O traballo de Noemí Lorenzo para COPOGA, recoñecido por Shirin Neshat

Hai uns días atopámonos cunha agradable sorpresa nas redes sociais de COPOGA. Shirin Neshat, unha das artistas iranianas máis importantes da arte contemporáneo, dera me gusta en Instagram a unha das nosas publicacións. O post en cuestión é unha imaxe do cadro no que Noemí Lorenzo, directora de Nómada Laboratorio de Arte, reinterpretó a imaxe duns pés con inscricións nas plantas repousando nunha morgue, que forma parte, á súa vez, dunha das producións fotográficas máis simbólicas de Neshat.
O xesto da creadora nada en Irán, ademais, emocionou profundamente a Lorenzo, que recoñeceu que a súa resposta ao mesmo foi “moi curtiña” e que aínda “teño que procesalo, deixalo repousar, porque isto é moi forte“. Lembremos que Noemí Lorenzo, doutora en Belas Artes, foi a encargada de crear as series Pensando cos pés e Pés na arte, en colaboración con COPOGA, con motivo da inauguración da nova sede do Colexio, o pasado ano, e a presentación do 49 Congreso Nacional de Podoloxía, celebrada hai uns meses en Santiago de Compostela.
Precisamente, nun dos seus traballos para COPOGA, Pés na arte, a artista galega revisou diferentes obras de recoñecidos autores contemporáneos, entre eles a propia Shirin Neshat, Francis Alÿs ou Gina Pane, quen utilizaba a dor como elemento comunicativo. Coa reinterpretación destas pezas, ademais, afirma que tentaba mostrar que “os pés non só están presentes na nosa vida cotiá” e que, en termos artísticos, posúen tamén “unha simboloxía e unha representatividade especial”. Respecto a os traballos desta mesma serie elixidos para a revisión, que na súa maioría mostran diferentes pés espidos, Lorenzo explica que a súa intención era “fixarnos máis na anatomía do pé, en como é tratada”, asumindo diferentes ámbitos desde os que se pode observar o pé, e devolvéndonos a visión de “unha anatomía enferma ou de pracer“.
Na actualidade, doutra banda, a galega está a presentar a exposición Pegadas, na que combina pintura e litografía, mentres que todas as pezas que realizou para COPOGA están abertas ao público para a súa visita na nosa sede colexial, en Santiago de Compostela.