Os pés na arte

No Renacemento (s. XV) a ansia polo coñecemento e a experimentación de Davinci levárono a afondar nos estudos de anatomía. Este artista-científico examinaba o corpo humano a fondo, buscando revelar todos os seus secretos a través da súa disección. Para el, arte e ciencia debían ir da man, posto que, eran o mesmo. Segundo Davinci, a pintura era a única forma de reproducir o que se veía na natureza fielmente. Non obstante, non é o único artista do movemento interesado nas ciencias e o corpo humano. De feito, a partires do último terzo do século XV imponse a ensinanza da anatomía coma disciplina obrigatoria para os artistas.

Deste xeito, queremos aproveitar a ocasión para de expoñer unha cuestión que poucas veces tense en conta ao admirar as manifestacións artísticas: o valor compositivo, iconográfico ou simbólico dos pés. Algo tan esencial no corpo humano que pasan desapercibidos moitas veces -tanto para a sociedade en xeral a hora de darlle os coidados necesarios como para os estudosos da arte, xa que parecen máis  atraídos cara outros aspectos como a xesticulación a través das mans, o poder dunha mirada ou mesmo, un sorriso.  

Seguramente, todos seremos capaces de nomear canto menos unha obra de arte onde as mans, por exemplo, aparecen cun rol protagonista pero, que pasa cos pés? Non son indispensables para o corpo humano? Non describen o movemento ou estatismo nas figuras representadas? Quéirase ou non hai que darlle o seu xusto valor ao pé. Non se trata de facer un estudo anatómico do pé, nin de examinar se son correctas ou non as proporcións dos mesmos, senón o seu valor nas obras de arte.

Pero non só a aparición, postura ou colocación dos pés é importante para o significado das obras de arte, o non verse, taparse ou estar  deformados ten tamén a súa explicación e valor  iconográfico. Por exemplo, o artista  Pieter  Brueghel ( 1525/30-1569) na súa obra,  Os  lisiados (1568), na que fai alusión aos representantes das distintas clases sociais -polos tocados das cabezas trataríase dun rei, un bispo, un soldado, un burgués e un campesiño- captándose certa ironía ao representalos como  lisiados, pois a aparición dun home de pés tullidos, amputados, é metáfora da enfermidade de espírito.

Unha das escenas máis soadas é a Expulsión do Paraíso de Masaccio. Adán e Eva están a ser expulsados polo anxo do Edén e, por primeira vez na arte, son responsables dos seus actos, desde a vergoña que senten pola súa nudez (ambos se tapan coas mans avergoñados), á deformación. Así as caras son case máscaras grotescas que expresan dor ante o pecado cometido e chama a atención a perna e pé de Adán que se resiste a abandonar o Paraíso e ao que lle custa saír pola enigmática porta. Masaccio os  deforma esaxerada e  simbólicamente como alusión á resignación do home ante o erro cometido.

Outro caso emblemático é o da escultura do espinario, unha obra que nace co obxectivo de  homenaxear a Martius – un pastor que recibiu o encargo de enviar unha mensaxe. Foi tal a súa dilixencia, que non parou ata entregar a mensaxe. Unha vez conseguido, comezou a quitarse unha espiña cravada no seu talón.  A escultura amosa unha actividade trivial non heroica como sacarse a espiña simbolizando os pequenos obstáculos que aparecen no noso día a día.  

Tamén é reseñable o caso de What the water gave me (Frida Kahlo). Esta pintura é unha imaxe do paso de tempo, reflectindo xogos de infancia na bañeira e a tristeza do seu sufrimento ó longo da súa vida. 

Á diferenza de moitas das súas outras obras, nesta non hai un foco principal dominante. Aparecen numerosas  representacións simbólicas para diversos acontecementos na vida da autora. Incluso, incorpora moitos outros elementos que aparecen en varias das súas outras pinturas. A representación das pernas e pés da propia autora na bañeira enfróntanse ó problema do corpo femenino que normalmente era descrito como un obxecto da mirada masculina. Aquí, o seu corpo é o obxecto do seu propio mirar.

Ben é certo que nunha obra de arte todo ten un significado, un valor, ou unhas connotacións ben sexan relixiosas, sociais ou políticas. Cada un dos detalles que compoñen as obras de arte están moi estudados, medidos e teñen un porqué. Son moitas as interpretacións e significados que se lle poden dar ao pé segundo a súa posición, a súa aparición ou non… Como se viu, unhas veces serve para compoñer, outras para coñecer a través deles a personalidade do protagonista da obra, outras axudan entender a súa temática, o zapato de tacón é sempre símbolo de feminidade e en ocasións vincúlase á idea de femme fatale ou de vida “ pecaminosa”…. E así poderiamos seguir con moitas obras máis, ou alguén dubida de que perderían o seu sentido as series de bailarinas de Degas ensaiando ou representando unha danza se non aparecen os seus pés? A razón final é que o dos pés é unha linguaxe  xestual moito máis complexa que a das mans e tamén unha forma de sinalar a natureza das accións do home ou das súas emocións.

Deste xeito, o COPOGA convoca o seu I concurso de fotografía “OS PÉS NA FOTOGRAFÍA” co fin de promover a atención aos pés e incidir na importancia do seu coidado para a saúde e revindicar a aparición desta parte do corpo na arte. Cada persoa  poderá enviar até un máximo de 5 fotografías que deben encadrarse na categoría na que se desexe participar -“profesionais” ou “afeccionados” tendo de límite o vindeiro 31 de xullo. As bases do concurso están na nosa páxina web.

Bibliografía:

  • Cantos, V., 2016. El niño de la espina o Espinario. Comentario. [online] Auladehistoria.org. Available at: <https://www.auladehistoria.org/2016/11/el-nino-de-la-espina-o-espinario.html> [Accessed 25 May 2021].
  • Kahlo Organization, 2009. What the Water Gave me. [online] Kahlo.org. Available at: <http://www.kahlo.org/what-the-water-gave-me/> [Accessed 25 May 2021].
  • Villaverde Solar, M., 2008. La representación de los pies en el arte moderno y contemporáneo: su valor iconográfico, simbólico y compositivo. Revista Internacional de Ciencias Podológicas, 2(1), pp.27-38.