PÉ ZAMBO: QUÉ É, INCIDENCIA, CADRO CLÍNICO E TRATAMENTO
QUE É?
O pé zambo ou pé equinovaro conxénito dá nome a unha deformidade no pé que obriga a este a adoptar unha posición de flexión cara un lado, sempre cara dentro ou cara abaixo.
INCIDENCIA
Esta deformidade é producida cando os tendóns e ligamentos do pé están en tensión impedindo o estiramento completo do pé á hora de camiñar. Esta enfermidade, que se soe descubrir ao nacer, constitúese como un dos problemas ortopédicos conxénitos máis comúns, cunha incidencia de entre 0,64 e 6,8 por cada mil nados vivos, estando máis presente en varóns.
CADRO CLÍNICO
O aspecto deforme desta afección é aparente a primeira vista, e a súa intensidade pode ser variable. Implica, iso sí, as seguintes deformidades:
- Equino: o retropé está deformado en posición de flexión plantar, de forma que a punta atópase cara abaixo e o talón cara arriba
- Varo: refire á desviación que dá como resultado que o borde interno do pé se eleve, de forma que o externo baixe
- Aducto: o antepé está desviado cara a liña media do corpo, adoptando así forma de riñón
- Torsión tibial interna: afecta ós ósos provocando que os pés do paciente apunten cara adentro, en dirección interna
FACTORES ETIOLÓXICOS
É esencial para o diagnóstico desta enfermidade prestar atención a factores extrínsecos e intrínsecos que inflúen na súa aparición:
- Ao longo das diversas investigacións habidas sobre esta patoloxía, chegouse á conclusión de que o ambiente intrauterino, é dicir, as condicións nas que o feto se desenvolve no proceso de xestación, son determinantes na aparición desta patoloxía. Así pois, circunstancias como a compresión, a calor, o consumo de alcol (tabaco ou outras drogas) ou a radiación electromagnética ionizante poderían provocar en maior ou menor medida que o/a bebé sofra pé zambo.
- Pola súa parte, os factores intrínsecos refiren ao xenotipo, é dicir, ás propiedades xenéticas do doente -lembremos que estamos falando dun problema ortopédico conxénito-. Así é que, alomenos o 25% de pacientes con pé zambo contan con familiares que o padecen ou padeceron. Se ben é máis común en homes, tamén hai que aclarar que o cromosoma Y (determinante do sexo) non se ve afectado para a aparición da afección.
TRATAMENTO
A terapia a levar a cabo en pacientes con pé equinovaro conxénito debe estar encamiñada a deixar un pé equilibrado, sen dor e funcional. Existen dous tipos de tratamento: o cirúrxico e o conservador.
O cirúrxico, por un lado, é aquel ao que se recorre cando o conservador é ocasional ou non presenta solución ao problema. Existen dous principais métodos: o de liberación posterior e o de liberación posteromedial. A posteriori dunha solución cirúrxica, o tratamento debe continuarse co uso dun zapato pronador de forma recta, e durante a noite cunha barra de Denis Brown ademais de controis periódicos.
Por outra banda, dentro do tratamento conservador o máis coñecido é o método de Ponsetti. A maioría de ortopedistas están de acordo en comezar a terapia o antes posible xa que os ligamentos son susceptibles de ser extendidos e alongados. Ponsetti, en 1963, propuxo un tratamento que consiste na manipulación e inmobilización das partes blandas para a consecuente aliñación harmoniosa dos ósos e articulacións. Segundo un estudo, esta delicada manipulación e colocación de xesos correctores e moldeados, así como a tenotomía percutánea do tendón de Aquiles dan lugar a unha rápida e completa corrección de tódalas deformidades asociadas a esta patoloxía. Os resultados amosan que, o 78% dos pés acaban por ter unha excelente ou boa función.
BIBLIOGRAFÍA
- Harb Peña, Eric J.; Méndez Thompson, Minerva; Sierra Campuzano, Raúl. El método de Ponseti en el tratamiento del pie equinovaro congénito (2002).
- Harb Peña, Eric J.; Sierra Campuzano, Raúl. Pie equinovaro congénito (Revista Mexicana de Ortopedia y Traumatología).