A INFECCIÓN POR PAPILOMAS, UN DOS PROBLEMAS MÁIS COMÚNS

Significado de verruga plantar ou papiloma

Os papilomas son un tipo de verrugas víricas que afectan aproximadamente ao 10 % da poboación e máis particularmente aos nenos e adolescentes, aínda que poden afectar a persoas de calquera idade. É de importancia destacar que o termo papiloma para referirse ás verrugas plantares, non se emprega de maneira correcta en medicina. As verrugas plantares están causadas polo virus do papiloma humano (VPH), e este é o motivo do seu nomeamento. Os papilomas aparecen como lesións simples ou solitarias, ou polo contra, poden chegar a agruparse en zonas máis ou menos grandes.

Como detectalo

Esta infección soe aparecer nas plantas dos pés. A súa aparencia é moi similar á dunha coliflor e pódense apreciar na maioría dos casos unhas reducidas manchas negras no seu contorno. O corpo exerce unha forte presión sobre as plantas dos pés e isto pode formar un endurecemento da pel encima da verruga. O máis común é que aparezan na parte interior do pé. Para algunhas persoas son dolorosas e para outras non, todo depende do seu tamaño, evolución, localización e subtipo de virus do papiloma humano.

 Factores que teñen que darse para a súa aparición

A principal causa sería por andar descalzo e que, no momento de contacto co virus do papiloma, a persoa sufra unha baixada de defensas. Moitos pensan que o papiloma só pode aparecer nos meses de verán xa que é o momento no que se pasa máis tempo descalzos, tanto no fogar como en espazos públicos con multitude de persoas, pero non é así. O papiloma ou verruga plantar pode aparecer durante todo o ano.

Transmítense comunmente en baños e piscinas públicas e ao compartir zapatos. Ademais existen unha serie de factores que permiten que sexa máis fácil a entrada do virus como as feridas, a calor e a humidade, a falta de hixiene ou un sistema inmunolóxico diminuído.

 Diferenzas cos calos

O raspado e o desbridamento da lesión mostra uns puntos de cor negra sangrantes chamados papilas, principal diferenza cas durezas e calos plantares que non as presentan. Outra maneira de diferencialos fai referencia á dor ao beliscar que soe ser máis notable que a dor ao oprimir cun dedo, ao contrario do que ocorre cun calo.

 Tratamentos para a súa cura

Na actualidade non hai suficientes estudos que aclaren os pasos a seguir para tratar un papiloma no pé ou verrugas plantares. Hai unha infinidade de tratamentos pero pode que non sexan efectivo en todos os casos.

Entre os máis habituais están os seguintes:

  • Cremas ou inmunomoduladores
  • Tratamentos químicos mediante preparados tópicos a base de ácidos: nítrico, salicílico, ticloroacético, etc
  • Crioterapia: a conxelación do papiloma con nitróxeno líquido ou outros dispositivos. É un dos tratamentos máis empregados. Require de varias aplicacións seguidas e pode chegar a ser moi dolorosa
  • Ciruxía ou extirpación quirúrxica. É o tratamento que presenta un maior índice de efectividade

Recomendacións para evitar este tipo de infeccións

  • Despois de ducharse procurar limpar a bañeira ou ducha con lixivia e deixala actuar durante 30 minutos aproximadamente
  • Utilizar unha toalla para os pés e outra para o corpo e non compartir en ningunha ocasión a toalla dos pés nin as alfombras ao saír da ducha
  • Se temos calquera alteración ou ferida nos pés debemos ter en mente que pode ser unha vía para a entrada do virus
  • Tratar patoloxías de base que poidan favorecer a infección do virus como sudoración excesiva, puntos de sobrecarga, enfermidades vasculares e metabólicas, etc
  • É importante non intercambiar zapatillas, calcetíns, medias, chancletas…
  • Non camiñar descalzos, especialmente en lugares públicos, como nas duchas de vestiarios. O uso de chancletas é indispensable
  • Ter coidado coa utilización de tesoiras, limas ou calquera outro aparello cortante. Non debe usarse un instrumento en varias zonas do corpo nin compartilo con outras persoas
  • Os profesionais deben evitar o contacto directo con material infectado polo VPH

A importancia de acudir ao podólogo

É recomendable acudir cada certo tempo a unha revisión por parte do podólogo para descartar a aparición de certos contaxios por verrugas plantares. No caso de xa padecer a transmisión, este profesional poderá deter a súa extensión aplicando o tratamento adecuado para cada paciente en función da idade, tipo de lesión, localización e tempo de evolución.

A paciencia é un factor clave no tratamento dos papilomas xa que conseguir que desaparezan pode levar semanas ou incluso meses. Ademais cabe saber que a supresión dun papiloma non supón que este non volva a aparecer ou se manifeste noutra zona da pel.

A fotografía da cabeceira pertence ao cadro Shirin Neshat. Serie: Pés na arte, 2018 da autora Noemí Lorenzo Pérez.