ESTUDO EPIDEMIOLÓXICO DA PATOLOXÍA PODOLÓXICA NA IDADE ESCOLAR

O principal obxectivo que nos expuxemos ao realizar este estudo era o de coñecer a prevalencia das alteracións podolóxicas nunha mostra aleatoria dunha poboación escolar de nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos e tamén determinar se a influencia de dimensións específicas poden afectar a saúde do pé (dor, función do pé, calzado, saúde do pé) e a saúde a nivel xeral (saúde xeral, vitalidade, función social, actividade física).
Neste estudo, despois da sinatura do consentimento informado, medíronse variables antropométricas, actividade física, exame podolóxico, determinantes da saúde e a calidade de vida relacionada coa saúde do pé, nunha mostra de 130 escolares.
A epidemioloxía é a disciplina científica que estuda a distribución e factores determinantes de enfermidades en poboacións definidas. Que vantaxes supón esta disciplina para a podoloxía?
As vantaxes veñen derivadas, precisamente, porque nos permite coñecer non só as diferentes patoloxías que afectan os nosos pacientes, segundo a súa idade, senón que ademais nos permite coñecer como diversos factores inherentes aos pacientes e do medio afectan o desenvolvemento e evolución das diferentes patoloxías observadas nos pés.
Cales foron os resultados obtidos na análise da mostra?
Os resultados máis destacables tras a análise da mostra son a presenza de pé plano no 46,15 % dos escolares e as clinodactilias nun 51,54 %. Ademais un 16 % presentaba hiperhidrose. Con todo non se obxectiva correlación significativa da calidade de vida co tipo de arco do pé presentado, nin tampouco entre o peso e as alteracións podolóxicas.
Cales son as patoloxías máis presentes en nenos con idades entre os 3 e 14 anos?
A clinodactilia é a patoloxía máis habitual, seguida polos pés planos, e en menor porcentaxe aparecen outras alteracións como o primeiro metatarso varo, hallux limitus, pé aducto..
Tamén se observou que a marcha en adución está presente nunha elevada porcentaxe de nenos.
En canto á patoloxía dérmica, a máis frecuente é a presenza de verrugas plantares, seguida de hiperhidrose.
Na patoloxía ungular destaca a presenza de onicolise e onicocriptose.
Que pasa se non se tratan as alteracións no pé nesas idades?
É importante a detección precoz e o tratamento ou observación destas, xa que os pés son unha das partes máis importantes do corpo, pois constitúen a base de sustentación e nos permiten manter unha posición ergueita e camiñar, pero, ademais están relacionados con outras estruturas como o xeonllo, a cadeira ou a columna que se poden ver afectadas por unha alteración nos pés, por tanto se non se tratan as patoloxías destes pódense ocasionar outras enfermidades, a idades máis ou menos temperás, noutras partes do corpo.
Considera que os pais son conscientes dos perigos que poden sufrir os pés dos seus fillos e fillas?
Despois deste estudo e pola experiencia na clínica habitual considero que sería necesario que os pais recibisen información sobre as consecuencias de non actuar sobre determinadas alteracións nos pés, na marcha dos nenos… E tamén sería importante que coñecesen que o uso de determinado calzado, os hábitos sedentarios nos nenos, o sobrepeso ou a obesidade, entre outros, son factores que poden influír na saúde do pé dos seus fillos e na súa estrutura corporal, e por tanto na súa saúde no futuro.
Por que é necesaria a investigación en temas relacionados coa saúde do pé pediátrico? Evolucionou nos últimos anos?
A investigación é necesaria porque a evidencia actual sobre a etioloxía e o tratamento das enfermidades e deformidades é limitada, polo que é necesario implementar programas para promover a saúde dos pés e seguir investigando nesta condición común e incapacitante.
Nos últimos anos, xurdiu un maior interese polas afeccións que poden presentar os pés dos pacientes pediátricos e, así, compañeiros podólogos de diferentes países realizaron investigacións e publicacións sobre estas. É importante que sigamos realizando investigación, prevención e promoción da saúde do pé pediátrico.
Ana María Requeijo Constenla
Título: Estudio epidemiológico de la patología podológica en la edad escolar. Autor: Ana María Requeijo Constenla. Directores: Adolfo Bautista Casasnovas e Daniel López López. Universidade de A Coruña. Departamento de Ciencias da Saúde, 2015
Ficheiro da tese: http://hdl.handle.net/2183/14936