Coidar a pel dos pés é importante: consellos para evitar queimaduras solares

Coa chegada do verán e da calor, as cremas solares volven aos estantes máis vistosos de farmacias, droguerías e mesmo supermercados. A preocupación por evitar as perigosas e molestas queimaduras semella aumentar coa chegada dos meses estivais, sen embargo, os nosos pés sempre son os grandes esquecidos á hora de aplicar as medidas de seguridade e precaución necesarias para evitar males maiores, malia a ser unha das partes do corpo máis susceptibles a desenvolver certos cancros de pel asociados a queimaduras ou á exposición solar.

Tomar o sol ou tratar de broncearnos con lámpadas ten inconvenientes como o envellecemento da pel, queimaduras e, nos casos máis graves, o desenvolvemento de algún tipo de cancro de pel. Neste sentido, as queimaduras de sol están causadas pola radiación ultravioleta (UV), xa sexa do sol ou de fontes artificiais como lámpadas de bronceado. Por isto, debemos protexernos do sol, sexa cal sexa o tempo de exposición, pois unha queimadura pode acontecer en menos de 15 minutos e, pola contra, a súa curación pode tardar dende días a semanas en función da súa gravidade. Así mesmo, haberá certos factores de risco como:

  1. A idade. A pel dos menores de 5 anos e anciáns maiores de 65 anos é máis delgada, polo que a profundidade da queimadura é maior. Así mesmo, hai patoloxías asociadas ao segundo grupo, que tamén aumentan o risco como pode ser a diabetes, insuficiencia hepática, insuficiencia renal, cancro ou obesidade, por exemplo.
  2. A cor. Aínda que todos os tipos de peles poden ser suxeito de queimaduras solares, as máis claras son máis susceptibles de padecelas.
  3. O momento e o lugar. A hora do día influirá, como tamén o fará a proximidade a superficies reflectantes como pode ser a auga, a area, o formigón, a neve e o xeo. Así mesmo, a canta maior altitude nos situemos maior será a exposición aos raios ultravioleta, pois aumenta aproximadamente un 4% por cada 305 metros. 
  4. Localización. É importante porque en algunhas zonas a derme é máis delgada. Por iso, son consideradas zonas de especial risco as superficies de flexión dos brazos, antebrazos e coxas, o perineo e a cara.
  5. Outros factores. O risco pode aumentar polo uso de antibióticos orais, anticonceptivos e tranquilizantes, entre outros.

Neste sentido, os nosos pés son unha das zonas máis delicadas dos nosos corpos en canto á sensibilidade á exposición solar, pois estes non están acostumados ao contacto directo e prolongado con el. Así pois, podemos tomar unha serie de medidas para previr as queimaduras e tamén patoloxías derivadas de estas:

  1. Evitar exposicións excesivas. E recomendable o uso de parasoles na praia, fixándonos que os pes tamén están en sombra, evitar a exposición ás horas centrais do día e consultar o Índice Ultravioleta da zona na que estemos.
  2. Usar abundante protección solar. Débese aplicar suficiente crema solar por todo o pé, incluídos os dedos e as solas.
  3. Vixiar os nosos pés. Botarlle unha ollada regularmente aos nosos pés é un dos xestos máis efectivos á hora de anticiparnos ao desenvolvemento de algunha enfermidade. Por iso é importante buscar calquera tipo de alteración dérmica ou lesión estraña que se poida presentar neles e, en caso de atopar algo na superficie que nos xere desconfianza, débese visitar ao podólogo.
  4. Sopesar os factores de risco. Como se vén dicindo até agora, hai certos factores que predispoñen aos nosos pés a sufrir queimaduras ou patoloxías asociadas a estas. Por iso, será importante ter en conta aspectos como unha exposición excesiva e sen protección ao sol, a pel clara ou a historia familiar.

Por outra banda, os síntomas dunha queimadura van dos máis evidentes como o enroxecemento da zona ou a calor que pode desprender até dor, edema ou mesmo ampolas. Malia que é mellor previr que curar, para facilitar a recuperación, o podólogo pode recetar cremas antiinflamatorias con corticoides, específicas para este tipo de queimaduras solares, varias veces ao día e aplicando crema en exceso para que a pel a vaia absorbendo. Ademais, tamén se recomenda aplicar compresas mornas de auga ou soro; evitar o xabón, esponxas ou frotar a pel danada, así como certas substancias graxas como poden ser as vaselinas ou pomadas; non camiñar por superficies quentes nin expoñer ao sol a zona queimada; e en algúns casos poderá consumirse paracetamol ou antiinflamatorios non esteroides por vía oral para a dor.

Sen embargo, é recomendable visitar a un podólogo de presentar queimaduras graves e ampolas, xa que será este o que nos poida indicar con maior atino cales deben ser os pasos a seguir para curar e mellorar a queimadura nos nosos pés.

Bibliografía:

  • Mascaró, J.M. Quemaduras solares: del eritema  la ampolla al cáncer de piel. Prevención y tratamiento. Clínic Barcelona Hospital Universitari.
  • ¿Qué hacer ante una quemadura solar en los pies? (2018). Instituto Valenciano del Pie.
  • Protect your feet from the sun. American College of Foot and Ankle Surgeons.
  • Saz Peiro, P. (2018). Tratamiento y prevención de quemaduras solares. Medicina Naturista, v. 12, nº 12, pp. 48-50.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *