UN CORRECTO ESTUDO BIOMECÁNICO DA PISADA

En que consiste o estudo da pisada?
O estudo biomecánico da marcha ou pisada consiste na análise do pé en posición estática e dinámica así como a súa relación con outras estruturas como o xeonllo, a cadeira ou a columna. Trátase dun conxunto de avaliacións que o podólogo realizará, sempre que estime oportuno, baseándose na anamnese previa e a clínica do paciente para explorar. Por tanto, é criterio exclusivo do especialista recomendar ou non probas complementarias, que deberán estar xustificadas en cada caso de maneira individualizada.
Se realizamos un correcto estudo da marcha podemos previr a aparición de lesións musculares e osteoarticulares como as coñecidas tendinites, sobrecargas musculares, escordaduras de repetición etc. O estudo biomecánico tamén nos serve para a avaliación pre e postratamento de diversas patoloxías: despois da realización dunha cirurxía, despois dun proceso de rehabilitación etc.
Proceso
O estudo biomecánico conta con diferentes fases que completan a análise global da pisada.
En primeiro lugar, o especialista fai unha exploración articular e muscular co paciente tombado na padiola, co obxectivo de coñecer de forma rápida cal é o estado físico do paciente. A continuación procédese a realizar unha dobre observación:
- Análise estática da postura e da pegada do pé. O paciente permanecerá de pé durante uns segundos encima dunha plataforma que está conectada a un computador. A dita plataforma fará un escaneado e lectura do pé e mandará a imaxe á pantalla do computador onde poderá ser estudada polo especialista. Desta maneira coñecerase tamén a repartición do peso do corpo en cada un dos pés cando se está nesa postura.
- Análise dinámica da postura e da pegada do pé. O paciente deberá camiñar por encima da plataforma de presións. Toda a información será rexistrada de novo polo computador.
Unha última parte que adoitan incluír os estudos biomecánicos é a análise cinemática do movemento grazas a unha serie de marcadores que se colocan nas pernas e nos pés. Isto permite presentar un estudo tridimensional da pisada.
Con toda esta información, o especialista emitirá un informe no que valorará se é necesaria algunha corrección para evitar problemas de saúde. Estas recomendacións poden ir desde a asistencia a rehabilitación, a unhas sinxelas soletas que serán elaboradas en talleres de ortopedia baseándose nos resultados do estudo biomecánico realizado polo podólogo.
Debemos estudar como pisamos, co fin de mellorar a nosa pisada e escoller un calzado adecuado
Grazas aos novos avances tecnolóxicos podemos mellorar a nosa forma de andar e correr, e así mesmo evitar certas molestias e doenzas. Estas inquietudes non só aparecen coa práctica dalgún deporte, senón que tamén poden xurdir ao realizar actividades cotiás, ao camiñar ou simplemente ao permanecer de pé. O estudo da pisada serve para determinar cal é o noso tipo de pisada, e se é necesario empregar unhas soletas personalizadas para corrixir algunha imperfección dos pés. Un estudo biomecánico da marcha debe de ser realizado por un profesional sanitario cualificado, principalmente, o podólogo.
Na actualidade moitos centros comerciais, centros deportivos e ortopedias ofertan nos seus establecementos o “estudo da pisada”. Nestes casos as persoas indicadas non teñen a formación nin a titulación necesaria para iso polo que poden causar un problema ou mesmo agravalo ao recomendar un produto (zapatilla, soleta) que non sexa a adecuada. Isto leva á práctica do intrusismo do que xa falamos en ocasións anteriores.