Os pés e a danza

No día a día, os nosos pés están sometidos a unha gran presión, sendo o único punto de apoio de todo o noso organismo. Pois ben, no caso dos profesionais (e non tan profesionais) da danza o correcto funcionamento dos pés é algo fundamental.

Aínda que a danza sexa considerada unha arte, é ben sabido, que todos aqueles que a practiquen deben contar cunha boa condición física para seren capaces de soportar todo ese esforzo que supón bailar. Dito esforzo, implica que con moita frecuencia aparezan lesións. E non só no pé. Non podemos esquecer que unha mala pegada pode acarrear importantes consecuencias noutras partes do corpo. As lesións máis frecuentes son no nocello (39%) e no propio pé (23%) seguidos pola cadeira e o xeonllo (cun 20% e 18% de frecuencia respectivamente).

Dentro das lesións máis comúns, destaca o hallux valgus afectando prácticamente a 1 de cada 2  bailaríns profesionais. Esta lesión adoita estar provocada polo comezo co traballo de puntas a unha idade moi temperá, cando aínda non se desenvolveu suficientemente a musculatura dos pés. Pese o desenvolvemento desta deformidade e as compensacións que conleva no resto do pé, perna e columna, non adoita incapacitar para a práctica da actividade. 

Outra das pataloxías máis comúns son os dedos en garra (afectando a un 41% dos bailaríns). Esta dolencia baséase na posición retraída dos dedos debido ó disbalance entre os músculos extensores e flexores do pé. Adoitase atopar a causa na sobrecarga que produce a posición de punta sobre o primeiro e o segundo dedo. A tendinite, outra das dolencias máis comúns, adoita acontecer na zona do tendón de Aquiles. Esta dor na parte posterior da perna pode previrse evitando bailar sobre superficies pouco axeitadas, empregando o calzado correcto (sen apertalo excesivamente) e sen chegar a sobrecargar a zona. Por iso mesmo, debemos adaptar á carga de exercicio á nosa condición física.

 As hiperqueratoses son outras das dolencias máis comúns que afectan a 3 de cada 10 profesionais da danza. As hiperqueratoses son o engrosamento da capa máis superficial da pel do pé a causa dun exceso de presión ou roce. Por unha banda,  a hiperqueratose plantar dáse na maioría dos profesionais – arredor do 80% – mentres que no dorso dos dedos afecta a un 40%. 

 Tamén é moi común a aparición dunha serie de problemas nas unllas, destacando especialmente a aparición de hematomas – debido ás pequenas contusións mentres se realiza o exercicio –  e   as unllas incarnadas – provocadas por un calzado estreito ou moi apertado e pola propia deformación da unlla.

Aínda que os bailaríns rematan por adquirir unha maior flexibilidade e mobilidade que o resto da poboación, o inicio desta actividade a unha idade moi temperá – antes de que se termine a etapa de desenvolvemento do pé – pode ocasionar gran parte destas dolencias. Tamén, dependendo de que estilo ou estilos de danza se practiquen, pode aumentar o risco de padecer certas deformacións – son máis comúns entre os bailaríns de danza clásica.

Asemade, este sobreuso dos pés por parte dos bailaríns, provoca que en ocasións, presenten unha anatomía anormal, como ben pode ser o pé cavo (17%), o cavo-valgo (9%) ou o pé plano (9%).

Non obstante, esta desenvolvida mobilidade e flexibilidade, non implica que estes sobreesforzos non  acaben por facer mella nos tecidos brandos. Como xa se comentou, unha das lesións máis habituais afecta ó tendón de Aquiles, pero as que teñen lugar no nocello tamén son moi comúns. Encabezando esta lista teríamos á escordadura de nocello, xa que é unha das zonas que máis traballa.

 Asemade, hai unha serie de factores que predispoñen a estas lesións como ben poden ser os pés febles, un mal control do nocello ou unha técnica defectuosa entre outros. De feito, a causa que adoita provocar lesións con maior frecuencia na danza clásica é o desenvolvemento dunha técnica incorrecta. O tipo de superficie, as zapatillas, as limitacións físicas ou os desequilibrios musculares completan a lista das causas que provocan máis lesións. A redución dos factores de risco resulta pois imprescindible para tentar previr as lesións na danza clásica.

 De maneira similar, os esforzos persistentes e os movementos defectuosos poden conducir a lesións máis graves como as fracturas por estrés, sendo as zonas mais afectadas o segundo e o terceiro metatarsianos. Estas son un tipo de fracturas que se dan por xestos repetitivos que sobrecargan un oso.

Para coñecer en maior profundidade a saúde dos pés, está indicado realizar un estudo biomecánico da pisada dos bailaríns, co que se pode pautar, non só un tratamento correcto cando existe un problema músculo-esquelético do membro inferior, se non tamén plantexar a estratexia de prevención individualizada mais axeitada .

 BIBLIOGRAFÍA

Cubero Climent, E. and Esparza Ros, F., 2005. Fisioterapia en la lesión de la danza clásica. In: Revista de fisioterapia UCAM, Vol.4 – Nº2. Murcia: Universidad de Murcia.

Pérez, E. e Masso, N., 1998. El pie en la danza. In: Revista de Medicina y Cirugía del Pie. Tomo XII, n.° 2 (57-61. pp.56-61.

Pozo Municio, M., 1997. Características del entrenamiento y perfil fisiológico en la danza. Selección, 6 (2): 49-63