“A COOPERACIÓN E O VOLUNTARIADO ESTÁN CADA VEZ MÁS PROFESIONALIZADOS”

Moitos podólogos participan con organizacións realizando actividades e proxectos en países pouco desenvolvidos e sen recursos co obxectivo de dar a coñecer os aspectos máis importantes referentes á saúde do pé.

A continuación engadimos unha serie de cuestións realizadas a Noelia Porto Isla, podóloga e colaboradora de SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharaui).

En que lugares realizades actividades relacionadas coa podoloxía? 

Nos campamentos de refuxiados saharauís de Tindouf (Alxeria)

En que consisten principalmente esas actividades? Cal é o obxectivo?

A comisión sanitaria de SOGAPS está formada por un equipo multidisciplinar onde médicos de familia, pediatras, xinecólogas, internistas, enfermeiras, odontólogos e, por suposto,  podólogos temos como obxectivo aumentar a calidade asistencial nos campamentos de refuxiados saharauís e en especial no Hospital de Bojador.  Para iso realizamos consultas de cada especialidade e  urxencias así como formación ao persoal sanitario saharauí, sensibilización no coidado dos pés, boca e educación sanitaria en diabetes, control do embarazo, partos…envío de material sanitario e medicación xa que alí non se dispón absolutamente de nada.

En podoloxía empezamos hai moitos anos en Dajla, daquela  non había nin luz nin auga  e tentabamos achegar o que boamente podiamos, eu era a única podóloga. Posteriormente en Bojador comecei con consulta  xeral, sobre todo, realizaba quiropodias e órteses de silicona. Observamos que os saharauís padecían moito dos pés entre outros motivos porque moitos camiñan descalzos ou con chanclas e o terreo é  moi  pedregoso. Atendiamos queimaduras nos pés polos fogóns de facer o té que están xeralmente no chan e moitísima papilomatose. No ano 2017 comezamos desde a comisión sanitaria de SOGAPS  a realizar cirurxía podolóxica.

Resulta moicomplexo para todas esas persoas comprender a importancia que merece o coidado dos pés tendo en conta que a súa vida non lles permite poder acudir a un podólogo? 

Cando comecei a traballar en Bojador había xente que nunca fora ao médico, nenos que nunca os vira o pediatra xa que só hai un para todos os campamentos (estímase preto de 200 000 habitantes) imaxina un podólogo… sobre todo é difícil, é un lugar onde a auga é un ben tan prezado  pola escaseza en pleno deserto, os hábitos tan básicos de hixiene de pés, boca…

Consideras que se trata dunha acción beneficiosa para os máis necesitados e que se consegue un mundo máis unido?

Realmente o traballo no terreo, para os saharauís en concreto, a maioría das veces é a única maneira que teñen de poder acceder á asistencia sanitaria, para os pouquiños médicos saharauís é un apoio e motivación tremenda e para nós penso que é un privilexio onde todos aprendemos moitísimo. Aprendes a valorar as pequenas cousas, a traballar sen apenas medios, á importancia de traballar de forma integral e en equipo, a que todos podemos achegar algo, ao valor da esperanza tan acérrima dos saharauís… e sobre todo a loitar para que a sanidade e a saúde sexan un dereito para todos.

Cres que a cooperación socio-sanitaria mellorou  nos últimos anos?

Penso que a cooperación e o voluntariado están cada vez máis profesionalizados. É importante participar con Ong oficiais onde realmente se vele polo beneficio das institucións locais. Nós traballamos directamente co Ministerio de Saúde Pública Saharauí para reforzar o seu sistema sanitario. Eles son os coñecedores das necesidades no seu territorio. O obxectivo é achegar unha asistencia de calidade, onde non imos facer  prácticas nin realizar actividades que os saharauís non vexan correctas. É moi importante respectar a cultura e tradicións locais.

De que maneira poden colaborar os podólogos? 

Hai moitísimos modos de colaborar desde dar a coñecer as necesidades da poboación saharauí, recollida de material ou participar no equipo. No seguinte proxecto continuaremos coa cirurxía podolóxica (estamos a operar uñas, HAV, exérese de corpos estraños, quistes, HAV, elevación de I e V radio, esporóns… Actualmente estamos coa campaña de doazóns xa que todo o material témolo que comprar e algún dóannolo, ademais dos gastos de viaxe, aduanas, seguridade.

Noelia Porto Isla, diplomada en Podoloxía pola Universidade Complutense de Madrid