ESPECIAL ATENCIÓN AOS PRODUTOS DE FARMACIA SEN RECOMENDACIÓN MÉDICA

Moitas veces, cando sufrimos pequenas doenzas ou certas molestias nalgunha extremidade do noso corpo, decidimos acudir sen suxestión médica a unha farmacia. Pensamos que deste xeito os farmacéuticos nos darán algún tipo de fármaco que solucione o problema. Os cidadáns deben ser conscientes de que un mal uso destes produtos pode complicar a afección existente ou incluso provocar unha nova.

Un farmacéutico poderá asesorarnos de algún xeito pero debemos ter en conta que na maioría dos casos non ten un acceso visual da alteración e o seu consello estará baseado unicamente nas explicacións que o paciente lle aporte. Acabará por ofrecernos un produto sen saber cal é o problema.

Unha das accións máis correntes das persoas é acudir á farmacia en busca dunha crema calicida para a cura dalgún calo. Ademais, é habitual que o paciente non lea o prospecto con atención antes de aplicala na zona afectada, e isto supoña  unha serie de contratempos.

Na actualidade existen moitas marcas de calicidas pero a maioría de elas teñen en común a súa composición. Case todos conteñen unhas cantidades elevadas de ácido salicílico, un compoñente moi utilizado na medicina pero que en doses altas pode resultar corrosivo.

A eliminación dos calos, sen unha previa realización dun diagnóstico para coñecer cales son as causas que o producen, pode manter e incluso agravar o problema.

Nun estudo realizado polo Colexio Oficial de Podólogos de Galicia obtivéronse os seguintes datos:

Como xa temos mencionado en máis ocasións é o podólogo o profesional sanitario que ten a formación e competencia legal para diagnosticar e tratar todo tipo de alteracións nos pés. Ao contrario, os farmacéuticos non teñen a facultade para receitar medicamentos suxeitos a prescrición médica.

Por último, aclarar que moitas veces os colexiados ven escaparates das farmacias con publicidade referente á prestación de servizos de podoloxía no propio establecemento. Este feito é totalmente ilícito, polo que poden iniciar os trámites legais que se consideren oportunos.

A Lei 29/2006, de 26 de xullo de garantías e uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios (Lei do Medicamento), establece a incompatibilidade de prestar servizos sanitarios de podoloxía ou de calquera outra profesión sanitaria con competencia para prescribir medicamentos no mesmo centro sanitario onde se dispensan.

Isto quere dicir que ningún profesional da podoloxía pode exercer a súa actividade no mesmo centro destinado a farmacia. Polo tanto, cando teñamos algunha doenza podolóxica debemos acudir en primeiro lugar a un centro de podoloxía e que sexa o podólogo quen diagnostique e prescriba o medicamento máis adecuado para a nosa patoloxía.