A IMPORTANCIA DOS TRATAMENTOS ORTOPODOLÓXICOS NO PÉ XERIÁTRICO

A mellora da mobilidade e a diminución dos niveis de dor son aspectos fundamentais que inflúen positivamente nas actividades da vida diaria do paciente xeriátrico.
A función asintomática do pé, teña ou non deformidade, é a clave para unha correcta mobilidade e ten gran repercusión cos niveis de relación interpersoal. Isto significa que un pé que non presente molestias promove a interacción e contacto entre os maiores.
Os pés das persoas maiores víronse sometidos durante moitos anos a cambios e deformidades na fisioloxía que, na maior parte dos casos, provocou lesións nas estruturas óseas e nos tecidos brandos.
Na maior parte dos casos, o paciente xeriátrico presenta diversas alteracións sistemáticas ao mesmo tempo e na mesma zona. Algunhas das máis frecuentes son: problemas metabólicos, patoloxías vasculares e trastornos osteoarticulares. A isto hai que sumarlle: unha perda de elasticidade dos tecidos brandos, a dimininución da forza muscular, a limitación da mobilidade asociada ao envellecemento etc. Todos estes aspectos reflicten o importante que é a supervisión do pé xeriátrico por parte dos podólogos.
Tratamentos ortopodolóxicos no pé xeriátrico
En primeiro lugar é importante destacar que non existen tratamentos ortopodolóxicos exclusivos do pé xeriátrico. Estes deben prescribirse e realizarse tendo en conta as diferentes alteracións presentes en cada paciente.
Os máis utilizados son os seguintes:
- Prótese: utilizadas para as diversas amputacións do pé. Son frecuentes entre os pacientes diabéticos de idade avanzada cando a enfermidade vai moi avanzada
- Férulas dinámicas: necesarias para asistir movementos deficitarios que son causados pola debilidade ou atrofia muscular
- Órteses plantares: teñen un fin terapéutico, na maioría dos casos, como amortecedores
- Órteses dixitais: destacan pola súa función paliativa
As ortopodoloxía plantar e dixital son os tratamentos prescritos con maior frecuencia xa que poden combater un bo número de afeccións frecuentes no paciente maior.
As órteses plantares están dirixidas a diminuír a sintomatoloxía das zonas dolorosas, así como proporcionar unha base de apoio e optimizar a capacidade da marcha do paciente. É imprescindible captar a morfoloxía do pé, normalmente deformada e con pouca capacidade de modificación debido á suma de cargas do peso corporal. A toma do molde realizarase tendo en conta as características funcionais do pé do paciente.
As órteses dixitais actúan, principalmente, como elementos de protección da pel evitando as lesións que se producen polo rozamento ou a presión do calzado. Con fins paliativos ou de protección, as órteses dixitais realízanse en silicona en pasta.
Á hora de empregar un tratamento ortopodolóxico é necesario un axuste óptimo entre o pé, a órtese e o calzado.
Como xa falamos noutras ocasións, o calzado debe reunir unha serie de características que lle proporcionen ao paciente estabilidade e confortabilidade.