PODOLOXÍA E SAÚDE: UNHA ANÁLISE DAS REPRESENTACIÓNS SOCIAIS DAS ENFERMIDADES DO PÉ DENDE UNHA PERSPECTIVA PSICOSOCIAL

Breve explicación da tese
O propósito da tese doutoral era determinar a percepción e actitude que teñen as persoas que presentaban problemas nos pés. Para isto, participaron no estudio 282 persoas que acudían a unha clínica privada de podoloxía cunha idade media 39.46 ± 16.026 onde se rexistrou información vinculada ás características demográficas, clínicas e crenzas relacionadas coa saúde do pé. Todos os participantes presentaban patoloxías nos pés onde o 29,9% padecían xoanetes, o 11,4% pé plano, o 5,7% metatarsalxia, o 5,5% queratose, o 5,3% dor no talón, 3.8% onicocriptose, 3.2% deformidades nos dedos dos pés, 1.8% pé cavo, 2.1% neuroma de Morton, 3,33% fungos e todas estas condicións demostraron ser significativamente máis altas en mulleres ca en homes (p <0,01). En canto á percepción e actitude relacionada coa saúde do pé mostraron unha visión positiva, a cal relacionaron coa importancia de acudir ao podólogo para controlar e tratar a saúde do pé. Finalmente, traducen a importancia dun comportamento do coidado do pé ligado á visita ao podólogo.
Preguntas a Daniel López
1. Como afecta o estado psicolóxico/emocional dunha persoa á saúde dos pés?
Dende a Unidade de investigación, saúde e podoloxía da Universidade da Coruña levamos a cabo diferentes estudos que confirman que as persoas que presentan problemas nos pés son máis proclives a padecer depresión, peor calidade de vida, apatía, illamento, dificultade para calzarse e dependencia; o que contribúe a empeorar a saúde xeral e o incremento do gasto sanitario. Unha Unidade liderada por un podólogo contribuiría de maneira substancial a reducir o sufrimento das persoas que padecen problemas nos pés e a redución das listas de espera e do gasto sanitario a nivel xeral.
2. Que características sociodemográficas inflúen máis nas enfermidades dos pés?
A orixe dos problemas nos pés é multifactorial, depende de moitos factores como: a herdanza, o estilo de vida , enfermidades crónicas como a obesidade, a diabete, a artrite, o estrés, a depresión, a práctica deportiva e a falta de visitas periódicas ao podólogo. Son factores preditores de que aparezan lesións, infeccións, alteracións e deformidades nos pés, de aí a importancia da visita periódica a este especialista para previr a aparición de problemas nos pés.
3. Cal é a actitude e crenzas da poboación cara a profesión da podoloxía?
A actitude e crenzas relacionadas co podólogo é positiva grazas, en gran medida, ao marco institucional e lexislativo que se foi configurando ao longo dos anos e á demanda social, dada a falta de coidados especializados para a saúde dos pés que había ata a aparición dese facultativo.
Si a isto lle unimos o incremento da esperanza de vida, maior demanda de coidados e un aumento de enfermidades crónicas que inflúen de maneira negativa no estado xeral da saúde e no pé, poderemos entender mellor a relevancia que ten a profesión podolóxica para a sociedade.
4. Considera que a podoloxía avanzou de maneira progresiva?
O avance desta especialidade sanitaria é inmensurable e está vinculado ás diferentes áreas de especialización e competencias relacionadas con:
- Ortopodoloxía e o emprego de novas tecnoloxías nos materiais permitiu obter axudas técnicas máis eficaces que evitan a aparición de problemas subxacentes como as deformidades óseas, restricións de movemento, debilidade muscular, disfunción dos nervios, complicacións esqueléticas, a espasticidade ou contractura
- Ciruxía ambulatoria do pé tamén denominada ciruxía podolóxica que permite por medio de procedementos quirúrxicos, denominados minimamente invasores, unha mellora no período de convalecencia e un acoutamento no tempo de curación das intervencións de xoanetes e das deformidades dixitais, sendo unha referencia para o resto de profesionais sanitarios
- Biomecánica. Ferramenta que describe á perfección e permite comprender mellor como un se pon de pé e camiña. Que grazas á sofisticación tecnolóxica e por conseguinte, ao análise computable da marcha permítenos identificar os trastornos da bidepestación e a orixe da dor nos pés, nocellos, pernas, xeonllos, cadeiras, costas e no pescozo
- Podoloxía pericial ou xurídica: apoia, protexe e vela por unha atención podolóxica de calidade na procura de mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas
Ademais a implementación de programas de prevención podolóxica relacionados con:
- A rehabilitación ou podoloxía física permiten ao paciente unha mellora substancial nas súas capacidades funcionais (forza, flexibilidade e resistencia) e limita as complicacións e a discapacidade debidas á enfermidade presente por medio de diversos tratamentos.
- O pé de risco e a creación de unidades específicas de investigación clínica, das cales o podólogo se sinte fortemente integrado e comprometido, posibilita en pacientes que presentan enfermidades devastadoras como a diabete e a artrite reumatoidea unha mellora significativa na calidade de vida, no benestar e na súa propia autonomía.
5. Cambiou a súa visión dende o ano de presentación de dita tese (ano 2011)?
A visión continúa unha liña ascendente reforzada por innumerables investigacións que deixan patente a importancia deste especialista no coidado da saúde do pé e a saúde xeral. Así como a evidencia científica na atención podolóxica relacionada coa autonomía, avaliación, diagnóstico e tratamento do coidado do pé que ten como principal obxectivo a mellora da calidade de vida e a optimización do gasto sanitario.
6. Forma parte o podólogo dun estilo de sida saudable?
As sociedades médicas, enfermería e fisioterapia falan da importancia para o control das enfermidades crónicas e factores de risco como o colesterol, hipertensión arterial, azucre alto e ansiedade. Comentan que é necesario camiñar trinta minutos diarios e a visita periódica e regular ao podólogo co fin de mellorar a saúde do pé e a saúde a nivel xeral.
Daniel López López, Diplomado en Podoloxía pola Universidade da Coruña
Título: Podoloxía e saúde: Unha análise das representacións sociais das enfermidades do pé dende unha perspectiva psicosocial. Autor: López López, Daniel. Director: Ricardo García Mira. Universidade da Coruña. Departamento de Psicoloxía, 2011.
Ficheiro da tese: https://ruc.udc.es/dspace/handle/2183/7358