O peso da mochila afecta aos pés dos máis pequenos

Co retorno ás clases dos máis pequenos sempre chega a preocupación de que material escolar mercar. Entre este, atópanse as mochilas que, máis que preocuparnos da súa estética, deberíamos asegurarnos de que non sosteñen máis peso do recomendado para evitar que isto repercuta na saúde dos máis pequenos. Unha carga excesiva non só afecta ás costas, senón que tamén pode alterar outros aspectos do aparello locomotor, entre o que se atopa a forma de camiñar do neno.

O peso que o corpo dun neno ou nena pode levar ás súas costas sen ter efectos prexudiciais, dependendo do estudo que se consulte, non debería superar o 10-20% do seu peso corporal para que non teña repercusións na súa saúde, a curto ou longo prazo. Entre as consecuencias que se poden desencadear cun exceso de carga atópase a alteración da biomecánica da marcha, pero tamén outros problemas do aparato locomotor, lesións nas cadeiras, pés ou costas. Estes poderíanse agravar de padecer algunha alteración de base como podería ser a escoliose ou pés planos.

Os problemas que pode ocasionar unha carga excesiva nas mochilas son variados e, na súa maioría, implican á estrutura ósea ou muscular das costas: escoliose, hipercifose, hiperlordose, espondilolistese, lumbalxia, dorsalxia, etc. Aínda que tamén se atopa a artrose precoz, que é unha enfermidade das articulacións caracterizada por unha dexeneración da cartilaxe e unha proliferación do tecido óseo.

Por outra banda, non só o peso, senón tamén o modo no que se porta a mochila terá grande influencia na saúde dos nenos. Neste sentido, o estudo realizado por Ozgül (2012) fai unha avaliación das alteracións biomecánicas á hora de levar a mochila dun só brazo. Durante a investigación comprobouse que os nenos que levan a mochila unilateralmente sofren unha diminución en ángulos de flexión dorsal de nocello, varo de xeonllo, extensión de cadeira e rotación pélvica. Aínda que tamén demostrou que estes efectos sobre a mecánica dos pés é independente do peso que leve, senón que inflúe como se leva. Así mesmo, un aumento de peso na zona lumbar desencadea nunha alteración biomecánica na articulación do xeonllo. 

Ademais, a distribución da presión plantar cambia en función do peso e de como se leve a mochila. En primeiro lugar, o exceso de carga causa asimetría na distribución de carga, provocando unha inclinación cara adiante do tronco para manter o equilibrio. Por outra banda, unha posición baixa da mochila dá como resultado algo semellante.

Dunha maneira ou outra, dende fai anos vense demostrando a influencia da mala distribución da carga ou un peso excesivo da mochila nos cambios posturais e, como consecuencia, en alteracións musculoesqueléticas. En síntese, á hora de portar unha mochila ou de cargala, deberíanse ter en conta os seguintes consellos elaborados pola Asociación Española de Pediatría (AEP):

  1. En primeiro lugar, sendo este o máis evidente, a mochila debe pesar o menos posible, polo que se debe retirar o contido que non se empregará durante ese día.
  2. A organización do material dentro dela tamén será importante, pois o máis pesado deberá colocarse na parte inferior
  3. Deberá situarse no centro das costas, a nivel da cintura e pegado ao corpo. Isto tamén leva a falar sobre a necesidade de levala ben colocada, empregando as dúas asas para levar o peso correctamente distribuído e non sobrecargar ningún dos dous ombros.
  4. A condición física do menor tamén será importante, pois é necesario ter unha musculatura axeitada que axude a levar a carga da mochila escolar.
  5. Así mesmo, o tempo de transporte da mochila debe ser o mínimo requirido, establecendo a recomendación de non exceder os 15 minutos.
  6. No caso de ser mochilas de rodas, aconséllase empuxar e non tirar de ela. Ademais, tamén se recomenda que esta teña asa regulable segundo a altura.

Deste xeito, seguindo estas sinxelas recomendacións non só se evitará as habituais dores na espalda derivadas de portar mochilas escolares, senón que se evitarán problemas maiores que afectan pés e á súa marcha e, por tanto, que teñen unha repercusión global no corpo.

Bibliografía:

  • Investigadores analizan cómo el peso de la mochila de un niño influye en su forma de caminar (2019). Universidad de Malága.
  • Kim, K.; Kim, C., Oh, D.W. (2015). Effect of backpack position on foot weight distribution of school-aged children. Journal of Physical Therapy Science, v. 27, nº 3, pp. 747-749.
  • Ozgül, B. et al. (2014). Effects of unilateral backpack carriage on biomechanics of gait in adolesents: a kinematic analysis. Acta Orthopaedica et Traumatologica Turcica, v. 46, nº 4, pp. 269-274.
  • S. F. (2018). La carga de la mochila escolar no debe superar el 15% del peso corporal. ABC.es.
  • Vargas, Y. (2020). Desarrollo de hábitos saludables para la mejora de la higiene postural en el alumnado desde el área de educación física. Universidad de La Laguna.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *