Teño o pé plano, en que me afecta?

O termo “pé plano” utilízase para describir os pés nos que a bóveda plantar é demasiado baixa ou está desaparecida.
O arco do pé desenvólvese nos primeiros anos da vida; polo que este tipo de pé se considera normal ata os 4-6 anos, pero, a medida que os nenos crecen os tecidos que sosteñen as articulacións ténsanse e forman un arco.
Se pasados estes anos persiste a ausencia de arco si que estamos ante un pé plano, que nos nenos adoita ser elástico e nos adultos evoluciona a ríxido. Os pés planos ríxidos na infancia obedecen a enfermidades conxénitas que se poden manifestar xa ao nacemento.
O pé plano adulto pódese deber a moitas causas; desde a evolución dos pés planos infantís ata, por exemplo, enfermidades inflamatorias.
A patoloxía do pé plano está moi difundida entre a poboación e son moitas as alteracións secundarias que as persoas poden padecer derivadas desta patoloxía.
En que me afecta ter o pé plano?
O pé plano inflúe na biomecánica ascendente; a estrutura do arco plantar modifica o apoio, a distribución do peso sobre o pé e altera a postura.
Isto reflíctese en que sexa necesario un maior gasto de enerxía e esforzo para a realización de actividades e, xa que logo, máis cansazo.
Ademais, a persistencia na postura e biomecánica incorrecta pode comportar a inflamación da fascia plantar, cuxo síntoma máis común é a dor no talón; y está asociada a problemas no xeonllo, a cadeira e o lombo (entre outros).
Que debo de facer se teño pé plano?
É importante revisar o estado de saúde dos pés periodicamente; a mellor recomendación nestes casos é a prevención. Visitar o podólogo unha vez ao ano, aínda que non teñas dores, pode mellorar considerablemente a túa saúde en xeral.
Por outro lado, é importante que o diagnóstico e tratamento sexa realizado por persoal sanitario cualificado (podólogo ou médico); se entendemos que, por exemplo, unha soleta pode cambiar a nosa biomecánica debemos entender que se esta non é a adecuada pode supoñer o principio dunha patoloxía.
Como podo previlo?
Uns consellos para axudar a previr o pé plano poden ser:
- Controlar o sobrepeso.
- Camiñar descalzo por terreos naturais como a area, o céspede, ou a alfombra da casa.
- O zapato ten que brindar a mobilidade, amplitude e comodidade dun pé espido.
- Camiñar nas puntas dos pés, con estes descalzos uns 3 minutos ao día.
- Camiñar sobre o bordo externo dos nosos pés, cos dedos flexionados 5 minutos diarios.
- Camiñar de talóns 5 minutos diarios.
- Recoller flexionando cos dedos dos pés unha toalla ou coller lapis cos dedos. (3)
Bibliografía:
- (1) Romero S. Deformidades de pie Pie plano y pie cavo. Disponible en: http://www.saludalia.com/rehabilitacion/deformidades-del-pie-pie-plano-y-pie-cavo.
- (2) Salazar G. Pie plano, como origen de alteraciones biomecánicas en cadena ascendente. Fisioterapia 2007;29(2):80-9.
- (3) Zegarra H, Barrera S, Gallardo V. Pie Plano. Rev Paceña Med Fam. 2009;6(10):68-74.