Molestias máis habituais na práctica de ciclismo

O ciclismo é o deporte máis practicado en España segundo a, ata estes momentos, última Enquisa de Hábitos Deportivos, publicada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte en 2016. Segundo o estudo, un 38,7 % da poboación que practicara deporte durante 2015 (un 53,5 % da mostra), decantárase polo ciclismo como primeira opción. A súa práctica profesional, non obstante, redúcese ata un 2 % en canto ao total de deportistas federados en territorio español, de acordo co Anuario de Estatísticas Deportivas de 2018.
Por outro lado, a práctica amateur ou profesional deste deporte adoita provocar adormecemento ou dor nos pés, sobre todo na zona plantar, debido á presión exercida durante o pedalexo. Normalmente, as causantes das molestias son as zapatillas utilizadas, que poden ser demasiado estreitas ou curtas, e que exercen un exceso de presión no pé do ciclista; e o uso de soletas estándar, que non modifican as desviacións que poida ter cada pé. Outra das posibles causas é a posición da cala, unha especie de chapa adherida á sola do calzado para facilitar o seu acoplamento ao pedal da bicicleta debido, de novo, á presión, ou á intolerancia da planta do pé a levala nunha zona concreta.
Como reducir estas molestias?
En primeiro lugar, é necesario determinar que áreas do pé soportan unha maior presión durante o pedalexo e que, por conseguinte, son máis susceptibles de sufrir unha lesión. Sobre isto, diferentes estudos académicos afirman que as lesións por sobrecarga nos membros inferiores dos corredores, entre os que se inclúen os pés, relaciónanse directamente con pautas de distribución das presións na área plantar.
Realizar un estudo biomecánico é importante para empezar a previr as patoloxías derivadas da práctica do ciclismo. Algúns estudos comprobaron que a presión non se distribúe de igual forma en toda a área plantar e que, durante o pedalexo, as zonas que maior presión sofren son o antepé e a zona interna, é dicir, o primeiro dedo do pé xunto co primeiro e segundo metatarsiano. Obter un patrón baropodométrico é tamén, por outra parte, indispensable para os ciclistas profesionais, especialmente de cara ao desenvolvemento de programas de prevención de lesións por sobrecarga.
En definitiva, coñecer o pé de cada corredor, así como a súa pisada e o modo en que exerce forza sobre o pedal, son aspectos clave para evitar e solucionar doenzas.
De igual maneira, hai que ter en conta as diferenzas asociadas ás diversas disciplinas do ciclismo (en pista, de estrada e de montaña). En termos fisiolóxicos, as duracións do esforzo son diferentes en cada modalidade, mentres que, en canto á biomecánica, o tipo de bicicleta utilizado obriga a cambiar e adaptar a posición do corredor.
Por todo o anterior, resulta imprescindible obter a maior información posible, e individualizada, para aplicar solucións ás molestias de cada corredor. Unha vez que se fagan todos os estudos necesarios, o podólogo estará habilitado para diagnosticar e intentar contrarrestar as doenzas do paciente. Frecuentemente, a solución a doenzas asociadas á práctica do ciclismo pasa pola recomendación do uso de soletas personalizadas de acomodación, e o emprego dun calzado deportivo o máis adecuado posible.