“Debemos intentar promocionarnos e valorarnos a nós mesmos”

Ángel Domínguez (concello de Mos, parroquia de Torroso, 1960) foi, entre 2010 e 2012, presidente do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia. Un cargo que el mesmo abandonou, por pura convicción, logo de conseguir os obxectivos que se marcara presentando a súa candidatura ao posto. Aínda así, continuou como vicepresidente, ata o fin da lexislatura, por petición dos seus compañeiros de Xunta de Goberno.

Durante os anos que permaneceu na directiva iniciáronse transformacións profundas no Colexio. Entre outras accións, revisáronse os Estatutos da organización, nos que se estableceu un límite de permanencia nos cargos electos, engadiuse a creación dunha Comisión Electoral, e se incluíu a posibilidade de intercambiar as funcións entre os membros da Xunta, no caso de que fose necesario. Ademais, neste período creouse unha nova páxina web, máis atractiva e actual, modificouse a imaxe corporativa do Colexio e fíxose un seguro de vida para os colexiados, entre outras cousas.

De todos estes cambios, o de maior complicación foi a redacción do novo Estatuto, que, en palabras de Domínguez supuxo “unha obra de enxeñaría legal que requireu dos anos de traballo, de meditación e de reflexión”. Un esforzo que tivo a súa recompensa satisfactoria, palpable na actualidade, e que enorgullece enormemente a todo o equipo que participou nel.

Na súa etapa como presidente do Colexio empezou un proceso de renovación, que recordos ten deses momentos?

O primeiro ano, sobre todo os primeiros meses, foron pletóritos e estresantes en canto ao traballo. Ademais, cando me presentei dixen que deixaría de ser presidente no momento en que o Estatuto estivese aprobado, porque consideraba que o cargo era unha cousa circunstancial. E cando se aprobou presentei a miña dimisión, porque eu só era un membro máis da Xunta de Goberno. Estou convencido de que tiveron moito máis mérito os outros membros do equipo de goberno, o asesor xurídico do Colexio e a administrativa ca min.

No Estatuto que temos agora determínase, por hixiene democrática, que a mesma xente non se perpetúe nos cargos electos, e que fose imposible permanecer neles máis de oito anos seguidos, é dicir, dúas lexislaturas. Facer todo isto levounos case dous anos. Do primeiro borrador que se presentou houbo que facer modificacións, presentouse unha segunda proposta que houbo que volver estudar, e tardamos bastante tempo. Creo que foi o traballo máis importante que fixemos, aínda que entremedias tamén se encargou un novo logo para o Colexio, organizáronse cursos, renegociuse o prezo do alquiler la sede, contratouse un gabinete de prensa… En fin, eu creo que foi un momento moi bonito, de moita ilusión, e penso que a sementeira que fixemos naquel momento está crecendo.

Con esta experiencia ás costas, e tendo en conta que algúns dos seus compañeiros nela forman parte agora mesmo da Xunta de Goberno, como valora o traballo da directiva actual?

O labor deles foi magnífico. O Colexio gañou prestixio a nivel estatal, ten máis peso ca nunca no Consejo General, e iso é importante. Ademais, conseguiuse a compra do local da sede e, así, o diñeiro que antes se gastaba nel convertímolo nunha inversión.

Eu creo que o Colexio está moi ben xestionado, estou moi orgulloso dos compañeiros cos que compartín Xunta de Goberno e de todos os que viñeron e colaboraron no COPOGA.

Nas próximas semanas esa Xunta volverá cambiar. Gustaríalle facer algunha proposta a quen tome as rendas proximamente?

A pesar do moito que se fixo, penso que hai novos retos e cousas por facer. Algo que quedou un pouco no limbo, e que se podería mellorar, é o da ‘Receta fácil’, que xa está feita, pero penso que se debe facer aínda máis sinxela, porque no seu momento igual se nos foi un pouco das mans. É un tema moi importante, pois, cantas máis receitas de prescrición oficial fagamos, máis nos van coñecer, porque agora mesmo séguense a facer moitas receitas clásicas, as de toda a vida. O problema disto é que os podológos non figuramos no rexistro público de receitas, polo que a nosa actividade, queda menos visible de maneira oficial.

Tamén deberiamos pensar en crear unha páxina web sobre podoloxía, con proxección internacional, patrocinada polo Colexio, na que se aglutinara día a día un maior coñecemento sobre a profesión, e na que se falase sobre técnicas, termos ou tratamentos. Eu a poría en galego, en castelán e en inglés, para que chegase a un público maior, e que nela colaborase a Universidade, os estudantes e profesionais, animando a todos a que aportasen o que puidesen, desde pequenos artigos a grandes estudos, revisados por un comité experto. Ademais, eu creo que todos temos algo que aportar. Creo que podería ter un gran éxito, porque se ía ler tanto aquí como en outros lugares gracias ás tecnoloxías actuais.

O cambio de directiva no Colexio está a coincidir cuns meses de bastante axitación electoral en España. Curiosamente, ningunha formación política incluíu a podoloxía nos seus programas…

A cuestión é que somos un colectivo moi pequeno. Aos partidos políticos interésanlle máis os grandes colectivos, que poden serlles máis atractivos… Aínda que despois chegas á realidade e queda todo en demagoxia, porque en política véndese moito fume. E non só en Galicia, senón en todo o Estado. De feito, así pasa o que pasa, que non hai unha planificación a longo prazo, e é un dos grandes problemas que temos na sociedade.

