O RETORNO DAS FRIEIRAS

Nos meses de invernos é moi común que volvan as frieiras, unhas lesións que aparecen especialmente nas mans e nos pés ao estar expostos ao frío
A frieira (eritema pernio) maniféstase cun arrubiamento e inflamación dunha zona do corpo que provoca dor e proído, e que ten como principal causante o frío e a mala circulación. O frío provoca que a circulación do sangue non sexa boa e supoña finalmente a súa aparición.
As lesións identifícanse facilmente, pois son vermello azuladas e preséntanse frías ao tacto. Ademais, nos nódulos, poden formarse ampolas ou costras e, en casos máis graves, os pacientes poden sufrir secuelas atróficas e deformidades. O máis común é que as frieiras desaparezan en menos dunha semana.
Os nenos, as mulleres e os anciáns son o grupo de persoas máis vulnerables á aparición de problemas de conxelación nos pés ou frieiras.
Polo momento non existe ningún tratamento que sexa eficaz para a súa cura. Sen embargo, moitos médicos recomendan pomadas antiinflamatorias e antibióticas para evitar a sobre infección das feridas e algún corticoide tópico para calmar o picor para aqueles pacientes con moita inflamación. Antes de nada é importante coñecer unha serie de recomendacións tanto para evitar a súa aparición como para a súa rápida curación.
Que podemos facer para previr a súa aparición?
1. Se utilizamos roupa illante do frío reduciremos as posibilidades de sufrir unha frieira
2. Evitar os contrastes fortes frío-calor. En moitas ocasións estamos durante un período de tempo prolongado diante dunha estufa ou calefactor ou con bolsas de auga quente nos pés e posteriormente saímos á rúa, un grave erro que pode traer consecuencias
3. Hidratar os pés. Un pé cunha boa circulación é menos propenso a sufrir frieiras e isto conséguese cunha boa e constante hidratación na articulación
4. Dar masaxes nos pés e mover as pernas (se pasamos moito tempo sentados) para favorecer a circulación. Igual que no punto anterior, é importante favorecer a circulación do sangue
5. A dieta tamén pode influír. Débense de tomar alimentos ricos en magnesio, calcio e vitaminas E,K e C. Os lácteos e a cafeína en grandes doses poden causar frieiras
6. Beber auga con frecuencia é imprescindible xa que a deshidratación pode arrefriar os pés
7. Aplicar cremas con vitamina F e ácidos graxos activadoras da circulación. Aplicaríase nas zonas articulares, zonas varicosas e na pel sensible ao frío e á humidade. A pel necesita coidados de carácter graxo, protector e conservador da calor