0S 50 ANOS DA REVISTA ESPAÑOLA DE PODOLOXÍA

Foi a principios do ano 1968 cando se publicou o primeiro número coa denominación actual de Revista Española de Podología (xaneiro-febreiro). Este primeiro número contaba unicamente con 3 artigos. A partir dese momento a revista comezou un longo e próspero camiño. A pesar de todos os problemas e dificultades que  sufriu ao longo da súa historia, con máis de dez redactores-xefes diferentes, a publicación segue adiante na actualidade.

Dende a súa creación, a Revista Española de Podología foi a peza clave do desenvolvemento no campo da podoloxía en España. Os actuais podólogos poden botar unha ollada atrás e apreciar o progreso profesional realizado nos últimos anos, e así mesmo observar as bases establecidas sobre as que construír e mellorar o seu futuro.

Un dos feitos a destacar é o momento no que o Consello asume a publicación da revista, concretamente no 2002, “con la firme voluntad de acentuar los vínculos de cohesión internos de todos los profesionales de la Podología”, así como “ser el único representante legal del colectivo”. Un ano máis tarde, no 2003 os membros da revista marcaron o obxectivo de adaptala para conseguir a súa inclusión en índices bibliográficos.

Na actualidade, o número de podólogos en España é duns 7000 ; unha cantidade que se multiplicou por 10 dende o momento no que se creou a revista.

Unha revista científica supón un gran traballo, dedicación e constancia para que o resultado sexa valorado polos lectores. Nos últimos anos conseguíronse avances importantes na profesión, prestixio social e recoñecemento académico e profesional froito, nunha gran parte, dos logros alcanzados por todos e cada un dos profesionais da podoloxía.

A revista pretende ser un fiel reflexo das actividades diarias do podólogo, así como dos actos culturais, científicos e de divulgación que se realicen cun interese podolóxico.

Non está todo feito. As futuras xeracións terán que traballar duro para alcanzar grandes éxitos e seguir crecendo na profesión.