Normalmente, a maioría dos nosos gobernantes, por desgracia, non miran máis alá de catro anos. E a podoloxía tampouco lles é rendible agora mesmo a curto prazo, e temo que nin a longo, porque somos un colectivo moi pequeno.  

En Galicia, de feito, as negociacións coa Xunta para incluír o servicio de podoloxía no SERGAS non están a dar resultados. Que lles diría para que aceptaran?

Hai estudos nos que se demostra que, no caso do pé de alto risco, se é tratado con podólogos as amputacións diminúen moito. E unha amputación non é só cortar un membro, significa ingresos hospitalarios, gastos de medicamentos, dependencia… todo iso supón moito diñeiro.

Entón si é tan importante ese recoñemento sanitario para a podoloxía

Eu son dos que pensa que a podoloxía debería estar nos hospitais, onde debería crearse unha unidade de pé de risco. Esta unidade tamén debería ser multidisciplinar e contar, evidentemente, cun vascular, un endocrino, e un podólogo.

É interesante que, polo menos, se empece por estas unidades, porque tamén é unha forma de que os podólogos, que moitas veces traballamos moi sós, na nosa consulta, poidamos pedir unha opinión dende dentro do ámbito hospitalario, onde hai máis tecnoloxía e máis posibilidades. Porque non é o mesmo chamar a un colega que a outro profesional, co que non terías a mesma confianza e comodidade. Por moito que se diga o contrario, as profesións sanitarias tendemos á horizontalidade, e pasar de unha a outra pode ser, ás veces, difícil.

Sexamos realistas, o diñeiro que hai é o que hai. Podemos pedir, evidentemente, por pedir que non sexa, pero se conseguimos a unidade de pé de risco xa sería un gran éxito.

E para os doentes, que serían en realidade os máis interesados no asunto, cal é o beneficio?

En primeiro lugar, porque se aforran cartos. E en segundo lugar, porque é un servizo máis que vai incidir na saúde dos cidadáns. Cada día, o paciente terá máis profesionais para atendelo e axudalo.

Di que cada profesional ten que deberse ao seu, e o intrusismo está a afectar directamente á podoloxía, á profesión en si e aos pacientes

Antes ca nada, para combater o intrusismo temos que valorarnos nós, facernos visibles na sociedade e de cara aos outros profesionais sanitarios, e desde o punto de vista legal tamén hai algunhas cousas moi curiosas. Cando eu estiven no Colexio, se denunciabamos un suposto intruso os inspectores de Sanidade dicían que non podían facer nada, aínda que agora non o teño claro, porque ao non estar esa persoa dada de alta no rexistro sanitario non era, claro, un profesional sanitario.

A burocracia pode chegar a estes extremos, é un mundo bastante complexo, e ir á xustiza é un arma de dobre filo, porque ás veces a sentenza non é moi clara, ou incluso enreda o tema aínda máis. Ademais, se nós esiximos algo, temos que ter claro que o noso colectivo cumpra tamén os requisitos, e isto non sempre é tan doado.

Non é sinxelo. Eu creo que o máximo que podemos facer somos nós mesmos, darnos a coñecer, dar charlas en grupos de veciños ou centros de saúde. Evidentemente, é importnate ter unhas clínicas en moi bo estado de presentación, con certa modernidade, con todos os requisitos de esterilización a raxatabla, valorarnos, e ter coidado co que fagan as compañías de seguros, que é vergoñento. En fin, dar unha imaxe de que somos distintos e que somos mellores.

Vostede viviu de primeira man a evolución da podoloxía nas últimas décadas, pero o avance cara á profesionalización do oficio segue a estar de actualidade…

Penso que o gran problema que temos na profesión é que, aínda que pareza incrible, non é aínda ben coñecida na sociedade. De feito, esta semana din unha charla nun centro de saúde, e moitos dos profesionais do centro non sabían, por exemplo, que os podólogos podemos prescribir.

Cousas como estas, en certo modo, a miúdo tamén son culpa nosa, porque non nos damos a coñecer. O Colexio fixo unha campaña, con televisión incluso, pero non é só iso. Individualmente, nós debemos intentar promocionarnos e valorarnos a nós mesmos.

Leva xa moitos anos exercendo, que significa para vostede ser podólogo?

Para min é unha satisfacción. Como persoa síntome moi realizado, porque son bastante inquieto, e hoxe poucas profesións che permiten, a nivel pequeno, con medios humildes, probar cousas novas seguindo os criterios científicos,. Son pequenos detalles que cada día, se sabes aprecialos, desfrutas deles.

E o futuro da profesión, como o ve?

Eu creo que o futuro é bo. É unha profesión na que somos autónomos e temos capacidade de decisión, un luxo que moi poucas profesións teñen. Pero tamén temos unha gran responsabilidade, o interesante é que saibamos combinar os dous aspectos, saber levar todo con sentido. Creo que temos un gran futuro, porque temos cirurxía, ortopodoloxía, podoloxía deportiva, podoloxía pediátrica, e xeríatrica… E hai varios campos novos da profesión que se poden explorar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *