O pé xeriátrico: incidencia na calidade de vida

As enfermidades do pé aparecen con frecuencia entre a poboación de maior idade, un feito que se analizou en diferentes estudos, nos que se confirma o aumento deste tipo de patoloxías en persoas maiores de 64 anos e, especialmente, nas mulleres deste colectivo.

Unha das doenzas que máis afecta os adultos maiores son as caídas, que supoñen para eles un importante problema de saúde, pois poden traer asociadas diversas complicacións, como algunha incapacidade, ou mesmo o falecemento de quen as sofre. Segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS) en 2016, un de cada tres anciáns padece, polo menos, unha caída ao ano, converténdose así nun dos principais trastornos deste grupo social, e na segunda causa mundial de morte accidental ou non intencional. En España, preto dun 16,5% da poboación anciá ten algunha caída (Gama, Conesa & Ferreira; 2008).

Estas caídas son máis habituais entre a poboación feminina, aínda que o balance tende a igualarse segundo se chega a idades máis avanzadas. Unido a isto, as caídas son, en si mesmas, un factor de risco para padecer novas perdas de equilibrio, debido aos seus efectos asociados.

Doutra banda, a evolución cara á idade anciá provoca diferentes cambios nas estruturas que forman as áreas do pé e o nocello, un proceso que, probablemente, modifica a forma de camiñar das persoas maiores. Como consecuencia do anterior, a estrutura e a función normal dos pés vense alteradas. Estas transformacións afectan á persoa desde unha perspectiva biomecánica, e poderían favorecer a aparición de doenzas podolóxicas, patoloxías que xa sofren entre o 71% e o 90,7% das persoas anciás.

De igual modo, o avellentamento tamén afecta á pel dos pés. Entre outras alteracións, a derme perde grosor na zona das almofadas de debaixo do pé, así como flexibilidade na conxunto da área plantar. Como resultado de todo iso, a pel faise máis fráxil, perde eficacia como barreira de protección para certas molestias, e modifícase a regulación da temperatura. Ademais, crece a predisposición á aparición de fisuras e infeccións, así como ao aumento do limiar da dor, e redúcese a resistencia a traumatismos pequenos, o que provocaría un posible proceso de cicatrización máis lento e irregular.

En canto á zona ungueal, á que pertencen as unllas dos pés, estas poden endurecerse, resecarse e seren máis delicadas.

Todos estes elementos favorecen a tendencia ás caídas entre a poboación maior, a predisposición á dor crónica de ósos e articulacións, e a funcionalidade do corpo vese reducida. Ademais, estas alteracións no pé xeriátrico supoñen unha perda da calidade de vida das persoas e, ligado a isto, crece o nivel de dependencia destes adultos maiores.

Tendo en conta o anterior, e sabendo que os pés necesitan un coidado específico, recoméndase aos anciáns unha completa valoración podolóxica e, en caso de ser necesario, un tratamento especializado e de calidade.

Con todo, ademais da revisión a cargo dun profesional da podoloxía, é necesario establecer unha rutina de coidados e hixiene para protexer a pel dos pés e previr a aparición de, por exemplo, úlceras por presión.

Tamén é aconsellable elaborar un plan de exercicios físicos, co obxectivo de fortalecer os músculos implicados na acción de camiñar, enriquecéndoa ou evitando alteracións nela, e para mellorar o equilibrio e a postura corporal, previndo así as caídas.

Bibliografía

Carrillo, E., y Gómez, S. (2016). El pie geriátrico y su relación con las caídas. NURE Investigación: Revista Científica de Enfermería, 14 (86).