CINEMÁTICA E CINÉTICA DO PÉ E A SÚA RELACIÓN CO RENDEMENTO E AS LESIÓNS EN ATLETAS DE RESISTENCIA

A cinemática e a cinética do pé nas lesións de deportistas

Ademais dos efectos positivos para a saúde que ten correr, tamén pode causar lesións, especialmente nas extremidades inferiores. Con cada paso ou zancada, unha forza aproximadamente igual a dúas veces e medio o peso corporal debe ser absorbida e disipada polo corpo. O corredor de longa distancia está exposto a lesións por uso excesivo das extremidades inferiores; situación na que o pé, e en particular o seu contacto co chan, xoga un papel importante.

A incidencia de lesións en corredores de longa distancia é alta, segundo os distintos estudos con taxas de lesións anuais que van desde 19,4 % a 79,3 %. Coñecer a cinemática (movemento) e cinética (forza, presión) a través dun estudo biomecánico é fundamental para reducir o risco de padecer lesións.

Unha lesión previa é un dos factores de risco máis frecuentemente identificado nos estudos analizados.

Estudos epidemiolóxicos estimaron que aproximadamente o 70 % de todos os corredores sufrirán, polo menos, unha lesión por sobreuso ao ano.

De maneira breve e como principais resultados, indicar que correr calzado favorece o contacto do pé co chan co talón e aumenta o tempo de contacto co chan; mentres que correr descalzo favorece un contacto inicial co metatarso e reduce o tempo de contacto do pé co chan.

A importancia do estudo da biomecánica de camiñar e correr. Como evolucionou?

A maior diferenza entre o ciclo de pisada da marcha e a carreira é a eliminación na carreira do dobre apoio durante a fase de sostén, característico da marcha, e a inclusión dunha fase de voo. Na carreira, certos músculos son máis activos no momento de contacto do pé para limitar a pronación do retropé.

Existen varias formas de clasificar os patróns biomecánicos de carreira. Unha das máis comúns é en función do contacto inicial (CI) do pé co chan: CI de talón, CI na parte media do pé e CI de metatarso.

Correr utilizando un patrón de CI de antepé, podería reducir en gran medida o impacto inicial e diminuír significativamente a carga durante a fase de sostén. Ademais, un CI coa parte dianteira do pé diminúe a amplitude de zancada e a forza de reacción do chan cara á cadeira e o xeonllo.

Suxeriuse que a elección do patrón de CI durante a carreira está suxeito a diferentes factores como a velocidade de carreira, o nivel de adestramento, a técnica de carreira, as propiedades do terreo, a distancia, a frecuencia de adestramento e o calzado deportivo..

Pódese ver afectado o rendemento dun atleta/deportista?

Claramente si. Segundo diferentes investigacións, son moitos os factores que afectan o rendemento nos deportes de resistencia (corredores principalmente). Entre os máis importantes destacan tres parámetros: o consumo máximo de osíxeno, a economía de movemento ou eficiencia enerxética e os limiares fisiolóxicos. A nivel biomecánico e relacionado co membro inferior e o pé, a enerxía elástica almacenada, os factores mecánicos ou as forzas de reacción do chan son factores que afectan o rendemento dun corredor. Neste sentido, parece que hai indicios que apoian que correr descalzo melloraría o rendemento e aumentaría a forza da musculatura do pé.

Que diferenzas pode haber entre correr descalzo a correr con zapatillas deportivas?

A principal diferenza entre a carreira descalzo e a carreira con zapatillas de running  estándar radica no contacto inicial (CI) do pé co chan. A carreira con zapatillas de running  estándar facilita un CI de talón, promovido por unha maior dorsiflexión do nocello como consecuencia das elevadas calcañeiras deste tipo de zapatillas. A carreira descalzo modifica a biomecánica de carreira comparada con correr calzado; o CI é máis de antepé que a carreira calzada, o cal reduce o pico de impacto e os tempos das fases de voo e de contacto, así como a duración de total da pisada, con obxecto de diminuír a tensión mecánica.

Por todo o anterior é necesario ter presente que existe controversia sobre a eficacia de correr descalzo en lugar de facelo calzado ou cun calzado minimalista e a súa asociación co índice de lesións. Por iso, requírese máis investigación baseada en resultados.

Pode o calzado deportivo determinar a biomecánica da marcha e a carreira dos corredores?

A principal función do calzado foi a de preservar a saúde do pé e previr lesións, non a do rendemento ou a mellora de marcas como actualmente se busca. A pesar do desenvolvemento tecnolóxico aplicado ao calzado deportivo, entre o 19 % e o 79 % dos corredores séguense lesionando na actualidade.

Algúns estudos apuntan que o tipo de zapatilla pode alterar a carga do pé e, por tanto, deberíase de ter en conta á hora de elixir un calzado de adestramento e de competición así como ter en conta que unha zapatilla amortecida induce a unha adaptación do estilo de correr. Os corredores que utilizan simultaneamente máis dun par de zapatillas parecen ter menor risco de lesións asociadas ao running.

Ademais, as investigacións suxiren controlar o peso do calzado deportivo e as superficies polas que se corre habitualmente  como outros factores relacionados coas lesións e o rendemento na carreira.

Cal dirías que é o principal motivo polo que os deportistas deben acudir ao podólogo para realizar un estudo da marcha?

A partir da década de 1970, prodúcese un crecemento exponencial polo denominado co termo anglosaxón “running”, que se ve reflectido en carreiras de longa distancia e que a día de hoxe segue sendo tanto unha actividade recreativa moi popular como un deporte competitivo e de desafío persoal. Os principais motivos que deben levar os deportistas a realizar un estudo biomecánico é por esta orde: coñecer o tipo de “pisada”, tratar algunha lesión xa existente, coñecer o tipo de zapatilla máis adecuada en función do seu tipo de pé e biomecánica e previr lesións.

Manuel Mosqueira Ourens, Graduado en Podología por la UCAM

Título: Cinemática e Cinética do pé e a súa  relación co rendemento e as lesións en atletas de resistencia. Autor: Mosqueira Ourens, Manuel. Director: Saleta Canosa, Jesús Luis. Universidade de A Coruña. Departamento de Ciencias da Saúde, 2014

Ficheiro da tese: https://ruc.udc.es/dspace/handle/2183/13814

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *