ATAQUES DE GOTA, UNHA DAS AFECCIÓNS MÁIS COMÚNS NOS PÉS EN NADAL

Que é a gota?

A gota é unha enfermidade provocada polo depósito de ácido úrico: unha substancia presente no sangue, concretamente no interior das articulacións, onde vai formando unha especie de pequenos “cristais”. Estes cristais provocan, durante o ataque agudo, a inflamación dolorosa, arroibamento e aumento da temperatura da articulación, que se volve moi sensible ao tacto. A maioría das veces afecta ao dedo gordo do pé, aínda que pode afectar ao nocello, ao xeonllo e á man. Ademais de prexudicar ás articulacións, a gota pode afectar aos tendóns e bolsas que as rodean.

É importante ter en conta dous aspectos. Non sempre que existe hiperuricemia – elevación do ácido úrico en sangue- se desencadean ataques de gota e non en todos os ataques de gota se detectan niveis elevados de ácido úrico en sangue.

Síntomas

Os síntomas xa mencionados adoitan durar entre tres e dez días, e logo adoitan desaparecer, incluso sen aplicar ningún tratamento. Sen embargo, co paso do tempo, adoitan repetirse. Os novos ataques de gotas serán cada vez máis frecuentes, durarán máis tempo e as súas consecuencias sobre a saúde serán máis graves. Poden afectar a novas articulacións e acabar volvéndose crónicos, o que se coñece como artrite gotosa. Esta enfermidade pode levar a reducir a mobilidade do afectado.

 Factores de risco

Aínda que calquera persoa pode sufrir en algún momento os ataques de gota existen unha serie de factores que aumentan a probabilidade de sufrir a afección:

  • Ter elevados os niveis de ácido úrico no sangue (por encima dos 6,8 mg/dl.)
  • Ser home e adulto
  • Ser obeso ou sufrir sobrepeso
  • Inxerir certos fármacos como os diuréticos e a ciclosporina
  • Seguir unha dieta rica en alimentos ou substancias que potencian os niveis de ácido úrico. Entre eles, algúns mariscos, o peixe azul, as carnes vermellas, a cervexa (con e sen alcohol), bebidas alcohólicas e refrescos
  • Ter estado exposto ao chumbo
  • Sufrir algunha das seguintes enfermidades: insuficiencia renal, presión arterial alta, exceso de colesterol e triglicéridos no sangue, entre outras.

Quen son os afectados?

O ataque de gota é catro veces máis frecuente en homes que en mulleres. Concretamente ten unha maior incidencia nos homes a partir dos 40 anos por exceso de ácido úrico e problemas renais. No caso das mulleres adoitan sufrir a afección despois da menopausa. Escasamente afecta a nen@s. Para o diagnóstico, o médico pode facerlle probas de sangue para ver se ten niveis altos de ácido úrico. Outra opción, sería tomarlle unha mostra de líquido dunha das articulacións nas que ten dor para ver se contén cristais de ácido úrico.

Consellos dos podólogos

O tratamento pódese basear en medicamentos de diferente índole e consiste en reducir a dor dos ataques de gota, axudando a previr e evitar o dano irreversible nas articulacións. O obxectivo é diminuír os niveis de ácido úrico no sangue, e para isto deixamos unha serie de recomendacións:

Realizar un diagnóstico temperá. Para isto hai que acudir ao especialista para pautar o tratamento adecuado xa que poden existir, como dixemos, danos colaterais a nivel renal e/ou coronario, existindo máis posibilidades de padecer problemas vasculares que poidan afectar ao corazón e ao cerebro. Un podólogo especializado valorará un tratamento precoz de descarga ou de analxesia.

Coidar a alimentación e o estilo de vida

Os excesos na alimentación, especialmente, por abusos de alimentos grasos, mariscos e alcohol son as principais causas que provocan un empeoramento da patoloxía nos pacientes que a padecen ou son propensos a ela. Os pacientes con ataques recorrentes de gota ou cálculos renais deben tomar precaucións nos seus hábitos diarios e tratamentos orientados a regular os niveis sanguíneos de ácido úrico. Estes consisten nunha dieta equilibrada e saudable, controlar o seu peso e eliminar os alimentos con alto contido en purinas, principalmente. Desta maneira, os podólogos recomendan evitar o consumo de alcohol, beber de 10a 12 vasos de auga diarios e realizar exercicio físico.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *