Relación entre o cancro de mama e os problemas nos pés.

A revista Cancer Management and Research publicou no ano 2017 un estudo dirixido pola Universidade de Estremadura que destaca a necesidade de lle prestar atención ao coidado dos pés das persoas con cancro de mama.

Este estudo revelou que o 94 % das participantes informaron ter problemas nos pés desde que comezaron a quimioterapia.

As alteracións máis frecuentes foron anomalías nas uñas (46 %), dor xeneralizada (36 %), gretas e secura (20 %), parestesia (19 %), inflamación (10 %), varices (8 %), dedos deformados (7 %), helomas (callos) e hiperqueratoses (durezas) (4 %). Algunhas pacientes sufriron máis dunha destas alteracións ao mesmo tempo.

Por iso, o estudo indica nas súas conclusións, que o coidado adecuado dos pés pode ser extremadamente importante para previr a aparición e desenvolvemento de lesións, dor, infeccións e/ou deformidades durante todo o proceso de quimioterapia.

Hoxe, 19 de outubro, conmemórase o Día Mundial contra o Cancro de Mama, e, desde o Colexio Oficial de Podólogos de Galicia queremos dar a coñecer que é a eritrodisestesia palmoplantar e dar pautas para a súa prevención

A síndrome man-pé ou eritrodisestesia palmoplantar

A eritrodisestesia palmoplantar é un efecto secundario dalgúns tipos de quimioterapia. Os fármacos que se empregan afectan o crecemento dos capilares e da pel das mans e dos pés e danan os tecidos circundantes podendo causar os síntomas desta síndrome que poden variar desde un simple avermellamento ata inchazo, problemas ungulares (por exemplo uñas encarnadas ou uñas que se cravan), descamación, dor e dificultade para camiñar.

Nalgúns casos é necesaria a redución ou suspensión do tratamento quimioterápico para poder paliar as molestias ocasionadas por este efecto secundario. O labor do podólogo é fundamental para tratar e paliar os efectos desta síndrome e poden conseguir atrasar a suspensión da quimioterapia.

Consellos para previr a síndrome man-pé

Antes de comezar o tratamento debe efectuarse un exame que lles preste especial atención ás mans e aos pés para identificar factores predispoñentes, como hiperqueratoses, eccema ou enfermidade fúnxica. Calquera factor de risco debe tratarse, idealmente, antes de comezar a terapia; por iso é importante acudir ao podólogo antes de comezar o tratamento quimioterápico.

Outros consellos para ter en conta son:

  • Usar abundante humectante sen alcol, evitando a fricción na pel durante a aplicación.
  • Evitar a auga quente (por exemplo, baños e duchas quentes), porque a calor pode exacerbar os síntomas.
  • Evitar o calzado apertado.
  • Evitar exercicios ou actividades vigorosas (como levantar obxectos pesados ou camiñadas longas), especialmente durante o primeiro mes, para reducir o risco de bochas.
  • Algúns pacientes necesitarán tratamento con soletas ou férulas dixitais protectoras a medida, prescritas polo podólogo, para reducir as zonas con presións e rozamentos excesivos.
  • Usar calcetíns de algodón para evitar lesións e manter as plantas dos pés secas.

Biografía:

  • PALOMO P, RODRÍGUEZ D, BECERRO DE BENGOA B, LOSA M, GUERRERO J, CALVO C, LÓPEZ D. Clinical aspects of foot health and their influence on quality of life among breast cancer survivors: a case-control study. Cancer Management and Research. 2017
  • MCLELLAN B, CIARDIELLO F, LACOUTURE ME, SEGAERT S, VAN CUTSEM E. Regorafenib-associated hand-foot skin reaction: practical advice on diagnosis, prevention, and management. Ann Oncol. 2015
  • MONTERRUBIO L, MONTERO J. Actuación del Podólogo ante la eritrodisestesia palmoplantar o síndrome mano-pie. Podoscopio. 2016

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *