presentación do conto infantil “SÓ TRES LETRAS TEÑO, PERO O TEU PESO SOSTEÑO”

O día 8 de outubro preséntase o conto infantil “Só tres letras teño, pero o teu peso sosteño” escrito pola pedagoga Yolanda Rial Vázquez como proxecto do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia.

Hoxe, Yolanda Rial, explícanos no blog en que consistiu o seu traballo no Colexio;

-En que consiste exactamente o proxecto no que estás colaborando co COPOGA?

Este é un proxecto de concienciación que busca ensinar, fundamentalmente á primeira infancia, aspectos clave sobre os pés. Como? mediante un material didáctico que consiga informar sobre os mesmos, e a importancia do seu coidado.

-Como plantexaches a proposta de crear un contido divulgativo sobre os pés para nenas e nenos pequenos?

Ben é certo que hai moita información en relación aos pés dos/as nenos/as, pero quizais esta información estea máis ben dirixida ás familias.

O obxectivo principal desta iniciativa é acercar estas extremidades aos suxeitos destinatarios (nenos e nenas) e facelos protagonistas desta historia.

-Cóntanos un pouco sobre o proceso de creación…

Antes de pasar a falar da importancia dos pés, considero que o fundamental primeiro é coñecelos ben para logo poder tomar consciencia deles, e así deste xeito, poder coidalos.

A idea era realizar un material didáctico que puidese estar ao dispor de calquera neno/a, onde se traballase a importancia que teñen os pés nas súas vidas diarias. Así xurdiu a idea de realizar un conto, o cal ao longo do seu proceso de creación foi sufrindo modificacións ata chegar á historia de Xanciño. Unha viaxe para ir coñecendo esas extremidades inferiores, os pés.

-Os pés, por suposto, son unha parte crucial do fío condutor. Que se busca mostrar deles a través da narración?

Búscase unha aproximación á poboación infantil elaborando un material didáctico que consiga informar sobre os pés e a importancia do seu coidado, e ademais de forma que os/as nenos/as poidan ser mesmo partícipes.

Aínda que igual se fale de cousas que xa saben (dedos dos pés, partes do pé, etc.), preténdese un achegamento dun xeito máis lúdico, parándonos e fixándonos nos pés; xa que estes na nosa vida cotiá pasan bastante desapercibidos. Así deste modo, comezando por coñecelos poderán decatarse da súa importancia, e así, poderán coidalos.

-A que idades está dirixido este material? O conto está pensado para que o lean os propios cativos, ou para que participen doutro xeito?

Este material está dirixido a/ou nenos/as a partir dos tres anos de idade en diante. Aínda que a estas idades non saiban ler, a historia poderá ser contada por un adulto. Ademais o libro ao contar cun elemento audiovisual, onde se resume a historia de Xanciño, nestas idades poderá ser empregado para que lles resulte máis atractiva e sexa máis fácil de seguir a historia.

En canto os/ás nenos/as que saiban ler, poderano facer de maneira autónoma.

-O libro verá a luz en outubro, coincidindo coa celebración do Día da Podoloxía. Hai algunha actividade deseñada para ensinalo nas aulas?

Vanse a distribuír os libros polas Escolas de Infantil de toda Galicia.

Tamén se deseñaron unha serie de actividades que teñen como eixe central os pés, e deste xeito neste apartado poderíase incluír o libro para traballar con el.

-Ademais da edición en papel da historia, haberá outros recursos dispoñibles para seguir a historia de Xanciño?

Si, a historia conta tamén cunha peza audiovisual, mediante a cal os/as propios/as nenos/as poderán seguir a historia, podendo así deseñar eles/elas mesmos/as os pés para o robot de Xanciño.

-Como foi a experiencia de colaborar co Colexio para este proxecto?

Teño que agradecer esta oportunidade, posto que foi unha experiencia moi enriquecedora que dous ámbitos de traballo tan diversos como son a Podoloxía e a Pedagoxía, xunten coñecementos para colaborar nun proxecto, e neste caso en concreto sobre o coñecemento e a importancia dos pés na infancia.

Ademais, quero dar as grazas pola axuda aportada e todas as comodidades e facilidades brindadas durante a miña estadía na sede.