Pés fríos, causas e lesións habituais

Durante os meses do ano con temperaturas máis baixas é moi común que unha persoa diga que ten os pés fríos. En ocasións pode darse esta situación unicamente como consecuencia do mal tempo pero débese ter precaución xa que pode ser síntoma de enfermidade. Por iso, coa chegada do frío intenso é necesario prestar un bo coidado aos pés, especialmente en certos sectores da poboación como nenos, persoas maiores, diabéticos ou persoas con anemia.
Moitos non prestan atención a este feito e non saben que tras a sensación de pés fríos despois de abrigalos pódense esconder diversas patoloxías, moitas delas, como resultado de falta de sensibilidade nos pés. Pero por outra banda tamén pode haber un problema neurolóxico hereditario que apareza en primeira instancia nos pés e termine por estenderse ata a parte inferior das pernas.
Por que temos os pés fríos?
-Problemas circulatorios. É considerada a principal causa de ter os pés fríos. O frío ten un efecto directo sobre os vasos sanguíneos. Produce un estreitamento que afecta á cantidade de sangue que circula polas nosas arterias e veas. Desta maneira o sangue non chega correctamente a toda a planta do pé nin aos dedos polo que non se produce aumento de temperatura.
-Problemas neurolóxicos. A sensibilidade nos pés é a encargada de ordenar ao sistema circulatorio que aumente o fluxo sanguíneo e quente as zonas máis distantes. Certas enfermidades afectan á condución nerviosa poden xerar un trastorno da sudoración e unha mala regulación da temperatura do pé
-O calzado. Como sabemos os zapatos que compremos deben cumprir unha serie de características de protección para os nosos pés. Un calzado inadecuado para os meses de inverno pode facer que os pés perdan a calor necesaria.
-A suor excesiva ou hiperdrosis. A suor frecuente provoca a aparición de infeccións e complicacións na pel. Concretamente nos pés provoca un descenso drástico da temperatura.
-Mobilidade insuficiente. Permanecer moito tempo sentado ou na mesma posición fai diminuír a activación muscular provocando con iso unha menor circulación sanguínea
Lesións polo frío nos pés
-Conxelación. Trátase dunha dermatosis extrema. Córtase a rega sanguínea na zona afectada etermina por apreciarse en cor negra.
-Frieiras. Son inflamacións habituais na pel, que van acompañadas de dor e picor, e é causada por un exceso de humidade. Aprécianse á vista pola súa cor vermella- violácea.
-Fenómeno de Reynaud. Prodúcese cando as arterias dos dedos dos pés reaccionan de forma esaxerada ás distintas temperaturas. A aparencia é unha pel esbrancuxada e zonas distales vermellas.
-Acrocianosis e eritrocianosis. Son enfermidades na pel por sensabilidade ao frío por unha dilatación dos nervios e vasos sanguíneos. En certos casos poden causar úlceras.
Ante algunha lesión das anteriormente citadas ou outro tipo de alteración derivada do pé frío débese acudir ao podólogo para coñecer o diagnóstico e o tratamento determinado.
Podemos combater o frío nos pés e evitar complicacións se escollemos un bo calzado illante do frío, uns calcetíns de bo material que proporcionen confort ao pé e se activamos a musculatura movendo os pés ao estar moito tempo parados ou realizando masaxes. Desta maneira a circulación sanguínea aumenta, e con iso, a calor.
Imaxe de Alicia Zinn en Pexels