QUE DEBEMOS TER EN CONTA AO USAR TACÓNS?

Os especialistas advirten que usar tacóns de maneira habitual pode causar danos irreversibles

O pé é a estrutura anatómica do corpo máis esquecida e descoidada pola maioría das persoas. Concretamente, as mulleres levan utilizando zapatos de tacón toda a vida, un feito que beneficia a imaxe xa que consideran que o seu uso estiliza a perna e engade elegancia. O uso de tacóns  non queda relegado a celebracións  ou momentos especiais, senón que a súa utilización é cada vez máis cotiá.

Os podólogos explican que o calzado constitúe un elemento que outorga protección, confort, estabilidade e amortecemento ao pé, pero segundo o tipo e a súa calidade, os zapatos poden chegar a comprimir o pé e provocar unha serie de alteracións . Os problemas van desde as molestias leves ou severas nos pés, inchazo, ata problemas nos ósos como son os xoanetes, dedos en martelo, calos, durezas e, mesmo, dor de  costas. Na maioría dos casos, a planta dos pés e o tendón de Aquiles  resultan os máis afectados.

Andar sobre tacóns altos fai desprazar o corpo cara adiante  e obriga os dedos e o antepé a soportar todo o peso, co que se provoca dor nestas extremidades.

Os podólogos aconsellan utilizar zapatos cun máximo de cinco centímetros de tacón, con forma ancha e preferiblemente de cuña. A partir dos ditos centímetros prodúcense cambios no centro de gravidade do pé, asóciase a unha forma excesivamente estreita que provoca unhas compresións que de maneira continuada poden repercutir nos pés e mesmo no corpo. Cando se detecta certa anomalía recórrese a un tratamento con soletas, e en ocasións, cun caso máis abusado recoméndase  un tratamento cirúrxico.

Os tacóns de agulla  son os máis inestables e prexudiciais para a saúde porque provocan a longo prazo máis problemas ortopédicos. Por outra banda, os tacóns máis anchos e con plataformas máis elevadas pesan pouco e son máis estables polo que producen menos lesións.

É recomendable usar unha almofada de xel para amortecer o antepé, así como tentar non cargar todo o peso no pé, sentando ou apoiándose de cando en vez. Tamén se debe procurar utilizar calzado con sola  de goma e con amortecemento suficiente para reducir, na maior medida posible, a agresión do impacto. Ademais os podólogos aconsellan non usalos no traballo.

Tras longas horas utilizando zapatos de tacón é necesario realizar exercicios de relaxación  do pé para descomprimir a fascia plantar e aliviar a presión. Entre as recomendacións dos expertos está a de realizar baños con auga  quente e con auga  fría. O contraste de temperaturas axudaranos  a reducir a inflamación despois de levar tacóns.

Que se utilice un zapato de tacón de maneira puntual non ten maior preocupación. O problema está no abuso continuado deste tipo de calzado.