Enfermidade de Sever: así é a dor nos talóns en nenos

A enfermidade de Sever, tamén coñecida como apófise calcánea, é unha inflamación dolorosa da placa de crecemento do talón e é unha das causas máis comúns de dor de talón en nenos. Pódese presentar nunha ou en ambas extremidades. O perfil do doente adoita ser un neno de entre 8 e 14 anos, pois o óso do talón (calcáneo) non está totalmente desenvolvido. Durante esta etapa vital estase a formar óso novo na placa de crecemento (fise), que é unha área débil situada na parte posterior do talón. Por iso, cando as forzas que se exercen sobre a zona ao camiñar ou correr son excesivas, pode desenvolverse unha inflamación que provoca dor.

Aqueles doentes que padecen esta patoloxía presentan un cadro de dor crónica na parte posterior e inferior do talón, coxeo, camiñan sobre a punta do pé e mostran dificultade para correr, saltar ou outras actividades. De feito, mediante un exame físico, o podólogo poderá constatar a dor do paciente ao exercer presión na parte posterior do talón e tamén será quen de dilucidar, xa na perna, unha diminución da flexibilidade dos xemelos e do soleo. Por outra banda, para facer un diagnóstico diferencial poderá realizarse unha radiografía.

Durante o desenvolvemento dos nenos, a placa de crecemento é moi sensible, polo que hai moitas causas que poden provocar a tensión dos músculos e posterior inflamación dos tecidos. Por exemplo, o uso en exceso e a forza feita sobre o talón durante actividades deportivas; calzar zapatos que non dispoña dun amortecemento axeitado na zona do talón, ou que conte con tacos, como os zapatos para xogar ao fútbol; e unha sobreexposición a mecanismos de traumas repetitivos, como pode ser saltar ou correr. Por estes motivos, a patoloxía adoita estar vencellada a persoas que realizan actividades deportivas, aínda que hai outros factores de risco como a obesidade, ter o tendón de Aquiles tenso e problemas biomecánicos como o pé plano.

A dor de talón nos nenos tense demostrado que é diferente á que experimentan os adultos pois, mentres estes últimos conseguen xeralmente calmar a dor ao camiñar, un talón pediátrico non mellora desta maneira. Neste sentido, o tratamento vai constar en técnicas que diminúan o proceso inflamatorio. Deste xeito atópanse tratamentos como:

  • Calzado axeitado e solas amortecedoras, que reducirán o impacto.
  • Uso de antiinflamatorios non esteroideos, como o ibuprofeno, que axudan a reducir a dor e inflamación.
  • Redución das actividades que causen dor. Tamén se pode chegar á inmobilización nos casos máis severos de dor, para promover a curación mentres se mantén o pé e o nocello inmobilizados.
  • Métodos físicos. Xunto co retorno progresivo á actividade física, son importantes para a recuperación. Entre estes métodos físicos atópase a terapia física e tamén a aplicación de xeo durante vinte minutos diarios para reducir a inflamación.

Por último, hai unha serie de medidas que se poden tomar para reducir as probabilidades de que a enfermidade de Sever se manifeste. Entre estas atópase promover un estilo de vida saudable, para evitar a obesidade; escoller un calzado axeitado para o deporte, así como evitar o seu desgaste; e evitar actividades que vaian máis alén da capacidade do neno.

Bibliografía:

  • Apófisis del Calcáneo (Enfermedad de Sever). American College of Foot and Ankle Surgeons.
  • Espinosa Leal, E. e Espinosa Hernández, E. (2016). Síndrome de talón doloroso, enfermedad de Sever: presentación clínica, hallazgos de imágenes y manejo del dolor en niños y jóvenes atletas. Revista Médica de Costa Rica y Centroamérica LXXIII, 619, 383-387.
  • Glenn, M.; Villagómez, R.; Romero, D. (2016). Imágenes diagnósticas: ¿cuál es su diagnóstico? Revista de la Federación Ecuatoriana de Sociedades de Radiología, v. 9, n.1, 37-39.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *