públicos. Outras das razóns principais que favorecen a súa aparición é non secar ben os pés, especialmente, entre os dedos, ademais de camiñar descalzos.

O descoido dos pés tamén leva á aparición de queimaduras nos pés, por non botar crema de protección solar nesa área do noso corpo. Malia que o coidado dos pés é algo de vital importancia para todos nós, ben é certo que todas aquelas persoas que presenten diabetes ou problemas circulatorios non deben permitirse ter este tipo de descoidos.

Durante esta época do ano, tamén é habitual que as clínicas podolóxicas reciban a pacientes primerizos. Pacientes que acuden a este especialista por ‘cuestións estéticas’ que esconden unha serie de problemas podolóxicos. Non podemos esquecer que uns pés bonitos comezan por uns pés sans. Non obstante, malia a súa concepción errónea, este primeiro contacto coa podoloxía é a oportunidade perfecta para empezar a prestarlle os coidados debidos ós nosos pés. Nestas consultas, o podólogo realiza unha  valoración do estado de saúde do pe, aportando un tratamento se é necesario para poñerlle fin a ese problemas (estéticos e non tan estéticos) e aconsellando pautas de prevención para futuras doenzas.