como pode afectar a asma a túa saúde podolóxica?

A asma é unha enfermidade pulmonar que afecta ó sistema respiratorio, e acaba por causar alteracións noutros sistemas do corpo humano. E disto, quixo facerse eco o Dr. Roi Painceira, podólogo, que acaba de publicar a súa tese “Impacto da asma relacionado coa calidade de vida, dor e mobilidade relacionada coa saúde dos pés en pacientes adultos”. E ti, queres saber como pode afectar a asma a túa saúde podolóxica?


1. Os asmáticos deberían prestarlle especial atención á saúde dos seus pés, do mesmo feito que debería facelo un paciente con diabetes, p.e??

Os achados da nosa investigación lévannos a pensar na relación estreita entre a asma e alteracións funcionais e sensitivas no pé e nocello, polo que cobra unha especial importancia que estes pacientes realicen cribados podolóxicos periódicos coa finalidade de manter un estado de saúde do pé óptimo e poder así previr doenzas futuras. 

2. Os asmáticos son máis dados a sufrir certas doenzas no tocante á saúde dos pés. Cales son estas doenzas?

Os pacientes diagnosticados de asma, adoitan a ter limitacións na mobilidade articular (articulación do nocello e articulación metatarsofalánxica), un maior risco de caídas, un incremento da mecanosensibilidade á dor e unha diminución da calidade de vida relacionada có pé.

3. A que se debe esta correlación de asma-pataloxías podolóxicas

A hipótese máis aceptada neste momento baseándose na bibliografía actual e nos nosos achados é que as alteración fisiolóxicas provocadas pola asma, así como a intervención dos fármacos utilizados para o seu tratamento, poden xerar un mecanismo de sensibilización do sistema nervioso central, que á súa vez poden producir cambios músculo-esqueléticos ou sensoriais, os cales finalmente orixinan as alteracións podolóxicas.


4. O calzado xoga algún rol en todo isto?

Nun dos estudos que realizamos, no que avaliamos o impacto da asma relacionado coa calidade de vida asociada ao pé, un dos resultados máis significativos foi a presenza dun deterioro desa calidade de vida relacionada có calzado, polo que podemos concluír que os pacientes asmáticos estudiados atopaban dificultades en canto á súa adaptación ao calzado.
5. Como podemos previr como pacientes a aparición destas doenzas?

En primeiro lugar, o punto máis importante é que os pacientes teñan a súa enfermidade de base (asma) controlada. Como esta é unha patoloxía crónica, é importante que os pacientes asmáticos realicen revisións podolóxicas periódicas coa fin de poder detectar de maneira precoz calquera alteración secundaria que poidan padecer no pé.

6. E como podólogos?

Como podólogos, o primeiro que temos que ter presente é a consideración de estes pacientes como un grupo de risco de padecer problemas podolóxicos, polo que debemos facer controis rutineiros do estado xeral de saúde do pé como medida preventiva, e en caso de que o paciente padeza algunha alteración, realizar os tratamentos máis axeitados de cara a mellorar a súa saúde podolóxica e xeral. 

7. Por qué cres que ata o momento, ninguén afondara nisto?

Ata o momento, relacionárase a asma con alteracións músculo-esqueléticas e sensitivas no cuadrante superior do corpo, pero non existía ningunha investigación que abordase o seu impacto na rexión anatómica de pé e nocello. Na actualidade aínda existe un déficit de investigación e coñecemento científico podolóxico, polo que se abre ante o noso colectivo un horizonte apaixonante de cara a coñecer cada vez mellor esta rexión anatómica e mellorar así a atención podolóxica aos nosos pacientes.

8. Cal vai ser o teu seguinte paso de cara a esta investigación?

Neste momento, ó noso grupo de investigación, atópase proxectando diversas investigacións para avaliar o impacto da asma en función da súa clasificación e o impacto de diversas enfermidades respiratorias no pé.