NON É O MESMO UNHA QUIROPODIA QUE UNHA PEDICURA

O profesional da estética ten asignado, dentro do campo profesional, o tratamento estético do pé (pedicura). Pero en calquera circunstancia ten prohibido realizar tratamentos de patoloxías do pé por moi sinxela que sexa, como por exemplo, unha calosidade ou unha unlla enferma. Isto corresponde ao campo do podólogo.
Hai moitos anos estableceuse que o concepto de “pedicuro ou calista” debía eliminarse a favor do termo podólogo. Cabe dicir que na actualidade non existe no noso país unha profesión recoñecida co nome de pedicuro, simplemente fai referencia a unha función dos profesionais da estética e da beleza. De ningunha maneira podemos concibir que o “pedicuro” é un especialista do pé.
En canto ás competencias que se recollen no título profesional de Técnico en Estética faise alusión a que: “se se detectan no cliente indicios de patoloxía nas unllas, zona periungular ou pel debe remitirse a consulta médica (podólogo)”.
É importante sinalar que cando un esteticista trata unhas durezas non patolóxicas, nunca pode usar instrumentos de corte.
Neste sentido, existen moitas confusións nos pacientes á hora de diferenzar unha quiropodia dunha pedicura. Como xa fixemos mención, a pedicura é un tratamento estético para o pé realizado por un profesional da estética, ao que moitos coñecemos co nome de esteticista. Polo contrario, a quiropodia trátase dun tratamento sanitario no que un profesional da saúde, neste caso un podólogo, fai unha valoración das posibles lesións e alteracións do pé actuando sobre elas.
Isto é o que nos pode pasar ao facer a pedicura…
- Que nos corten as unllas dos pés máis do debido e que supoña determinadas lesións
- Un abuso de produtos químicos que perxudiquen a saúde do noso pé
- Unha exfoliación incorrecta da pel con coitelas ou bisturís que supoñan cortes ou molestias a priori
Ante unha alteración no pé acude ao podólogo. Vai a atenderte e recomendarche o tratamento adecuado para evitar que o problema siga desenvolvéndose.
A fotografía da cabeceira pertence ao cadro Nan Goldin. Serie: Pés na arte, 2018 da autora Noemí Lorenzo Pérez.