melanocarcinoma lentixinoso acral (MLA)

O melanocarcinoma lentixinoso acral (MLA) no pé é unha variante pouco frecuente, pero a miúdo moi agresiva, de melanoma ou cancro de pel. Este tipo de patoloxía é diagnosticada en moitas ocasións con retraso por ser unha zona pouco examinada, ademais de imitar outras afeccións, incluíndo lesións vasculares e úlceras. Por outra banda, coñécese que a súa incidencia é maior en varóns e en persoas de pel non caucásica.

Esta patoloxía é unha variedade de melanoma maligno cutáneo que tan só representa o 1%. Pola contra, fronte á primeira cifra atópase o melanoma de extensión superficial, que representa o 65% dos casos, seguido polo melanoma léntigo maligno (27%) e o melanoma nodular (7%). Malia que o MLA tan só representa 1 de cada 100 casos, implica o 80% das mortes relacionadas con esta tipoloxía de cancro. Malia á súa baixa incidencia o seu prognostico adoita ser peor debido á agresividade deste tumor, a tardanza no diagnóstico ou a un primeiro diagnóstico erróneo. Este é confundido, por exemplo, con úlceras, verrugas, pé de atleta ou nevus.

As partes do corpo que xeralmente se ven afectadas polo melanocarcinoma lentixinoso acral son as palmas das mans, as rexións situadas debaixo das uñas ou subungueal e as plantas dos pés, sendo estes últimos as zonas máis frecuentes. Por outra banda, o sector da poboación máis afectado por esta patoloxía sitúase en idades superiores aos 60 anos e a raza pasa a ser un factor determinante, pois danse máis casos de MLA nos pés en persoas con pel escura, aínda que é certo que o melanoma en xeral, afecta máis á poboación branca.

En canto ao seu diagnóstico, pódense empregar varias ferramentas. A máis básica é o protocolo de valoración de lesións ABCDE (asimetría, bordes irregulares, cor variado, diámetro maior de 6 milímetros e evolución, é dicir, se se percibe algún cambio) e a observación doutras alteracións na pel como pode ser o picor, inflamación, úlceras ou erosións. Sen embargo, este procedemento, ao igual que a biopsia, faise complicado se envolve pés ou uñas. Outros instrumentos para a súa detección son a dermatoscopia, que permite diferenciar as estruturas benignas e malignas que se poidan atopar na pel ou o estudo histolóxico, mediante o cal se observa a estrutura, desenvolvemento e funcións de tecidos e células vivas.

Pola peligrosidade desta variedade de melanoma, a/o podóloga/o debe permanecer en continua alerta ante calquera lesión dérmica sospeitosa nas extremidades inferiores. O protocolo de actuación ante a sospeita dun melanoma é a realización de probas, en primeiro lugar, que supoñen un menor risco de diseminación para o paciente, deixando en última estancia as técnicas máis agresivas. En primeiro lugar farase unha inspección visual e unha dermatoscopia, que permite ver nun tamaño aumentado as estruturas da epiderme e, deste xeito, ver posibles irregularidades na sua estructura.

Porén, a única maneira de diagnosticar con precisión a patoloxía será mediante unha biopsia, que consiste na extracción, total ou parcial, da lesión sospeitosa. Pódese realizar por punción, na que se extrae un fragmento redondo de pel cunha coitela circular; por escisión, cunha extirpación completa xunto cun pequeno borde de pel de aspecto normal; e, finalmente, por incisión, onde só se extrae a parte máis irregular para analizala no laboratorio.

Deste xeito, tras realizar un diagnóstico e obter o informe anatomopatolóxico correspondente acerca do estadio no que se encontra a lesión, o/a podólogo/a plantéxase o plan cirúrxico axeitado, aínda que tamén pode derivar o caso á área de oncoloxía. Neste tipo de procedementos extirpase a lesión completa mais unha area de seguridade, que depende da evolución, profundidade e tipo de lesión, preservandose a maior cantidade posible de tecido san. Despois, débense seguir os controis médicos periódicos pertinentes para detectar calquera posible recidiva.

Como se pode ver, o diagnóstico precoz é esencial para ter un pronóstico o máis favorable posible, sendo esta unha razón máis para visitar a/o podóloga/o polo menos unha vez ao ano, xa que as plantas dos pés son zonas que non controlamos visualmente con regularidade, e como especialista sanitario pódenos diagnosticar esta e outras patoloxías, axudándonos a previr complicacións.

Bibliografía:

● Albreski, D. E Brett Sloan, S. (2009) Melanoma of the feet: misdiagnosed and misunderstood. Clinics in Dermatology, 27, 556-563.
● Cortés, O. M; Matos, F. N. e Santisteban, G. B. (2017). Reporte y documentación del caso de un paciente con melanocarcinoma lentiginoso acral. IntraMed Journal, v. 6, n. 1.
● VV.AA. (2003). Melanoma: criterios diagnósticos en podología. El Peu, 23(1):8-20.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *