Bebés descalzos, unha boa opción?

A acción de  calzarnos é unha rutina máis no noso día a día, un hábito tan cotián que o estendemos tamén aos máis pequenos da casa. Hoxe en día tendemos a calzar aos bebés a idades moi temperás, antes de gatear ou camiñar, e mesmo se comercializan zapatos denominados para preandantes e para gateo. Desde hai uns anos, con todo, os especialistas recomendan deixar descalzos os pés dos bebés, evitando tamén os calcetíns ou similares. Sobre isto, un dos estudos con maior repercusión, “Podoloxía preventiva: nenos descalzos igual a nenos máis intelixentes” (Gentil García, 2007), explica que o uso de calzado preandante ou de gateo non ten xustificación algunha, xa que impide que os pés dos bebés reciban multitude de sensacións e engádelles un peso excesivo.

A evolución neurolóxica das persoas empeza xa durante o embarazo, concretamente na semana 15, nunha etapa que se estende ata os 18 meses de vida, e que supón o momento de maiores cambios en neuroloxía evolutiva do bebé (Pikler, 1969). Máis adiante, aos sete meses de xestación, comeza a mielinización, un proceso mediante o que se protexen certas partes das neuronas cerebrais, e que continúa ata os dez anos de vida do neno. Este paso vai ser esencial para o desenvolvemento do bebé, pois influirá na boa circulación dos estímulos nerviosos que envíe o seu cerebro, como os que xeren o movemento dos seus pés, por exemplo.

Durante os seus primeiros meses de vida os bebés utilizan os pés para recoñecer obxectos e informarse do mundo exterior, tocando con eles todo aquilo que estea ao seu alcance, manipulándoo coas súas extremidades e achegándoo á boca. Aos tres meses comezan a percibir o seu propio corpo, míranse as mans e utilizan o seu corpo como un primeiro elemento de exploración, favorecendo así o seu desenvolvemento cognitivo.

Así mesmo, ata os oito ou nove meses os pés teñen unha sensibilidade táctil exteroreceptiva maior que as mans e, aínda que a partir deste período perden de forma progresiva este tipo de sensibilidade, comezan a desenvolver a propiocepción, é dicir, o bebé empeza a ser consciente das partes do seu corpo. É máis, deixar os seus pés espidos para que poida collelos coas súas propias mans prodúcelle novas sensacións e experiencias que favorecen, en consecuencia, un progreso cognitivo maior.

Con todo, antes de dar os seus primeiros pasos o bebé necesitará a información que reciben a planta do pé e as articulacións para coordinar os seus movementos e conseguir o equilibrio. Respecto a isto, Piaget (1969) outorgou ao movemento un papel primordial no desenvolvemento intelectual das persoas durante a primeira infancia, algo que tamén resaltou Pikler, quen engadiu que non debemos obstaculizar o seu desenvolvemento motor, senón proporcionarlle situacións idóneas para que poida moverse.

Chegados a este punto, poderiamos afirmar que reprimir a sensibilidade táctil dos bebés calzándoos é un erro. Eles mesmos utilizan o acto de descalzarse en canto poden como método de autodefensa, un xesto que podería ter moito máis significado do que ata hai pouco criamos. Deberiamos, entón, estimular aos bebés para que gocen do seu corpo e da motricidade mantendo os seus pés espidos.

Por último, é importante lembrar que a podoloxía infantil non se limita unicamente á corrección de deformidades ou alteracións nos pés dos nenos, polo que se recomenda a visita desde moi pequenos a consultas podolóxicas para previr e tratar a tempo as posibles afeccións que poidan desenvolver durante o período de crecemento.